Transicións na Habana

Cuba vive unha turbulenta vaga de acontecementos que, inevitablemente, influirán na evolución do seu futuro político. A presión da disidencia nas demandas de apertura, o acoso e presión política exterior, a reafirmación institucional dos “valores revolucionarios” e as penurias da crise económica, son factores que reafirman a sensación de que unha nova etapa está xurdindo na illa caribeña.

Apartados xeográficos América Latina
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

Cuba vive unha turbulenta vaga de acontecementos que, inevitablemente, influirán na evolución do seu futuro político. A presión da disidencia nas demandas de apertura, o acoso e presión política exterior, a reafirmación institucional dos “valores revolucionarios” e as penurias da crise económica, son factores que reafirman a sensación de que unha nova etapa está xurdindo na illa caribeña.

Os últimos meses foron prolíficos nesta manifestación de acontecementos. A morte por folga de fame do disidente Orlando Zapata en febreiro deu paso a unha asfixiante presión internacional sobre o goberno de Raúl Castro. Unha presión ampliada a nivel interno polas lexítimas demandas de apertura por parte de diversos sectores da sociedade cubana, tomando en conta a constante represión oficial e a limitación das liberdades.

Este nivel de presión interna incrementouse nas últimas semanas ante a sucesión de concentracións das Damas de Branco, a prolongada folga de fame do disidente Guillermo Fariñas e, incluso, as sutís proclamas do popular cantautor Silvio Rodríguez, tradicional defensor revolucionario, instando á liberación dun centenar de “presos políticos de conciencia”.

Por contra, no recente Congreso das Xuventudes Comunistas, Raúl Castro reafirmou a fortaleza institucional e a pretensión de “non ceder aos chantaxes”, defendendo a idea da “gradualidade” dos cambios. Dende o exterior sucedéronse toda serie de críticas contra a considerada como “inflexible ortodoxia oficial”, sen constatar que estas lexítimas demandas de cambios non se realizarán en ausencia do carácter institucional da transición (ou traspaso de poder) iniciada en 2006.

 No entanto o déficit de liberdades e as demandas e presións dos disidentes e actores externos como EEUU, a Unión Europea e o exilio cubano, son máis ben a excesiva burocratización e a corrupción administrativa os factores que maior irritación social e dificultades políticas causan ao goberno cubano. Nas recentes reflexións de Fidel e nos discursos do seu irmán Raúl, sinalouse á corrupción como “a contrarrevolución instalada” dentro do Estado cubano.

En todo caso, e independentemente da sistemática represión oficial, resultará difícil afrontar unha inmediata transición en Cuba. A pesar da notoriedade informativa outorgada polos medios internacionais, a disidencia cubana segue a ser política e socialmente multiforme e pouco definida, tanto como dende o exilio cubano imponse unha complexa heteroxeneidade de criterios e intereses.

No contexto exterior, Raúl Castro tenta restar espazos ao illamento internacional, tomando en conta a incapacidade da UE para definir unha política común cara Cuba, así como das ambigüidades da diplomacia de Obama e das presións políticas no Congreso de EEUU por levantar as restricións comerciais e de viaxes cara a illa caribeña. Velaí que a estreita cooperación coa Venezuela de Chávez, a hábil diplomacia brasileira e a apertura de vías con Rusia e China imponse como socios estratéxicos da diplomacia de Raúl 

Nunha entrevista concedida ao Miami Herald, o disidente Fariñas amosou o seu convencemento de que o proceso de cambios en Cuba só comezará “cando morran Fidel e Raúl Castro” e os seus respectivos fillos, neste caso Antonio Castro Soto del Valle e Alejandro Castro Espín, presuntamente ocupen os máis altos cargos estatais.

As aparicións regulares de ambos fillos xunto a Raúl en actos oficiais lexitimarían estas presuncións de Fariñas, quen non dubida en cualificar ao réxime cubano como unha “dinastía familiar. Especulacións políticas aparte, os acontecementos cubanos revelan que a presión social acelerará unha inevitable transición, independentemente das elites instaladas no poder.