No Museo do Pobo Galego celebrarase hoxe a homenaxe nacional a Lois Tobío. Cando se cumpre o centenario do seu nacemento, a conxunción de esforzos da Administración e de parte da sociedade civil galega permitirán lembrar as importantes contribucións que este galeguista e universalista fixo ao país. Con todo, é unha mágoa que a figura de Tobío sexa aínda tan marxinal e tan pouco recoñecida polo conxunto da sociedade galega. Mesmo en moitos dos nosos medios de comunicación que nos sorprenden cada día máis, non co seu deliberado silenzo, senón coa súa escandalosa ignorancia. A débeda segue pendiente.
Tobío, dentro e fóra, comprometido coa xustiza social e cunha Galicia dona de seu, é, xunto con Plácido Castro, un persoeiro clave do galeguismo histórico da maior actualidade. Dos seus traballos na redacción no anteproxecto do primeiro Estatuto de Autonomía, a súa incansable teima universalista, ás súas magníficas traducións de obras literarias, Tobío afírmase coma un individuo impregnado de humanismo, de sensibilidade e de compromiso social e político. Houbo un tempo en que cando lle preguntaban aos nosos líderes cales eran as súas lecturas, sempre saían coa autobiografía dalgún significado dirixente europeo ou estadounidense. Canto poderían aprender lendo as memorias de Lois Tobío!
A súa coerencia e dignidade forma parte do mellor da nosa memoria colectiva. O seu silenzo laborioso e entregado achéganos valores como a dedicación e a perseverancia de quen non agarda nada a cambio, máis que a satisfacción de un mesmo ter aportado ao país aquelo que considera de valor. Por un mesmo e polos demais. Por todos nós. Sen servidumes nin complexos. E sobre todo sen ciumes, cunha demostración de xenerosidade que só aquela xeración, tan diversa, tan complexa, soubo construír poñendo por diante os intereses do país. Voltando a mirada sobre a vida e a obra de Tobío, os matices de agora, por chamarlle dalgunha maneira, son desculpas de mal pagador.
Ogallá que o acto de hoxe contribúa a que o país deixe de perderse a si mesmo e valore máis eses sinais, eses destellos de excelencia que figuras como Tobío, para min o diplomático que quixo e soubo exercer de galego no mundo e tamén o membro do Consello Asesor do Igadi, nos souberon achegar. E ogallá tamén que esa firme vontade e coherencia que sempre o caracterizou poida impregnarnos a todos os que ansiamos militar no mesmo compromiso co mesmo país. Non hai outro. Non hai outro Tobío. E moitos seríannos hoxe necesarios.