En primeiro lugar, as vítimas de violencia sexual poden chegar a ser rexeitadas polos seus maridos e a sufrir estigma polas súas familias. O estigma pode presentarse de diversas formas. As superviventes poden sentir que a culpa do acontecido é súa, de igual maneira que ás súas familias e comunidades tamén as poden culpar. Existen esposos que aparentemente están divididos polos sentimentos de apoio marital e as expectativas socioculturais de rexeitar á muller supervivente. Por iso, moitas vítimas prefiren gardar silencio, para non perder ás súas familias. Ademais, os fillos resultado das violacións poden non ser aceptados na comunidade e sufrir todo tipo de violencia, como o infanticidio. A todo hai que sumarlle o medo, a incerteza, os embarazos e rumores de ITS e VIH, que aumentan o estigma (Koos, 2017).
En segundo lugar, como a violencia sexual está tan asociada ca deshonra, non só as relacións maritais se rompen, tamén afectan ás relacións entre as vítimas e as comunidades. Moitas das superviventes vense forzadas a desprazarse a un novo lugar onde ninguén as coñeza. Á súa vez, as violacións cometidas por civís no contexto dun conflito destrúe a cohesión comunitaria e a confianza social (Koos, 2017).
No caso dos homes vítimas de violencia sexual, eles sofren un proceso de emasculación (perda simbólica das características atribuídas á masculinidade nas sociedades patriarcais), que pode provocar o rexeitamento por parte da familia e da comunidade. Polo tanto, eles poden chegar a sentirse “feminizados” pola crenza de que os homes heterosexuais, estereotípicamente virís e protectores, non poden ser vítimas de violencia sexual. Tamén temen ser considerados homosexuais, sobre todo en países onde está penada a homosexualidade. Ademais, igual que no caso das mulleres, poden desenvolver problemas de procreación por feridas nos órganos sexuais ou danos psicolóxicos. Con todo, a falta de protocolos de axuda centrados nas necesidades dos homes enquista esta problemática (Sivakumaran, 2007).
Neste contexto, tódalas vítimas precisan un trato humano, respectando a súa privacidade e a máis estricta confidencialidade. Un alto número de superviventes non denuncia por medo a represalias; e as que si o fan, poden expoñerse a condicións precarias de seguridade (Comité Internacional de la Cruz Roja, 2016).
A violencia sexual é unha emerxencia médica, polo que é fundamental que as vítimas teñan acceso a unha atención médica de calidade dentro das 72 horas posteriores ao ataque. De esta forma redúcense os riscos de contraer ITS ou VIH e poden acceder á anticoncepción de emerxencia segundo a lexislación nacional. Pola contra, o acceso á asistencia integral de saúde e o apoio psicosocial, pese a ser esencial, pode verse dificultado pola falta de conciencia das vítimas da necesidade de buscar atención médica de urxencia, pola inseguridade ou pola falta de infraestrutura médica, danada ou destruída na guerra. Por outra banda, debido á complexa natureza dos conflitos armados, os actores humanitarios tropezan con diversos problemas á hora de chegar ás vítimas a fin de brindarlles a atención e o apoio necesarios (Comité Internacional de la Cruz Roja, 2016).
De igual maneira, as vítimas que desexen acudir á xustiza deben estar plenamente informadas sobre o apoio dispoñible e deben ser protexidas contra as represalias, a exclusión ou a inseguridade (Comité Internacional de la Cruz Roja, 2016).
Para rematar, destacar que durante a próxima semana afondaremos aínda máis no tema, ao tratar de identificar o perfil dos agresores sexuais nos conflitos, as súas motivacións e a metodoloxía que poden empregar.
Bibliografía
Comité Internacional de la Cruz Roja. (2016). La violencia sexual en los conflictos armados: preguntas y respuestas. https://www.icrc.org/es/document/la-violencia-sexual-en-los-conflictos-armados-preguntas-y-respuestas
Koos, C. (2017). Sexual violence in armed conflicts: research progress and remaining gaps. Third World Quarterly. Vol. 38 (9), 1935-1951. https://dx.doi.org/10.1080/01436597.2017.1322461
Sivakumaran, S. (2007). Sexual Violence Against Men in Armed Conflict. The European Journal of International Law, Vol. 18 (2), 253−276. 10.1093/ejil/chm013

