Terrorismo contra democracia

Os poderes financeiros europeos, que só se senten a gusto fóra da democracia, puxeron os seus berros máis alá dos ceos pola consulta de onte de Tsipras ao pobo grego. Porque a medida, á marxe mesmo da vitoria do non, pon en cuestión as esixencias da troika, e os dogmas, como cuestión que son de fe, non se poden discutir.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Os poderes financeiros europeos, que só se senten a gusto fóra da democracia, puxeron os seus berros máis alá dos ceos pola consulta de onte de Tsipras ao pobo grego. Porque a medida, á marxe mesmo da vitoria do non, pon en cuestión as esixencias da troika, e os dogmas, como cuestión que son de fe, non se poden discutir.

Unha ousadía semellante custoulle a Papandreu o seu cargo e foi substituído por un tecnócrata imposto polas «institucións», algo que se procura agora de novo, con desprezo absoluto polas decisións do pobo grego. Que as medidas que aquelas propoñen sexan absurdas, que teñan fracasado no mundo enteiro, que só causen desfeitas onde se aplicaron, iso carece de importancia. O que importa é a fe. A fe ao servizo dos intereses.

Pero agora, despois de tanto sufrimento inútil, as incompetentes autoridades do FMI teñen o valor, ou a cara lavada, de recoñecer que Grecia non pode pagar a súa débeda e que haberá que chegar a unha condonación parcial, a unha reestruturación da mesma, como se adoita en todas partes en casos semellantes.

O contrario -as esixencias que se veñen facendo- non é senón terrorismo financeiro. Stathis Kouvelakis, profesor do King’s College de Londres, entre outros, díxoo moi ben: os xerarcas europeos, e os intereses económicos que representan, queren forzar a rendición do goberno de Syriza e humillalo publicamente, e, ao mesmo tempo, ensinarlle os dentes a Podemos.

Claro que é terrorismo financeiro a imposición de medidas humillantes, proscritas polas leis internacionais -que agora se recoñecen inútiles-, a invasión da soberanía grega ou o desvío dos principios orixinarios da UE, como o de solidariedade. Din que unha chamada de Obama puxo firmes aos políticos financeiros, incluída a Frau xermana. Irémolo vendo.