Un incerto Iraq

Apartados xeográficos Oriente Medio ARCHIVO
Idiomas Galego

Todo parece indicar que hai unha resistencia xeral en Iraq e, ademais, que está ben organizada. Iso é o que poñen de manifesto os actos que nos últimos días crearon tanto terror; pero, cómpre subliñalo, non terror ó chou senón moi ben escollido e premeditado. Por exemplo, a policía iraquí é un obxectivo moi procurado e, como sinalan algúns, son lóxicos eses ataques porque esa policía é a longo prazo a única forza que pode opoñerse á resistencia. E o ataque á Cruz Vermella, para outros, suxire un elemento da Yihad ou guerra santa musulmana. E non digamos xa o ataque, claro e directo, a Wolfowitz, o número dous do Pentágono.

Pensan algúns que o único camiño que queda para endereitar as cousas é a democracia. De aí o importante que é, din, ir creando estructuras de goberno, como sostén o ex embaixador estadounidense, James Dobbins. E non ten o menor reparo en sinalar que en Iraq pasará o mesmo que ocorreu nas anteriores ocupacións de EEUU en Alemaña e Xapón, na posguerra, e as transformacións máis recentes en Bosnia e Kosovo.

É tanto o seu optimismo que imos transcribir un parágrafo dun informe sobre a situación en Iraq publicado pola Corporación Rand e polo mesmo Dobbins: "A reconstrucción nacional non é só reconstrucción económica. Trátase máis ben dunha transformación política. A extensión da democracia en América Latina, Asia e partes de África suxire que esta forma de goberno non pertence só á cultura occidental ou ás economías industrializadas" Engadindo aínda que o que "distingue a Alemaña, Xapón, Bosnia e Kosovo de Somalia, Haití e Afganistán non son os seus niveis de occidentalización, senón o nivel de esforzo que EEUU e a comunidade internacional inverteron a prol da súa transformación económica".

Fronte a tanto optimismo cómpre ter en conta que as ocupacións dos EEUU, aínda nos casos de Europa e Xapón, non trouxeron por si mesmas máis democracia, e só se limitaron a axudas militares e económicas; pola contra, levaron máis miseria e inestabilidade a países de estructuras tribais de Asia, América e África. Sen esquecer tampouco que, por agora, o verdadeiro logro por eles acadado en Iraq é, como di Le Monde do día 25, ter creado un dos maiores teatros de operacións do terrorismo islámico.