2021120317063941853

Un mundo en recidiva?

Da toma de posesión de Joe Biden como presidente estadounidense en xaneiro á celebración do cumio co líder chinés Xi Jinping en novembro fóisenos un ano marcado polo asentamento crónico das tirapuxas entre Washington e Beijing que actúan como un dos principais moldeadores do panorama internacional. É nese contexto no que se foi producindo tamén un reasentamento estratéxico de importantes actores internacionais.
Liñas de investigación Relaciones Internacionales
Apartados xeográficos Otros
Idiomas Galego

Da toma de posesión de Joe Biden como presidente estadounidense en xaneiro á celebración do cumio co líder chinés Xi Jinping en novembro fóisenos un ano marcado polo asentamento crónico das tirapuxas entre Washington e Beijing que actúan como un dos principais moldeadores do panorama internacional. É nese contexto no que se foi producindo tamén un reasentamento estratéxico de importantes actores internacionais.

Transversalmente, a axenda global, condicionada aínda pola pandemia do Covid-19 e o cambio climático como eixes prioritarios fronte aos máis tradicionais da pacificación ou o desenvolvemento, resentiuse igualmente daquelas dinámicas con respostas diferenciadas: se no eido da saúde pública a fenda non cooperativa primou, no climático asomou certa vontade de entendemento e compromiso, plasmada no acordo subscrito en Glasgow por ambas as dúas potencias que, aínda así, non salvou a cara ao encontro.

Nunha conxuntura en que a sociedade internacional debe lidar cos graves impactos económicos e sociais da pandemia nun contexto de alteración do paradigma industrial e tecnolóxico, a relación sino-estadounidense está a partir augas con acenos a unha cuestionada reedición da guerra fría.

As frontes de tensión

As disputas cos EUA sobre a orixe do SARS-CoV-2, Taiwán, Hong Kong, os dereitos humanos e outras cuestións están chegando a un punto crítico nas relacións bilaterais, a pesares de que os dous gobernos conseguen manter a comunicación en temas de importancia mutua, como o comercio, o cambio climático, Afganistán ou Corea do Norte. Organizacións multilaterais como o G7, o Diálogo Cadrilateral de Seguridade e a OTAN tamén abordaron directamente a relación coa China incidindo na súa consideración como un desafío e mesmo unha ameaza para preservar “unha orde internacional baseada en regras”.

A axenda das controversias EUA-China abarca numerosos dominios e van dende o comercial e tecnolóxico ao político e ideolóxico e tamén militar e estratéxico, diplomático e xeopolítico.

Joe Biden persistiu na definición da relación coa China como “competencia estratéxica” e mantivo no fundamental o enfoque máis duro con respecto a Beijing do seu predecesor, Donald Trump, coincidindo ambas as dúas administracións en que a China en ascenso é o principal reto para preservar a súa hexemonía global no século XXI. O transcurso do ano deunos a entender que ningún dos dous países está disposto a ceder terreo en asuntos conflitivos que afecten a intereses fundamentais.

Os EUA continuaron, e mesmo ampliaron, as restricións establecidas en materia, por exemplo, de prohibición de presencia empresarial chinesa con predilección para as tecnolóxicas (China Telecom) e tamén de investimentos estadounidenses en empresas chinesas que, segundo os EUA, son propiedade ou están controladas polo exército, botando man do argumento da seguridade nacional. A Casa Branca mesmo rexeitou un plan de Intel Corp para aumentar a produción na China, unha idea presentada como solución á escaseza de chips nos EUA.

Non obstante, cabe sinalar que no desencadeante formal da guerra comercial desatada por Trump a partires de 2018 (o déficit na balanza bilateral) nada substancial se alterou. Nos primeiros oito meses de 2021, os EUA acumularon un déficit de 189.000 millóns de euros coa China, fronte aos 166.500 millóns do ano pasado. Cabe esperar que as tensións neste eido persistan, ampliadas incluso a outras dimensións estruturais como a deslexitimación da propia OMC como instancia reguladora do comercio mundial alentando un entendemento coa UE para responder ao que se cualifica de “distorsións chinesas do mercado” ou o bloqueo de investimentos procedentes da China.  Aquí, Occidente pode desentenderse das regras ou forzar unhas novas a comenencia.

No eido político e ideolóxico, a formulación da defensa das “ideas e valores comúns” substanciáse nunha denuncia constante dos déficits do sistema político chinés en materia de democracia ou dereitos humanos, abundando nas crises de Hong Kong ou Xinjiang, especialmente. O cumio global das democracias organizado en decembro polos EUA explicitou a resposta á demanda chinesa de respecto para as súas “singularidades” e o dereito a elixir, sen imposicións alleas, o seu modelo de desenvolvemento.

En materia diplomática e xeopolítica, mentres a China insiste na proposta da “comunidade de destino compartido” sustentada no fomento do comercio e de propostas como a Iniciativa da Franxa e a Ruta, os EUA tentan atar cabos coa UE e outros países desenvolvidos para limitar as influencias de China en entornos como América Latina, África ou Asia-Pacífico. En Inglaterra, o G7 respondeu co programa Build Back Better World (B3W), de viabilidade incerta máis aló do declarativo. 

No eido militar e estratéxico, prolifera unha axenda delicada con Taiwán como asunto especialmente candente. Biden declarou o 21 de outubro que os EUA defenderán a que os portugueses chamaron Formosa en caso dun  conflito armado coa China continental. Posteriormente, dende a Casa Branca precisaron que esas declaracións non representaban un cambio na política de ‘ambigüidade estratéxica’ adoptada polos EUA pero foi un sinal claro do perigo que asoma no estreito de Taiwán. Xi Jinping reiterou con motivo do centenario do PCCh que “a China debe e será reunificada”.

O Goberno dos EUA os seus aliados alentaron unha evidente aceleración militar no Oriente asiático, claramente dirixida contra China. A consolidación da alianza coñecida como AUKUS (Australia, Reino Unido e Estados Unidos), que se superpón ao QUAD (EUA, Xapón, India e Australia) e a alianza de intelixencia “Cinco Ollos” (Australia, Canadá, Nova Zelandia, EUA e Reino Unido),  xera un contexto  que podería derivar nunha guerra nuclear entre os dous países máis potentes e ricos do planeta.

Supoñamos por un momento que a China, Rusia e Venezuela anunciasen a súa alianza nun bloque militar. En consecuencia, instalaríanse bases militares chinesas en Venezuela co conseguinte despregue de tropas. Polo Caribe navegarían buques e submarinos chineses e voarían os seus avións. Os buques-espía rexistrarían as actividades dos EUA e en augas atlánticas, non lonxe das costas estadounidenses, desenvolveríanse manobras aeronavais. Venezuela recibiría submarinos de propulsión nuclear e podería almacenar uranio habilitado para armas nucleares. Como reaccionaría o Pentágono? Os EUA teñen varias bases militares en Australia e outras 300 repartidas polo Leste asiático, mentres que a China non posúe ningunha base no hemisferio occidental nin próxima ás fronteiras dos EUA…

Á vista deste escenario, Xi, no cumio anual do Foro APEC, advertiu de que non se debe permitir que as tensións na rexión de Asia-Pacífico provoquen unha recaída na mentalidade da “guerra fría”, unha hipótese que semella contar con importantes adeptos nos EUA.

Rivalidade e prioridades

Biden persiste en etiquetar a relación coa China de “competición estratéxica”. Quéirao ou non, isto leva o vínculo bilateral a unha dinámica de rivalidade, primando a contención do adversario, unha visión que condiciona tamén a política dos países aliados, incluída a UE, que semella abdicar daquela “autonomía estratéxica” reivindicada durante o mandato de Donald Trump.

Certamente, no encontro virtual entre Joe Biden e Xi Jinping celebrado en novembro, o escenario mudou en relación ao de Anchorage (Alaska), cando tivo lugar a primeira reunión cara a cara dende que Joe Biden asumira. Aquela xuntanza escenificou os profundos desacordos entre as dúas principais potencias mundiais, que loxicamente persisten. Nesta outra, houbo, sen embargo, un evidente esforzo por atemperar as tensións e reconducir as relacións, como asegurou Biden. Xi instouno a exercer liderado político, cumprir coa promesa de non buscar unha nova guerra fría e todo facer por garantir a estabilidade das relacións bilaterais nun marco de cooperación, respecto e coexistencia.

Queda por ver ata onde chegará este amago de distensión dados os numerosos e complicados antagonismos políticos, xeopolíticos, estratéxicos e tecnolóxicos que separan a ambos os dous países. Ninguén baixará a garda.