Transicións libias

Apartados xeográficos África ARCHIVO
Idiomas Galego

De paria a admitido. De “foco do terrorismo” a socio enerxético. Esa parece ser a realidade da Libia contemporánea, a república socialista jamahiriya creada por Muammar Gadafi, quen acaba de cumprir 40 anos no poder.

Libia sempre foi un misterio para Occidente, aderezado polas excentricidades e sortilexios ideolóxicos de Gadafi. Ninguén dubida que o Líder Máximo da Revolución libia é un consumado supervivente político, dotado dunha eficiente agudeza que lle permite sortear as adversidades, especialmente ante o prolongado illamento sometido dende Occidente.

A celebración o pasado 1 de setembro dos 40 anos de Gadafi no poder serviu para demostrar os novos tempos que corren para o país. Gadafi, actualmente presidente da Unión Africana, non só é o gobernante africano con maior duración no poder senón que tenta afastar as bases que asentaron ese illamento internacional ao que se viu sometido. A presenza en Trípoli de diversos líderes e representantes estranxeiros, especialmente europeos, da a entender os novos tempos que corren.

Persuadido polas vantaxes do actual momento, Gadafi mesura unha nova estratexia, menos ideolóxica e política, aínda que sen renunciar a vellas ideas como o panafricanismo. Dentro da actual conxuntura, para o líder libio son os imperativos enerxéticos os que obrigan a orientar unha nova transición no seu país. O sector enerxético libio, aínda inexplorado para Occidente, concentra importantes reservas en petróleo e gas natural, razón pola que multinacionais francesas, españolas e italianas están concretando acordos para abrir ese mercado ao exterior, coa total anuencia de Washington.

Resta por ver se a apertura enerxética e económica acelerará o curso das ralentizadas reformas políticas. Sen aparente oposición interna, o carismático Gadafi marca a pauta para concentrar os resortes de poder nas mans do seu fillo Sayf al Islam, quen renunciou recentemente á política para dirixir os asuntos enerxéticos e as reformas económicas libias. Con el, pode que Libia se prepare para unha segunda transición.