2002 turquia recep tayip erdogan

Tensión turca

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego
 Viktor Yanúkovich, clic para aumentar
Turquía semella hoxe un firme aliado occidental en materia enerxética e militar, así como na consecución dunha interesante alternativa plasmada no islamismo moderado. Pero a tensión entre a identidade e o camiño a seguir por Turquía no futuro segue a navegar por augas turbulentas e perigosas. (Foto: O primeiro ministro Recep Tayip Erdogan posa xunto a un cadro do fundador da República, Mustafá Kemal Atatürk).
 

Corren augas turbulentas en Ankara. O recente asasinato dun xuíz laico, presuntamente atribuído a un militante islamita, provocou unha forte e inédita reacción pública da elite militar turca, cun chamamento á poboación a defender os valores seculares e republicanos do Estado fundado por Kemal Atatürk en 1923.

Anteriormente, o alcalde islamita dunha poboación no interior da Anatolia foi condenado por "insultar" a Atatürk. Ao tempo a Asemblea Nacional turca prohibía a utilización do velo nas deputadas do AKP, argumentando que esta institución defendía os valores seculares.

Esta semana, o choque entre dous avións F-16 turco e grego nas augas mediterráneas próximas á illa de Kharpatos, ameazou con rebordar o seu caudal incendiario nas delicadas relacións entre Ankara e Atenas, debido a que existen reclamacións marítimas entre Turquía e Grecia en torno ao mar Exeo. A pesares disto, semella pouco probable o inicio dunha crise bilateral greco-turca.

Estes casos apuntan cara un escenario de irritación e confrontación directa entre o goberno islamita do AKP, do primeiro ministro Recep Tayip Erdogan, e a elite militar e civil turca, autoconsiderada como "defensora dos valores republicanos e laicos". Este escenario provocou unha caída da bolsa de valores turca e da moeda nacional, revivindo os temores dunha renovación da crise económica e financeira do 2001.

Gran parte destas tensións turcas teñen que ver co desenvolvemento das relacións de admisión á Unión Europea. Existe un ambiente de pesimismo tanto en Ankara como en Bruxelas diante do estado destas negociacións, que comezaron formalmente en outubro pasado. O goberno turco acusa a Austria e a Francia de obstaculizar as demandas turcas mentres nas institucións da UE se observae con preocupación a demora do programa de reformas, a situación dos dereitos humanos e o avance do islamismo político en Turquía.

Factores históricos tamén conflúen na actual relación Turquía-UE. Para evitar roces co goberno turco, principalmente coa finalidade de salvagardar acordos comerciais e militares bilaterais, a semana pasada a Asemblea Nacional Francesa rexeitou un pedido realizado por parlamentarios franceses e polo lobby armenio nese país, para recoñecer oficialmente o "xenocidio armenio" acontecido entre 1915 e 1923. Dende Ankara ameazaron con boicotear os acordos comerciais coa República francesa, nunha situación similar á de abril de 2001, cando o Parlamento francés votou a favor do recoñecemento deste xenocidio.

Para o ministro de Defensa turco, Hilmi Ozkoz, o primeiro ministro Erdogan e o AKP están tensando a corda entre os sectores laicos e os islamitas na sociedade turca, ameazando o legado instituído por Atatürk, e de propiciar gran parte da paralización nas relacións con Bruxelas. A este problema se engade a renovación do activismo kurdo na zoa do sueste do país, principalmente cara Diyarbakir. O funeral de catro milicianos do PKK, Partido dos Traballadores do Kurdistán, provocou un enfrontamento entre simpatizantes kurdos e autoridades policiais, con varias detencións. As ONGs acusaron ás autoridades turcas de practicar a tortura con kurdos menores de idade. Tamén se observa a revitalización do movemento terrorista islamita Hizbullah, antes tolerado polas autoridades porque a súa loita se limitaba ao combate contra os separatistas kurdos.

Se considera que a elite militar espera fomentar un sentimento anti-AKP, baseado na ameaza á integridade do Estado turco, coa finalidade de provocar un adianto das eleccións lexislativas e a chegada dun partido laico ao poder. O problema é que Erdogan aínda posúe óptimos niveis de popularidade. Do mesmo xeito, a opción islamita, a traveso de cofradías e organizacións caritativas, avanza como alternativa a un Estado que amosa sinais de ineficiencia.

Un agudo observador occidental de Turquía, o xornalista norteamericano Stephen Kinzer, analizou que Turquía podería constituír "un gran éxito" como país no século XXI ou ben "un dos seus máis apreciables fracasos". Turquía semella hoxe un firme aliado occidental en materia enerxética e militar, así como na consecución dunha interesante alternativa plasmada no islamismo moderado. Pero a tensión entre a identidade e o camiño a seguir de Turquía segue a balancear ao país por augas turbulentas e perigosas, expandindo co seu impacto unha rexión xeopolíticamente delicada.