Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 22 ao 28 de Agosto de 2016

Taiwan Hebdo 34-2016

1. Informe

Malia que todos os lazos oficiais a través do Estreito están suspendidos, o 23 de agosto celebrouse unha nova edición do Foro Taipei-Xangai. Á súa chegada ao aeroporto, a comitiva continental foi recibida con protestas convocadas pola UST e con vítores dun grupo de aborixes Taiya do pobo de Jianshi. O foro vénse celebrando desde 2010 de xeito rotatorio nas dúas cidades. A diferenza de anteriores ocasións, nesta non houbo visitas a outras partes de Taiwan.

Apartados xeográficos China y el mundo chino
Idiomas Galego

1. Informe

Malia que todos os lazos oficiais a través do Estreito están suspendidos, o 23 de agosto celebrouse unha nova edición do Foro Taipei-Xangai. Á súa chegada ao aeroporto, a comitiva continental foi recibida con protestas convocadas pola UST e con vítores dun grupo de aborixes Taiya do pobo de Jianshi. O foro vénse celebrando desde 2010 de xeito rotatorio nas dúas cidades. A diferenza de anteriores ocasións, nesta non houbo visitas a outras partes de Taiwan.

A delegación continental foi encabezada polo responsable da Fronte Unida do PCCh en Xangai, Sha Hailin, unha circunstancia que suscitou polémica desde o primeiro momento malia que o facía como representante do alcalde, Yang Xiong, de visita en EUA. Sha Hailin é o funcionario de maior rango do continente que visita Taiwan desde a asunción de Tsai Ing-wen. Con anterioridade foi vicesecretario xeral da cidade e presidente do Comité de Negocios, entre outros cargos. Desde o 20 de maio, os intercambios coas autoridades chinesas de nivel provincial tamén se suspenderon, o cal explicaría a ausencia do alcalde Yang. Algúns concelleiros atribuíron a ausencia á perda de popularidade do seu homólogo Ko Wen-je e ata a unha suposta estrataxema do PCCh para tentear ás autoridades da illa. 

Os críticos do encontro acusaron a Ko, afín ao PDP, de intentar acumular caudal político co foro para gañarse o favor dos votantes nacionalistas. Ko defendeu no encontro o seu plan de “4 interaccións mutuas”: coñecemento, entendemento, respecto e cooperación. O representante do alcalde de Xangai, Sha Hailin, aludiu ao “correcto recoñecemento” entre ambas partes, significando o respecto ao Consenso de 1992 e a consideración de que ambas beiras forman parte dunha mesma familia. Tamén destacou a singular presenza de taiwaneses en Xangai e encomiou a creación dunha División de Asuntos de China continental no goberno de Taipei.

Tralos discursos, asináronse tres memorandos de entendemento e celebráronse cinco subforos. A axenda estivo marcada por asuntos como a cultura e o transporte, a sanidade e hixiene, os intercambios xuvenís ou as cidades intelixentes. Normalidade, en suma, no medio da anormalidade. 

2. Observacións de contexto.

* Transcorridos os tres primeiros meses do seu mandato, a presidenta Tsai Ing-wen fixo un primeiro balance da súa xestión destacando as iniciativas máis importantes levadas a cabo en dosieres deixados de lado por anteriores administracións. Tsai destacou o impulso rexistrado en varias ordes: a democratización, a reconciliación, o desenvolvemento económico, a política exterior… Os índices de popularidade reflicten unha tendencia á baixa no apoio cívico. O seu nivel de aprobación caeu por baixo do 50 por cento. Tsai prometeu continuar as reformas e o goberno asegurou tomarse en serio os resultados das sondaxes. Ademais da incerteza a través do Estreito, a reforma xudicial é o seu maior hándicap. 

* O KMT (Wei Chia-hsien) gañou as eleccións parciais en Hualien cun 54,17 por cento fronte ao 42,18 do PDP (Chang Mei-hui). É a segunda elección local parcial desde o 20 de Maio. Na anterior, a alcaldía de Tianwei, tamén gañou o KMT. 

* O primeiro ministro Lin Chuan compareceu no Foro Nacional de Líderes Industriais para reivindicar a concordia entre traballadores e patróns e o papel equilibrador do goberno. 

* O responsable da Nova Política cara ao Sur, James Huang, sinalou que no mercado de China continental “xa non cabe nin unha formiga”, polo que é indispensable mirar cara ao Sueste Asiático como extensión do mercado interno e das demandas internas de Taiwan. 

* A sucursal de Nova York do Banco Comercial Mega Internacional foi multado por EUA por un monto de 180 millóns de dólares por violar a lei de privacidade e a lei contra o lavado de diñeiro. Taipei ordenou a creación dun equipo de investigación interministerial para aclarar o caso.

* Unha vez clarificada a súa composición, a próxima semana botará a andar a Comisión para o Tratamento dos Activos Ilegais dos Partidos Políticos. 

* Ningunha das cinco cidades chinesas (Tianjin, Xangai, Shenzhen, Xiamen e Fuzhou) invitadas a un foro internacional organizado por Kaohsiung responderon si planean asistir. A alcaldesa de Kaohsiung, Chen Chu, foi a primeira alcaldesa do PDP en visitar o continente. A súa viaxe, en 2009, preparou o terreo para as visitas doutras autoridades locais do PDP. 

* Os exercicios militares Han-Kuang No. 32 correspondentes a 2016 iniciáronse o día 22 e duraron ata o 25. Os simulacros afrontan como hipótese un ataque militar a Taiwan por parte de China continental. Tsai Ing-wen anunciou a elaboración dunha nova estratexia de defensa para cambiar a cultura das forzas armadas. Nos tres meses transcorridos debeu enfrontarse a dous incidentes graves: o disparo accidental dun mísil desde un buque da armada e a morte accidental de catro soldados nun tanque ao regresar dunhas manobras. 

3. Datos relevantes

* A delegación taiwanesa en Río 2016 regresou a casa cunha medalla de ouro e dous de bronce, quedando no posto número 50 do medalleiro. Varias organizacións civís reclamaron que o título oficial e a bandeira do equipo olímpico sexan “corrixidos” en Tokio 2020.

* Taiwan investirá máis de 10.000 millóns de dólares en obras de infraestrutura co propósito de dinamizar a economía. 

* A taxa de desemprego correspondente ao mes de xullo situouse nun 4,02 por cento, marcando un máximo histórico desde setembro de 2014. 

* A taxa de usuarios de Internet en Taiwan é do 96 por cento, a segunda máis alta de toda Asia-Pacífico, só detrás do 97 por cento rexistrado en Hong Kong.

* A porcentaxe de matrimonios entre mulleres maiores e homes máis novos en Taiwan rexistrou o 18,2 por cento a finais de 2015, en comparación co 14,6 por cento en 1997. En Xapón, as cifras elévanse ao 24,3 por cento e en Hong Kong ao 20,1 por cento. 

* Segundo un estudo oficial, a poboación taiwanesa comezará a declinar de aquí a 5 ou 10 anos. A partir de 2026, formará parte das “sociedades envellecidas” con máis do 20 por cento da poboación con 65 anos ou máis. 

* Os viaxeiros a través do Estreito diminuíron ao redor de 70.000 desde maio, sendo o aeroporto de Taichung o que sufriu a maior diminución. Algunhas compañías aéreas reduciron voos, en especial aqueles con orixe ou destino en cidades de segundo ou terceiro nivel en China. Varios empresarios do sector anunciaron unha manifestación para demostrar o seu descontento. 

4. Nomes relevantes

* Yang Wei-chung, ex portavoz do KMT, denunciou a denegación dun visado para visitar Hong Kong, ao parecer por formar parte da comisión que investigará os activos ilegais dos partidos. A medida só reforza a impresión de que o KMT e o PCCh son socios, dixo. En xuño, Yang foi expulsado do KMT. 

* O vicepresidente Chen Chien-jen representará a Taiwan na cerimonia de canonización da Nai Teresa de Calcuta que se levará cabo no Vaticano. 

* Zhang Zhijun, xefe da Oficina de Asuntos de Taiwan do Comité Central do PCCh, e o ex presidente do KMT, Wu Po-hsiung, reuníronse esta semana en Xangai.

* Allen Chastanet, primeiro ministro de Santa Lucía, visitou Taiwan tras unha xira por China continental. Chastanet asegurou que “de ningún xeito” pretende establecer lazos diplomáticos con Beijing. 
* Ma Ying-jeou e Xi Jinping serán recomendados por un grupo de ex asesores de políticas nacionais en Taiwan como candidatos para o Premio Nobel da Paz.