Ulster: a paz na encrucillada

As conversas de paz no Ulster retomaronse onte luns, despois dos días de reflexión que o mediador Mitchell concedeu as partes. As negociacións coñeceron un importante xiro xa que seica o IRA fixo chegar ao mediador norteamericano un documento no que se reafirmaba en que a tregua era inquebrantable e se amosaba disposto a nomear un representante na comisión internacional para o desarme que preside o xeneral canadiano John de Chastelain.

A pelota está agora no tellado do líder unionista e ministro principal do Ulster, David Trimble. Dende que se restableceron as conversas, no pasado setembro, a dura posición negociadora, baseada na permanente negativa á formación do comité executivo (goberno autónomo do Ulster) con presencia de dous representantes do Sinn Féin tal e como estaba recollido no "Acordo de Venres Santo" antes de que o IRA comezase o desarme, veuse debilitando e o que é peor para os unionistas, o partido foise dividindo.

Tras dez semanas de duras e interminables negociacións, as accións violentas das que facer responsable ao IRA non se produciron, o goberno de Londres entregoulle a cabeza da odiada Mo Mowlan substituíndoa polo pragmático Mandelson e agora chega un compromiso asinado polo mesmo P. O’Neill como el mesmo viña reclamando para desautorizar ao Sinn Fein. Os negociadores non deron a coñecer o comunicado do IRA, mais todos admitiron a existencia, nel seica P. O’Neill mantén o seu compromiso coa paz e , o máis importante, amosase disposto a nomear un representante na comisión para o desarme.

O documento seica chegou a mans do exsenador Mitchell o pasado xoves. Ese mesmo día reuníanse os 27 cargos electos do Partido Unionista do Ulster (UUP) , o resultado da xuntanza non se fixeron públicos, mais os indicios son de que a división entre os partidarios da posición máis dura, esto é "non armas, non goberno" e aqueles dispostos a permitir un avance nas negociacións permitido a formación do goberno púxose de manifesto. Trimble, partidario desta segunda opción tería perdido a votación por escaso marxe.

O ministro principal atópase, coma a paz no Ulster, nunha autentica encrucillada. Trimble non quere pasar a historia como o que fixo fracasar o proceso de paz e volveu a meter ao Ulster na dinámica violenta, seguramente por décadas, mais tampouco quere dividir o partido nin favorecer aos recalcitrantes unionistas de Ian Paisley. As próximas semanas semellan decisivas nun proceso que leva meses atascado e que terá que abrirse por algún lado.