Un status quo en tensión

Tres procesos electorais de relevante interese estratéxico se realizarán en Oriente Medio e Asia Central nas próximas semanas, os cales moi probablemente definirán un mapa político polarizado polos intereses occidentais no cometido de preservar o status quo ante a visible ralentización da “post-Primavera árabe”. Todo isto sen menoscabar un contexto rexional cifrado pola irresolución de diversas crises e conflitos (Siria, Exipto, Libia) e da gravitación cara estes contextos da tensión actualmente derivada entre EUA e Rusia polas recentes crises de Ucraína e Crimea.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

Tres procesos electorais de relevante interese estratéxico se realizarán en Oriente Medio e Asia Central nas próximas semanas, os cales moi probablemente definirán un mapa político polarizado polos intereses occidentais no cometido de preservar o status quo ante a visible ralentización da “post-Primavera árabe”. Todo isto sen menoscabar un contexto rexional cifrado pola irresolución de diversas crises e conflitos (Siria, Exipto, Libia) e da gravitación cara estes contextos da tensión actualmente derivada entre EUA e Rusia polas recentes crises de Ucraína e Crimea.

O primeiro test electoral será Afganistán, que celebrará comicios presidenciais o próximo 5 de abril. Días despois, Alxeria igualmente irá a presidenciais (17 de abril), mentres Iraq celebrará comicios parlamentarios (30 de abril). Igualmente, non deben esquecerse os comicios municipais en Turquía previstos para o próximo 30 de marzo así como as presidenciais previstas para abril próximo en Exipto.

Dende unha perspectiva global, practicamente todos estes comicios dirimen para EUA e Europa a necesidade de preservación do status quo e do establishment no poder, a fin de evitar inesperadas alteracións dos seus intereses estratéxicos a través de cambios políticos que eventualmente afectarían as súas prioridades xeopolíticas, principalmente para Washington.

Os enredos afgán e iraquí

A imposibilidade constitucional para unha nova reelección do polémico mandatario afgán Hamid Karzai define para Washington a busca dunha alternativa que implique a preservación destes intereses estratéxicos. O problema é que non está garantido o mantemento do “clan Karzai” no poder, tomando en conta as acusacións de abusos políticos e de corrupción, que obstaculizan as expectativas de reelección do candidato Qayum Karzai.

Ante este panorama, Washington vese persuadido a focalizar a súa preferencia na candidatura de Abdulláh Abdulláh, ex ministro de Exteriores, toda vez o atomizado e complexo mapa político afgán estará principalmente determinado polo reparto de poder entre os xefes tribais e dos “señores da guerra”.

Outro factor ten que ver coa recente tensión entre EUA e a OTAN cara Rusia polas crises en Ucraína e Crimea, a cal terá unha implicación indirecta no caso afgán. O goberno de Barack Obama acelerará para novembro próximo unha retirada masiva de efectivos militares en Afganistán, estimada en 50.000 soldados. A recente suspensión de contactos militares entre a OTAN e Rusia por mor da crise de Crimea derivou na recente negativa de Moscova para que a forza da OTAN en Afganistán (ISAF) utilice o seu territorio para subministro loxístico cara o país centroasiático.

Esta tensión entre a OTAN e Rusia implicará para Washington abrir alternativas en Afganistán, abrindo perspectivas de cooperación de China que poden resultar imprescindibles para garantir a seguridade afgán. Sen menoscabar os adiantos dunha retirada militar pactada, non debe menoscabarse outra opción moito máis arriscada, orientada a concentrar a atención en Paquistán como aliado loxístico. Tanto como a tenue estabilidade de Paquistán, o problema para Washington constitúeno a fortaleza dos talibáns e a permeabilidade dos grupos yihadistas e doutras forzas insurxentes no Sur e Leste afgán, particularmente na fronteira paquistaní, aspecto que complica estes intereses estadounidenses.

Ó mesmo tempo, Karzai semella estar resultando un actor incómodo para Washington a tenor das súas negativas, moi probablemente derivadas das presións doutros xefes tribais, para asinar o Acordo Bilateral de Seguridade imposto por Obama e indispensable para ampliar a presenza militar da ISAF. Se ben os eventuais sucesores de Karzai anunciaron publicamente aceptación deste acordo, Karzai declarou que non asinará o mesmo antes duns comicios que prevén un escenario atomizado, complicando así a eventual formación dun novo goberno en Kabul. Alén de Karzai, Washington non semella ter claro qué outra alternativa política pode utilizar en Afganistán.

Non moi diferente é o escenario iraquí. Washington precisa dun novo mandato para o primeiro ministro Nourri al Maliki, constantemente polarizado pola proliferación de grupos armados insurxentes e dos “yihadistas” asentados noutro fronteira permeable como é a de Iraq con Siria. A incesante violencia iraquí, que no 2013 deixou decenas de miles de mortos, intensificouse nas derradeiras semanas, toda vez a coalición xiíta de al Maliki vese constantemente fragmentada.

A pesar de contar co apoio de EUA e de Irán, un aspecto que igualmente confirma o recente contexto de distensión entre Washington e Teherán, Nourri al Maliki enfróntase a un panorama atomizado, tomando en conta que os pactos de poder establecidos no Iraq contemporáneo non semellan satisfacer a todas as comunidades étnicas e relixiosas. Ó mesmo tempo, a violencia sectaria intensifica estas diferenzas, tal e como viuse na recente toma das cidades de Faluya e Ramada (decembro de 2013) por parte de grupos armados sunnitas, que se ven prexudicados pola arbitraria repartición de poder en Bagdad.

Os comicios iraquís deben igualmente observar a influencia rexional e os efectos da interminable guerra que vive a veciña Siria, en particular ante a proliferación de grupos armados na fronteira entre ambos países, claramente dominada pola facción do Estado Islámico de Iraq e do Levante, un grupo desligado de Al Qaeda. Paralelamente, existe outro aspecto xeopolítico de importancia: a evidencia de feito dunha autonomía cada vez maior para o Curdistán iraquí, amparado pola bonanza petroleira derivada dos seus acordos coas multinacionais, un aspecto que gravitará con importancia no contexto do irredentismo curdo cara países veciños como Turquía, Siria e Irán.  

Un Magreb “domesticado”

No caso dos comicios alxerino e exipcio, Washington e os seus aliados rexionais, principalmente Israel, Arabia Saudita e Marrocos, afianzan aínda mais a necesidade de preservación do status quo, un aspecto moito mais controvertido no caso exipcio.

A pesar dos seus problemas de saúde, o mandatario alxerino Abdelaziz Boutelika, de 76 anos e no poder desde 1999, anunciou recentemente que presentará a súa candidatura para un cuarto mandato presidencial. Con todo, e se ben Alxeria aduce crónicos problemas socioeconómicos (desocupación laboral, elevada inflación), ó mesmo tempo que as ausencias de Bouteflika en diversos actos oficiais incrementaron as expectativas sobre o seu estado real de saúde e a súa capacidade para gobernar, o país logrou amortecer calquera repercusión decisiva dos embates da Primavera árabe, a diferenza do que sucedeu nas veciñas Tunisia, Libia e Exipto.

Baixo esta perspectiva, os comicios alxerinos afrontan outra cariz para o seu establishment, monopolizado pola gobernante Fronte de Liberación Nacional (FLN) e o poderoso estamento militar. Nas recentes semanas, o pulso político veuse condicionado  pola candidatura do xeneral Tufik Mediene, xefe dos servizos de intelixencia DRS, así como das tentativas de Buteflika (co presumible apoio do Alto Mando castrense), de limitar os poderes destes servizos, en clara alusión a debilitar politicamente a Mediene.

Do mesmo xeito que a oposición acude politicamente fragmentada a estes comicios, a seguridade e a estabilidade nacional serán con toda probabilidade o tema político clave destas eleccións. Isto repercutirá non só no pulso entre as elites e o DRS senón na acción de grupos islamitas na fronteira alxerina, en particular dos provenientes de Libia e Tunisia. Este contexto igualmente repercute na revitalización da industria enerxética alxerina (gas natural) vital para o seu subministro cara Europa. A sensación de caos e anarquía na veciña Libia significou para Alxeria notable unha vantaxe económica, que logrou acumular uns 200.000 millóns de dólares en reservas de divisas debido ao fortalecemento do seu sector enerxético.

A estabilidade e “domesticación” política do Magreb supoñen imperativos estratéxicos vitais para Washington e Europa, persuadidos a manter a toda costa a estabilidade na periferia mediterránea, en particular ante os incertos escenarios abertos en Libia e Tunisia, da presenza cada vez máis activa de grupos yihadistas radicais (Al Qaeda no Magreb Islámico, Grupo Islámico de Combatentes Libios), así como da contención do ascenso político dos partidos islamitas e da aparente subordinación das protestas sociais.

Por tanto, a ecuación xeopolítica occidental pasa por fortalecer a aliados rexionais (Alxeria, Marrocos) e especialmente ao Exipto baixo o control do xeneral Abdul Fatah al Sissi e do Consello Superior das Forzas Armadas (CSFA), os cales tutelan unha transición pactada desde Washington e Tel Aviv para someter politicamente á Irmandade Musulmá, impulsando a súa ilegalización. Precisamente, al Sissi preséntase como candidato presidencial nuns comicios que anuncian o reforzamento do establishment herdeiro do réxime de Hosni Mubarak.

O temor occidental de observar unha radicalización yihadista en Libia, particularmente na zona de Bengasi, localizada na provincia da Cirenaica con pretensións secesionistas e rica en xacementos enerxéticos, así como a súa eventual irradiación a nivel rexional, implican para Washington a necesidade imperiosa de reforzar os mecanismos de seguridade no Magreb, con especial incidencia en fortalecer o poder político dos estamentos militares en Exipto e Alxeria, a fin de concretar “muros de contención” contra o islamismo e os movementos contestatarios.

A “reorientación” turca

Fóra dese contexto, os comicios municipais en Turquía previstos para o próximo 30 de marzo abren outra ecuación, aínda non tan directamente imperiosa como os casos de Afganistán, Iraq, Alxeria e Exipto. A vaga de protestas sociais lideradas polo movemento Taksim, que no 2013 confrontaron ao primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan e ao partido islamita AKP, pode cobrar factura nestes comicios, polarizando as expectativas hexemónicas de Erdogan.  

Nos derradeiros meses, Erdogan viuse confrontado por diversas crises no estamento policial, previa purga de efectivos, e acusacións de autoritarismo e limitación da liberdade de expresión, principalmente das redes sociais. Paralelamente, o cada vez maior activismo do movemento da confraría Hizmet do líder espiritual Fetullah Gülen (exiliado en EUA) ameaza con contrarrestar o poder de Erdogan e do AKP. Estas crises poden complicar as aspiracións de Erdogan de fortalecer o seu poder a través das eleccións presidenciais previstas para agosto próximo (nas que Erdogan presuntamente acudirá como candidato) e principalmente para o AKP nos comicios lexislativos de 2015.

Baixo este contexto, EUA e Europa observan con receo a recente configuración dunha xeopolítica de Erdogan e do AKP orientada a fortalecer lazos económicos, enerxéticos e militares con China e Rusia, tanto como o seu apoio ao programa nuclear iraniano e os seus contactos cos islamitas exipcios e tunisianos.

A pesar de comulgar cos intereses occidentais dentro do conflito sirio, esta súbita “reorientación” xeopolítica turca cara China e Rusia, alterando a súa tradicional inclinación occidental (particularmente vía OTAN), complicaría sensiblemente os intereses estratéxicos da Alianza Atlántica dentro do espazo euroasiático, actualmente polarizados polo retorno dos imperativos estratéxicos de Rusia, tal e como se observa actualmente coa crise de Crimea.