Tras dous anos de negociacións paralizadas, o compromiso de diálogo adoptado en Washington entre Israel e a Autoridade Nacional Palestina (ANP), pautado a partir do próximo 2 de setembro, afróntase co mais notorio nivel de desconfianza e irrealidade por parte dos actores involucrados, dentro dun delicado contexto xeopolítico en Oriente Próximo trazado por un clima prebélico.
Basicamente, a opinión pública interpreta este compromiso como un notable triunfo diplomático do presidente estadounidense Barack Obama. Un triunfo repleto de incertezas, porque Obama necesita con urxencia un revival na súa política exterior, tomando en conta o impacto que suporá o inicio do retiro militar en Iraq, os avances de Irán no seu programa nuclear e os riscos de diluírse nunha cada vez máis incerta estratexia en Afganistán.
No caso de que as probabilidades de fracaso deste diálogo finalmente se impoñan, Obama recibiría un duro golpe diplomático con efectos electorais clave precisamente nun momento político decisivo, previo aos comicios lexislativos para renovar o Congreso e o Senado estadounidense pautados para outubro próximo.
O “diálogo” de Netanyahu
Do compromiso adoptado en Washington, que involucrará ao Cuarteto da Paz (EEUU, Rusia, a Unión Europea e a ONU), o que máis ten que gañar é o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, precisamente ante o actual illamento político rexional israelí, evidente trala ofensiva contra Gaza de 2008-2009.
A crise con Turquía pola flotilla humanitaria e os temores en Tel Aviv dun Irán nuclearmente en ascenso obrigarían a Netanyahu a dar curso a un “tutelado” diálogo coa ANP, con pretensións tan esaxeradas á hora de acometer unha negociación de paz cos palestinos. Premido polos partidos ultrarrelixiosos e nacionalistas dos que depende o goberno dereitista do partido Likud para manterse no poder, as demandas de Netanyahu de que a ANP recoñeza a Israel como “Estado xudeu” e “desmilitarice” Palestina son tan irreais e inaceptables como, moi probablemente, contribúan a romper as negociacións.
No lado palestino, o escenario amosase atomizado. O presidente Abbas vese premido dende Occidente para aceptar un diálogo que, a todas vistas, escasamente toma en conta a súa principal petición: o fin da colonización israelí en Cisxordania e Xerusalén Leste. Unha opción ironicamente tan lexítima como irreal, tomando en conta a polvoreira demográfica existente, así como o incremento na continuidade do ilegal Muro de Seguridade israelí e da ocupación dos colonos xudeus.
A cegueira occidental
Trala reunión de Washington, Abbas advertiu que abandonará inmediatamente as negociacións en caso se as súas peticións non sexan, cando menos, tomadas en conta. Paralelamente, o partido islamita Hamas xa anunciou a “ilegalidade” deste diálogo, en especial porque queda fora do mesmo.
Este aspecto incrementa a escasa visión occidental sobre a situación en Palestina, basicamente supeditada aos intereses israelís. Hamas practicamente elixiu a vía política e democrática dende o seu triunfo electoral en 2006. Polo tanto, a prolongación da marxinación política cara Hamas por parte de Occidente e Israel, unido ao seu illamento a través do bloqueo a Gaza, provocará os efectos que Occidente máis teme: aumento da súa popularidade en Palestina e no mundo árabe, incremento da tensión con Israel e fracaso de calquera iniciativa de paz.
Deste modo, premidos polo apuro e salpicados pola desconfianza, israelís e palestinos acudirán a unhas negociacións tuteladas por EEUU e un Cuarteto cuxa traxectoria da conta da súa parsimonia, ineficacia e falta de previsión e perspectivas. Igualmente, e observando de preto o cerco occidental a Irán, poucas perspectivas se traducen de que estas negociacións de paz se amplíen no plano rexional cara Siria ou Líbano (cun recente incremento da tensión con Tel Aviv), ou ben para minorar as tensións bilaterais entre Turquía e Israel.
En todo caso, o compromiso de Washington estipula o horizonte dun ano de negociacións, co previsible período de frecuentes aperturas e rupturas. Este escenario pode complicarse ante a perspectiva de cambios políticos nas eleccións lexislativas e presidenciais previstas en 2011 en Palestina, así como ante a posibilidade de retorno da violencia a través de atentados terroristas ou incursións militares israelís.
Ironicamente, a declaración máis certeira sobre o futuro destas negociacións deuna o ministro israelí de Exteriores, o ultradereitista e nacionalista Avigdor Liberman, quen afirmou da “imposibilidade” de que israelís e palestinos alcancen a paz durante as prolongadas negociacións. “Débense baixar as expectativas e facelas máis realistas”, sentenciou Lieberman. Moi probablemente, esa falta de confianza e realismo sepultará calquera expectativa de paz.