O artigo corresponde á primeira das catro partes da serie "Ucraína e Rusia: crise no este de Europa" na que se analiza a Crise de Crimea e a Guerra de Donbas

Ucraína, entre Rusia e a Unión Europea

O día 21 de novembro de 2013 o Goberno ucraíno, co presidente Viktor Yanukovich á cabeza, asinaría un decreto polo que os preparativos para a firma do Acordo de Asociación entre o país eslavo e a Unión Europea (UE) quedaban suspendidos.

Liñas de investigación Relacione Internacionales
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Galicia internacional
Idiomas Galego

O día 21 de novembro de 2013 o Goberno ucraíno, co presidente Viktor Yanukovich á cabeza, asinaría un decreto polo que os preparativos para a firma do Acordo de Asociación entre o país eslavo e a Unión Europea (UE) quedaban suspendidos.

O Acordo de Asociación, que suporía un achegamento entre a Unión e Ucraína a nivel comercial e enerxético, levaba presente de xeito oficial na axenda política europea dende o ano 2008, semellando no ano 2013 que finalmente un achegamento entre ambas partes podería ser posible. Sen embargo, este proceso sería interrompido debido, en parte, ao arresto da que fora primeira ministra de Ucraína no anterior Goberno, Yulia Timoshenko, que provocará reaccións e críticas a nivel internacional e a nivel europeo contra o Goberno de Kiev. A propia Unión Europea ademais de denunciar o caso e mostrar a súa preocupación, anunciaría a través do Consello da Unión Europea a Ucraína unha serie de condicións a cumprir en clave de reformas xudiciais, electorais e constitucionais como requisitos para poder avanzar no proceso de firma do Acordo.

A pesares de que a Verkhovna Rada, a Cámara Parlamentaria de Ucraína aprobará unha resolución onde se incluían esas reformas propostas pola Unión Europea e se declaraba a intención de aplicalas, o presidente Yanukovich negociaba mentres tanto con Rusia, a posible entrada nunha futura Unión Aduaneira Euroasiática. Esta Unión sería un proxecto alternativo á Unión Europea, encabezado polo presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, do que forman actualmente parte a propia Rusia, Bielorrusia e Kazajistán.

Neste punto, Ucraína e polo tanto, o Goberno de Yanukovich, estaba situado no medio de dous eixes de poder a nivel internacional, tanto a escala xeográfica, como a escala política e económica como son Rusia e a Unión Europea. Por un lado existía a vontade de cumprir cos requisitos impostos dende Bruxelas, posto que o Acordo suporía unha mellora nas exportacións debido á entrada na zona de libre comercio, pero por outro lado, as presións dende Moscú facían dubidar ao Presidente ucraíno. Cabe comentar que nese momento o comercio internacional de Ucraína estaba dividido principalmente entre a Unión Europea e a Federación Rusa, representando cada unha delas un terzo do comercio internacional ucraíno.

Neste contexto, a toma de decisións do Goberno ucraíno era canto menos complexa, estamos a falar de que optar por un lado ou por outro podería provocar graves efectos a nivel comercial. Desta forma, a decisión final e de última hora por parte do presidente Yanukovich foi cancelar os preparativos para a firma do Acordo de Asociación, propoñendo a creación dunha comisión a tres bandas entre Ucraína a UE e Rusia para negociar unha posible solución.

Esta comisión a tres bandas será escasamente produtiva, coas negociacións estancadas e a negativa das autoridades europeas a sentarse a negociar con Rusia, a oposición ucraína, claramente posicionada cara o achegamento á Unión Europea, comezará a convocar mobilizacións e protestas contra o Goberno de Yanukovich. Estas protestas que se levarán a cabo principalmente na capital e que se coñecerán posteriormente como o Euromaidan, durarán catro meses nos que serán rexistradas numerosas vítimas mortais, desaparecidos e un gran número de feridos. As protestas rematarán en febreiro de 2014, coa destitución do poder por parte da Verkhovna Rada a Viktor Yanukovich, sendo reemprazado por un novo Goberno interino e sendo convocadas unhas novas eleccións para maio dese mesmo ano.

Ata o de agora puidemos observar como a crise derivada da suspensión da firma do Acordo de Asociación levaría a Ucraína a vivir unha serie de episodios que sumirán ao país en protestas, manifestacións e cambios no goberno, pero a cuestión non rematara aí.

A pesares de que a nivel internacional podería semellar que a poboación ucraína estaba unida a favor do achegamento cara a Unión Europea, maioritariamente na zona Este do país a realidade era diferente. Esa realidade cambiaría dun xeito máis radical coa destitución de Yanukovich, que provocará certo caos e enfado en certas zonas do país onde o presidente contaba cun alto respaldo, dúas desas rexións serán a República Autónoma de Crimea, península situada ao sur do país e a rexión de Donbas, ao este de Ucraína e fronteiriza con Rusia. Cabe destacar que ambas rexións contan con certas peculiaridades dentro do territorio ucraíno, a nivel lingüístico, posto que son as dúas rexións do país nas que o porcentaxe de falantes de ruso como lingua nativa supera aos falantes de ucraíno como lingua nativa e a nivel étnico, destacando o caso de Crimea, onde 6 de cada 10 cidadáns se recoñecen así mesmos como rusos.

Cabe destacar que as propias protestas do Euromaidan provocarían nas rexións ao Este do país entre as que se atopa a rexión de Donbas, un descontento maioritario na poboación. Estas rexións ao Este do país que eran contrarias ás protestas, eran ademais un bastión electoral do propio partido de goberno de Yanukovich, o Partido das Rexións.

A destitución de Yanukovich será outro dos elementos clave para entender o aumento das tensións tanto en Donbas como en Crimea, rexións nas que unha parte maioritaria da poboación xa mostraba o seu rexeitamento previamente contra as protestas do Euromaidan, rematando por saír ás rúas de forma masiva tralo cambio de goberno. Estas protestas derivaron tamén do proxecto de lei aprobado pola Verkhovna Rada que pretendía retirar o status oficial e a protección á lingua rusa, a pesares de que finalmente non foi aprobada, provocaría un gran descontento en ambas rexións, que como vimos son maioritariamente ruso falantes. Todas estas cuestións xerarían no país ucraíno un clima de tensión e división que se ben levaba presente un tempo, nunca chegara a mostrarse dun xeito tan claro e contundente.

A evolución das protestas e mobilizacións en Crimea e na rexión de Donbas marcarían camiños moi diferenciados para ambas rexións, unidas por un factor común, a intervención militar rusa en territorio ucraíno.