Un 2014 electoralmente decisivo

Se a segunda metade de 2013 abriu un novo ciclo electoral, principalmente en América Latina (Arxentina, Chile, Honduras, Venezuela), a proliferación de eventos electorais ó logo de 2014 permite considerar a eventual definición dunha serie de escenarios xeopolíticos de enorme transcendencia para a seguridade global (Afganistán, Iraq, Exipto), xunto ao contexto electoral e político de actores emerxentes (Brasil, India, Turquía) recentemente atomizados por unha vaga de protestas sociais. Todo isto sen descartar a evolución en marcos progresistas (Bolivia, Uruguai), de eventual resolución de conflitos (Colombia), de crise política latente (Ucraína) e de mecanismos de integración (Unión Europea). Finalmente, están as eleccións lexislativas en EUA, as cales calibrarán unha especie de plebiscito no mid-term do segundo mandato de Barack Obama, coa mirada presente nas presidenciais de 2016.

Apartados xeográficos Otros
Palabras chave Eleccións 2014
Idiomas Galego

Se a segunda metade de 2013 abriu un novo ciclo electoral, principalmente en América Latina (Arxentina, Chile, Honduras, Venezuela), a proliferación de eventos electorais ó logo de 2014 permite considerar a eventual definición dunha serie de escenarios xeopolíticos de enorme transcendencia para a seguridade global (Afganistán, Iraq, Exipto), xunto ao contexto electoral e político de actores emerxentes (Brasil, India, Turquía) recentemente atomizados por unha vaga de protestas sociais. Todo isto sen descartar a evolución en marcos progresistas (Bolivia, Uruguai), de eventual resolución de conflitos (Colombia), de crise política latente (Ucraína) e de mecanismos de integración (Unión Europea). Finalmente, están as eleccións lexislativas en EUA, as cales calibrarán unha especie de plebiscito no mid-term do segundo mandato de Barack Obama, coa mirada presente nas presidenciais de 2016.

Neste sentido, o 2014 será un ano electoralmente prolífico no hemisferio americano. Cobran así relevancia os eventos electorais en países como Costa Rica (lexislativas e presidenciais en febreiro); Ecuador (municipais en febreiro); O Salvador (presidenciais en febreiro); Colombia (eleccións lexislativas e presidenciais en maio); Uruguai (internas en xullo e presidenciais en outubro); Brasil (presidenciais en outubro); EUA (lexislativas de novembro) e Bolivia (presidenciais en decembro).

Pero existen outras citas electorais que, se ben non argumentan un impacto global de gran intensidade, merecen ser tomadas en conta, principalmente porque se celebran en tres países considerados "actores emerxentes" do contexto global que, curiosamente, viron ralentizar o seu prolongado crecemento económico durante 2013. Son estas as eleccións xerais na India (marzo), cunha crecente tensión entre hindúes e musulmáns; os comicios parlamentarios e presidenciais en Indonesia (abril e xullo, respectivamente), que poden implicar un importante relevo xeracional e político; e os comicios municipais de Turquía (marzo), observadas estratéxicamente polo primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan e o gobernante islamita AKP como unha especie de plebiscito tras un inesperadamente tenso 2013. En Turquía igualmente se deberá decidir ao presidente, de forma directa sen pasar polas urnas, toda vez o contexto político 2014 será decisivo para as eleccións lexislativas de 2015, onde Erdogan busca outra reelección.

Paralelamente, non se deben descartar outros escenarios de crise política periférica que cobran a atención neste final de 2013, con especial atención en Ucraína. Se ben este país celebrará eleccións presidenciais en 2015, as tensións e protestas das derradeiras semanas en Kiev e outras cidades, as cales revelan claramente a súa división xeopolítica entre Occidente e Rusia, poden espallar unha crise política inevitable para o goberno de Viktor Yanukovich, particularmente en chave de hipotético adianto electoral. E, finalmente, as estratéxicas eleccións ao Parlamento europeo (maio), contextualizadas pola crise económica e o ascenso de partidos euroescépticos e antieuropeístas.

Mundo islámico en tensión

Se ben o ciclo electoral latinoamericano verificará en gran medida cara onde se moven os seus respectivos péndulos políticos, outros escenarios electorais estratexicamente importantes focalízanse nun mundo árabe e islámico convulsionado polas rebelións populares, as intervencións exteriores e a radical reacción do establishment contra os cambios políticos, focalizados na preservación dun status quo deslexitimado pola Primavera árabe e atomizado polas demandas populares.

Neste sentido, o escenario electoral con maior caudal de importancia estratéxica será Exipto, cos comicios parlamentarios pautados para febreiro próximo, contextualizados e condicionados pola polarización social e política emanada da forte polémica suscitada polo golpe militar de xullo pasado, que depuxo o breve goberno de Mohammed Morsi e da Irmandade Musulmá.

É oportuno considerar que estes comicios moi probablemente servirán para redefinir o concerto político do Exipto post-Morsi, en particular ante a eventual consolidación dun réxime tutelado pola poderosa casta militar en mans do xeneral Abdul Fatah al Sissi e os intereses occidentais, principalmente de EUA, dos seus aliados árabes (principalmente Arabia Saudita) e do propio Israel. Todo isto polarizado polas tensións emanadas cara unha Irmandade Musulmá politicamente restrinxida e da eventual radicalización de diversas células islamitas inseridas dentro do Magreb islámico, e que observan a Exipto como un escenario quente da “yihad global”.

Co labirinto exipcio no centro de atención, Alxeria e Afganistán celebrarán eleccións presidenciais (abril), ó mesmo tempo que Iraq realizará eleccións parlamentarias. O caso alxerino implica observar unha “institucionalizada” transición presidencial focalizada na preservación da estabilidade do réxime de Abdelaziz Bouteflika (no poder desde 1999 e no seu derradeiro mandato), contextualizadas por cosméticas reformas políticas, similares ás recentemente acaecidas na veciña Marrocos ó carón da Primavera árabe, e tendentes a amortecer calquera perspectiva de radicalización ante os recentes cambios políticos no Magreb, principalmente en Exipto e Libia.

Se en Alxeria imponse claramente a necesidade de preservación do status quo, particularmente dende a óptica occidental, os casos iraquí e afgán amosan un maior caudal de polarización e incerteza. En Afganistán, un novo mandato presidencial para Hamid Karzai (no poder desde 2002) implicaría unha “hexemonización” do seu réxime amparado nos intereses occidentais pero politicamente fráxil, tomando en conta a súa necesidade de negociar pactos cos “señores da guerra” e principalmente coas forzas talibán, fortalecidas na fronteira con Paquistán. Precisamente, o líder talibán, o mulá Mohammed Omar, xa anunciou que non participará nas eleccións presidenciais.

Precisamente, os comicios afgáns pautados para o 5 de abril estarán igualmente mediatizados pola preservación de intereses de diversas potencias en Asia Central, especialmente ante a eventual concreción dun novo pacto de seguridade de Karzai con EUA. Este pacto aparentemente conta co apoio de China, Rusia e India, sendo medianamente favorable nos casos de Paquistán, Arabia Saudita e Turquía e directamente contrario por parte de Irán.

Con similitudes co caso afgán, igualmente traducidos polas respectivas retiradas militares de EUA e dos seus aliados, Iraq celebrará comicios parlamentarios o 30 de abril coa óptica enfocada na preservación do inestable status quo do goberno do primeiro ministro Nourri al Maliki, no poder desde 2006.

Postergados durante varios meses, estes comicios parlamentarios confirmarán a marcada atomización étnica e confesional do Iraq contemporáneo, igualmente gravitado polos intereses de Irán a través da comunidade xiíta, dos efectos da guerra en Siria, especialmente en materia de refuxiados e da potenciación de células yihadistas (Al Qaeda en Siria e Iraq), así como das tensións rexionais sobre unha independencia de feito do Curdistán iraquí, aparentemente baixo o beneplácito de EUA e Israel pero particularmente conflitivo de cara a Turquía, Irán e Siria.  

Un novo ciclo americano

En América Latina, este novo ciclo electoral definirá moi probablemente o curso político a mediano prazo en determinados países, nos que se medirá un pulso entre a eventual consolidación do viraxe progresista e á esquerda establecido durante o período electoral 1999-2013, neste caso a través das hipotéticas reeleccións presidenciais en países estratéxicos como Brasil, Colombia e Bolivia; ou ben da hipotética conformación e ascenso electoral doutras alternativas políticas.

Brasil ocupará o lugar preponderante, ampliando a súa dimensión coa celebración do Mundial de Fútbol FIFA. Tralas protestas sociais de mediados de 2013, os escándalos de corrupción e a caída de índices de popularidade, as expectativas de reelección da actual mandataria Dilma Rousseff veranse contextualizadas por severos dilemas políticos e electorais para o gobernante Partido dos Traballadores (PT), toda vez xorden alternativas de coalición electoral dende a esquerda (o recente pacto entre o socialista Eduardo Campos e a ecoloxista Marina Silva) e a presión política de cara ás demandas de sectores populares e dunha presumible “nova clase media” beneficiados polo crecemento económico e os programas sociais do “lulismo”, tal e como observouse coas inesperadas protestas sociais de mediados de 2013.

Outro escenario relevante será Colombia, en particular trala recente oficialización da candidatura de reelección do presidente Juan Manuel Santos. Todo isto contextualizado polo impacto electoral dos avances nas negociacións de paz coa guerrilla das FARC, das masivas protestas sociais (desigualdade rural/urbana, aumento da pobreza), da reaparición reaccionaria dos sectores “uribistas” contra as pretensións de reelección de Santos e da recente inhabilitación política do alcalde bogotano Gustavo Petro, presumible candidato da esquerda do Polo Democrático, e que é observada en Colombia como unha clara manobra política e electoral de Santos.

Pola súa banda, Bolivia pulsará as posibilidades dunha nova reelección para o presidente Evo Morales (no poder desde 2005) e dun Movemento ao Socialismo (MAS) recentemente atomizado por certas fracturas internas por parte dalgúns movementos sociais e indixenistas. Noutro apartado, Uruguai moi probablemente confirmará a súa andaina progresista de esquerdas, cunha nova reelección para a Fronte Ampla (no poder desde 2004), desta vez co retorno do ex presidente Tabaré Vázquez.

Se ben o contexto centroamericano (eleccións en Costa Rica e O Salvador) non semellan presentar efectos estratéxicos a nivel hemisférico, o test electoral de maior impacto moi probablemente estará definido nas eleccións lexislativas de EUA previstas para novembro próximo, en pleno mid term do segundo mandato de Obama, e onde se renovará a totalidade da Cámara de Representantes e un terzo do Senado.

Trala crise de 2013 (default fiscal, shutdown do Congreso), a polarización entre demócratas e republicanos pode alterar un mapa político que moi probablemente definirá as candidaturas das próximas eleccións presidenciais 2016.

A abrupta caída de popularidade de Obama e o fracaso parlamentario ao non aprobar proxectos estratéxicos da súa axenda (Obamacare sobre cobertura sanitaria universal) pode implicar que estas lexislativas constitúan unha especia de referendo electoral sobre a xestión de Obama, especialmente no relativo ao presumible ascenso dun Partido Republicano igualmente atomizado internamente polo ascenso da ultradereita do Tea Party. Un escenario postelectoral en EUA pode definir unha bicefalia no poder entre Obama e os republicanos, como marco de espera para as presidenciais de 2016.