A ONU anunciou unha nova celebración do Día Internacional da Paz este 21 de setembro de 2007, pero ningún acontecemento ilustraba o significado desta data. Os medios abrían titulares cun asasinato político no Líbano, o constante martirio dos palestinos no "territorio inimigo" de Gaza, ventos de guerra anunciados cara Irán e unha nova declaración de guerra de Al Qaida para "recuperar Al Andalus", liberar ao Magreb e iniciar unha yihad contra o presidente paquistaní.
Botar unha ollada sucinta ao escenario internacional ilustra cómo a rexión de Oriente Medio, cunha circunvalación xeopolítica que vai dende o Magreb ata Asia Central, plasma o epicentro dos conflitos do mundo actual ou, alomenos, os mais importantes dende a perspectiva informativa.
Neste espazo xeográfico se desenvolven os conflitos máis agudos para a seguridade internacional, con expresións detalladas en Palestina, Líbano, Iraq, Irán, Curdistán, Afganistán, Alxeria, Siria, Israel e a actividade do terrorismo "yihadista".
Oriente Medio tamén ocupa a atención central das principais potencias. EEUU navega en augas turbulentas causadas pola súa avaricia xeopolítica e enerxética, aumentada agora cun incremento das súas axudas militares aos seus aliados que de seguro espallarán as tendencias conflitivas.
Europa asiste como un convidado de pedra, sen iniciativa propia e actuando case como avaliador das pretensións de Washington. Rusia tenta moderar un equilibrio baseado nos seus intereses, mentres China mantén a súa tradicional posición observadora sen que isto signifique non dar a coñecer os seus intereses e puntos de vista.
Resulta unha verdade a medias considerar que o mundo actual é menos conflitivo que en épocas pasadas. Pero a realidade amosa que o mundo de 2007 non é menos pacífico que o de anos anteriores. Se vive un drama humanitario e un xenocidio oficial na rexión sudanesa de Darfur, cun impacto que atrae escasa atención política e informativa con respecto, por exemplo, á triste desaparición da cativa "Maddie" McCane.
Somalia estase a converter nun importante foco de expansión do "yihadismo" global mentres a poboación palestina de Gaza está a piques de vivir un drama humanitario de magnitude incalculable, produto do illamento internacional propiciado por Israel.
Outros focos conflitivos están localizados en Sri Lanka, Myanmar, Indonesia, os Balcáns e Colombia, cunhas poboacións e actores involucrados que transitan polos labirintos conceptuais do que se chama "conflitos de baixa intensidade" e que só chaman a atención cando logran espallarse en número de vítimas.
Non se esquecen os procesos de paz. Irlanda do Norte deu un formidable exemplo en maio pasado cun acordo histórico de goberno entre protestantes e católicos. Países como Guatemala e O Salvador iniciaron con éxito a mediados dos anos noventa diversos procesos de paz.
Países como Liberia, Congo ou Coté d´Ivôire tamén iniciaron tímidos pero efectivos procesos de paz mentres o continente africano semella avanzar cara unha saudable opción democrática.
Pero a pobreza, a desigualdade socioeconómica e a fragmentación social en diversos países en desenvolvemento ameazan con desarticular os seus Estados e institucións, tanto como o tráfico e proliferación de armamentos, nuclear, químico e biolóxico segue a constituír unha realidade preocupante para a seguridade internacional.
Polo tanto, non é a guerra contra o terrorismo a principal fonte de conflitos no mundo de 2007 senón que a maior parte, calquera sexa a súa intensidade, posúen unha dinámica propia e antecedentes de maior data.
Unha estatística do Stockholm International Peace Research Institute, SIPRI de xuño de 2007, contabiliza en medio cento os conflitos no mundo, sendo a maior parte de natureza "intraestatal" e "irregular", manifestadas entre un goberno e unha entidade armada non estatal. A idea kantiana da paz mundial segue a ser unha utopía no século XXI.
