Dende o derrube do muro de Berlín (1989), a sociedade internacional asiste a unha longa transición caracterizada polo progresivo declive da influencia de Estados Unidos, o agravamento da indecisión e ambigüidade estratéxica de Europa, as ganas de volver de Rusia, a emerxencia ineludible de Asia-Pacífico (China e India pero tamén o rexurdir da vocación autónoma de Xapón) e o despertar de América Latina (con Brasil e Venezuela, a diferente nivel, como referentes esenciais).
O mundo bipolar da guerra fría deixou paso, nun primeiro momento, a unha controvertida exhibición de unilateralismo por parte de Washington, quen albergaba a esperanza de conformar unha orde internacional que universalizara o modelo de pensamento e sociedade urdido na superpotencia residual. O 11-S marcou un punto de inflexión relevante nesa traxectoria que, ao cabo, transformou as liñas de tensión en severos límites ao devandito proxecto global.
Se a URSS perdeu a guerra fría, EEUU semella camiño de perder a posguerra fría. A insistencia na gobernanza do mundo manu militari é un empeño inútil e soamente pode conducir ao fracaso. Erran, non obstante, os que consideran a EEUU, á luz tanto dos seus infortunios militares como das dificultades económico-financeiras, unha potencia á volta da desfeita inminente. Washington dispón aínda de moitas fortalezas fóra do alcance de calquera outro país, se ben poda que non sexan suficientes para preservar a súa condición hexemónica de non mudar de mentalidade e aceptar implicarse de forma activa nas novas dinámicas globais que outros estados reivindican dende a asunción da multipolaridade para favorecer un multilateralismo capaz de encarar a complexidade do mundo presente.
Practicamente sepultado o discurso neoliberal, descubrimos recentemente que o mercado precisa da regulación e do intervencionismo do Estado, ata en extremos ben distantes ideoloxicamente das teimas estatalistas que rexorden en escenarios de signo formalmente progresista que, paradoxalmente, contrastan con denominacións formais semellantes no outro extremo do mundo, en Asia, onde o seu signo, compartindo un mesmo escenario de subdesenvolvemento, sitúase nas antípodas. Pero aínda que o socialismo bolivariano e o socialismo con pecularidades chinesas camiñen en aparente sentido contrario, ambos conflúen na importancia de preservar unha musculatura pública de certa entidade, apreciación compartida en diferente grao por un amplo espectro da sociedade internacional.
A competencia polos recursos e o gasto militar das grandes potencias xeran riscos engadidos que non deben ser menosprezados. As tensións estratéxicas entre os grandes países consumidores que pugnan por preservar a toda costa a súa influencia nos entornos de maior valor coexistirán un longo período coa necesidade suplementaria de establecer acordos e marcos de convivencia que afirmen os espazos de seguridade en eidos rexionais de singular importancia (Asia-Pacífico, América Latina ou África) incorporando as novas tendencias e suxeitos en disposición de limar o predominio dos actores tradicionais para acomodar as economías emerxentes e as intensas dinámicas sociais e políticas nun marco aceptable. A proliferación e consolidación de estruturas de integración a diferentes niveis (dende a Unión de América do Sur á Organización de Cooperación de Xangai) reflicten a madureza dos cambios e pode contribuír de forma decisiva a afirmar a súa irreversibilidade.
No político, o repunte das vellas soberanías (Rusia, China, India, etc.) vai coexistir coa imparable afirmación das pequenas identidades, procesos que moitos temen e que, non obstante, poden complementarse mutuamente, sempre e cando non se traduzan en valados que impidan a comunicación e o intercambio, factores que hoxe dinamizan o progreso dunhas sociedades que reclaman poder suficiente para definir as súas propias estratexias de inserción internacional. Pero non coa ambición de separar, senón de unir doutro xeito e con novas costuras, achegando o propio á universalidade.
Podemos ser optimistas? Pese á subsistencia de múltiples tensións, coa perda de impulso do unilateralismo poderá avanzar unha democracia e diversidade de maior calidade, pero deberán procurarse maiores esforzos para encarar a superación das desigualdades e a mitigación da pobreza, fenómenos que unha sociedade globalizada como a presente, cos seus niveis de riqueza, crecemento e capacidade tecnolóxicas podería abordar con relativa facilidade. E, sobre todo, debe avanzar a idea de que as solucións no mundo global só poden ser posibles mediante a concertación supraestatal, pero que igualmente deben ser locais e adaptadas a cada realidade sen que iso signifique necesariamente prescindir de valores e principios que sitúen ao ser humano no epicentro desta gran transformación que paga a pena vivir en estado de plena consciencia. Esa rede de alternativas debuxa o mapa do futuro.