Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 7 ao 13 de marzo de 2016

Taiwan Hebdo 10-2016

1. Informe

Co pano de fondo do 5º aniversario do desastre nuclear de Fukushima, arreceu o debate sobre o futuro da enerxía nuclear en Taiwan. O día 12, unha gran marcha antinuclear percorreu o Bulevar Ketagalan para esixir ao goberno un país desnuclearizado para o ano 2025.

Apartados xeográficos China y el mundo chino
Idiomas Galego

1. Informe

Co pano de fondo do 5º aniversario do desastre nuclear de Fukushima, arreceu o debate sobre o futuro da enerxía nuclear en Taiwan. O día 12, unha gran marcha antinuclear percorreu o Bulevar Ketagalan para esixir ao goberno un país desnuclearizado para o ano 2025.

Ma Ying-jeou reiterou que as enerxías verdes non son unha fonte estable e que actualmente non é posible desfacerse de todo da enerxía nuclear, polo que os plans deben flexibilizarse, tal como xa fixeron outros países, adoptando estratexias globais. No entanto, o PDP veu exhibindo un particular e tradicional empeño na eliminación da dependencia da enerxía nuclear. Catro ideas resumen as súas posicións: paralizar a cuarta central nuclear; non alargar a vida útil das outras tres; posta a piques dun programa de revisión da seguridade; e fortalecemento da prevención de crise. O PDP recorda que países como Alemaña ou Corea do Sur teñen en marcha plans para liberarse da enerxía nuclear. No entanto, Taiwan enfronta dous problemas estruturais graves: en primeiro lugar, a alta dependencia da importación enerxética, o 98 por cento; segundo, a dependencia da enerxía nuclear e o carbón para o 2 por cento restante. 

En canto ao problema dos residuos, Francia podería ser o seu destino. Actualmente e desde 1982 almacénanse na Illa Orquídea, con protestas reiteradas dos residentes locais. 


Para rematar, poderían revisarse en breve as esixencias en materia de importación de alimentos desde Xapón. Actualmente están prohibidas as importacións das prefecturas xaponesas de Fukushima, Ibaraki, Tochigi, Gunma e Chiba, directamente afectadas polo accidente nuclear de 2011.
 

2.      Observacións de contexto 

* No 25 aniversario da creación da SEF, a Fundación taiwanesa para os Intercambios a través do Estreito, Ma Ying-jeou recordou que o Consenso de 1992 é a base política para o diálogo bilateral. Tamén sinalou que sen comercio coa parte continental, Taiwan podería ter un enorme déficit comercial. Nos últimos oito anos, o volume total comercial ascendeu a 1 billón de dólares.

* Nas sesións anuais lexislativas, as lianghui, celebradas en Beijing, foron varias as alusións a Taiwan. En primeiro lugar, expresouse o rotundo rexeitamento a calquera posible visita do Dalai Lama a Taiwan. Segundo, reafirmouse a negativa á venda de armas de EUA a Taiwan ante o anuncio dunha probable venda de dúas fragatas por valor de 190 millóns de dólares; o plan ferroviario de alta velocidade Beijing-Taipei foi cualificada de “iniciativa unilateral” por fontes taiwanesas. A posibilidade dun encontro Xi-Tsai é remota, coinciden en Beijing e Taipei. 

* O goberno investigará a ilegalidade da acción desenvolvida pola policía militar en relación á procura de información clasificada relacionada co período do Terror Branco, unha iniciativa desenvolvida pola súa conta.

* Con motivo do día internacional da muller traballadora, as autoridades taiwanesas destacaron as melloras experimentadas en asuntos como o permiso de maternidade ou paternidade, en educación ou en materia de igualdade salarial.

* Nun encontro co ex primeiro ministro italiano Mario Monti, Ma urxiu á UE a asinar un acordo económico con Taiwan. O volume comercial bilateral ascende a US$46.400 millóns. Italia é o quinto maior socio comercial de Taiwan na UE cun comercio bilateral que ascendeu a US$3.700 millóns o pasado ano.

* Taiwan e Panamá asinaron un convenio de cooperación técnica en agricultura e noutras áreas.

* O día 13, o aínda presidente Ma Ying-jeou iniciou a súa derradeira viaxe ao exterior que lle levará a Guatemala e Belice, con escalas en Houston e Los Ángeles.

* O Senado de EUA aprobou unha resolución de apoio á participación de Taiwan na INTERPOL, que abandonou en 1984, cando o seu nome foi cambiado a “Taiwan,China”.

* Nunha visita a Kaohsiung, Tsai Ing-wen reafirmou a política de construción de buques de guerra indíxenas, destacando á defensa como unha das cinco principais industrias de Taiwan. 

3. Datos relevantes 

* Taiwan é o 19º país máis rico do mundo (segundo Global Finance Magazine), por diante de Francia, Reino Unido, Italia, Xapón ou Corea do Sur. En Datos Abertos, ocupa a primeira posición desde 2015, en comparación coa posición 36 en 2013 e 11 en 2014. Ostenta a terceira posición mundial en “transición política” dunha lista de 129 países (Bertelsmann Foundation). É o segundo país coa mellor orde social do mundo enteiro (Lifestyle9 e Presscave). En poderío militar sitúase en 13er. lugar (Credit Suisse Group), por diante de Israel, Australia ou Canadá. 

* Taiwan gastará US$175 millóns este ano en investigación e desenvolvemento de sistemas de armas fabricadas localmente, cantidade que representa un aumento do 211 por cento en comparación coa consignación do pasado ano. 

* O Índice de Xerentes de Compras do sector manufactureiro taiwanés afundiuse 9,9 puntos en febreiro ata os 41,4, o rexistro máis baixo desde que se calculou por primeira vez en 2012. 

* As exportacións caeron en febreiro un 11,8 por cento, por 13eiro mes consecutivo.

* Unha delegación comercial taiwanesa visitou Malaisia, Singapur e Hong Kong para atraer investimentos destes países do Sueste Asiático, colectando gran interese polas medidas de apertura adoptadas no mercado de capitais taiwanés. 

* A moeda de China continental, o yuan, poderá ser usada polos investidores no mercado bursátil de Taiwan para comprar os diferentes fondos cotizados na bolsa nun futuro próximo.

* Birmania autorizou a apertura dunha oficina do grupo taiwanés E.Sun Bank no seu territorio. 

* Unha compañía de viaxes xaponesa, Rakuten Travel, asinou un acordo de cooperación co Buró de Turismo de Taiwan. En 2015, 5 millóns de xaponeses visitaron Taiwan, un 30 por cento máis que o ano anterior. 

* Taiwan lanzará a finais deste ano o seu satélite número 7 FORMOSAT, que terá por obxecto a recompilación de datos atmosféricos máis detallados.
 

4. Nomes relevantes

* Mario Monti é o primeiro líder político de máis alto rango de Italia que visita Taiwan. 

* James Soong reuniuse con Tsai Ing-wen. Pouco transcendeu do encontro pero se especula con que poida desempeñar algunha misión no próximo gabinete (relacións con Beijing?).