Unha China sen pobreza

China salientou como gran obxectivo da axenda política para 2020 a erradicación da pobreza no país. A súa soa inclusión entre as prioridades é de seu un elemento a destacar e celebrar. En 1949, cando triunfou a Revolución, o seu PIB equivalía ao de 1890. Uns 500 millóns de persoas conformaban unha sociedade inmensamente rural, analfabeta e pobre, co país esnaquizado por unha secuela de guerras, tanto civís como de agresión. A traxectoria desde entón a hoxe non foi nin moito menos rectilínea; no entanto, especialmente na fase iniciada a partir de 1978, neste ámbito concreto, o balance é realmente portentoso. 

Liñas de investigación Observatorio de la Política China
Apartados xeográficos China y el mundo chino
Idiomas Galego

China salientou como gran obxectivo da axenda política para 2020 a erradicación da pobreza no país. A súa soa inclusión entre as prioridades é de seu un elemento a destacar e celebrar. En 1949, cando triunfou a Revolución, o seu PIB equivalía ao de 1890. Uns 500 millóns de persoas conformaban unha sociedade inmensamente rural, analfabeta e pobre, co país esnaquizado por unha secuela de guerras, tanto civís como de agresión. A traxectoria desde entón a hoxe non foi nin moito menos rectilínea; no entanto, especialmente na fase iniciada a partir de 1978, neste ámbito concreto, o balance é realmente portentoso. 

O logro dunha sociedade modestamente acomodada, obxectivo de longa data suscitado polo PCCh, non pode ser alcanzado plenamente en tanto persista unha pobreza significativa. Nos anos transcorridos de reforma e apertura, a explotación da man de obra ou a intensificación das desigualdades daban conta dunha China tan crecentemente rica como insoportablemente inxusta. A erradicación da pobreza non resolve esas taras pero envía unha clara mensaxe doutro signo. 

En máis dunha ocasión, boa parte da sociedade chinesa mostrouse pouco comprensiva coas accións dun goberno que tamén gastou e gasta importantes recursos na realización de grandes proxectos no exterior ou cando as grandes xiras das máximas autoridades do país réganse con promesas de investimentos millonarias á vez que internamente é tanto o que queda por facer. Sucumbir a ese contraste non sempre é xusto aínda que si comprensible cando o país exhibe a posición 90 en termos de IDH (Índice de Desenvolvemento Humano). 

Aínda así, desde o inicio da reforma en 1978, máis de 700 millóns de persoas saíron da pobreza en China. A finais de 2015, quedaban 55,75 millóns de pobres segundo fontes oficiais. O alivio da pobreza mellorou a vida de 55 millóns de chineses entre 2013 e 2016, anos de crise no mundo, un número maior que toda a poboación española. A día de hoxe, uns 45 millóns de chineses atópanse nesta situación. Os orzamentos centrais e locais destinaron en 2016 un total de 34.330 millóns de dólares a esta finalidade. Uns 8 millóns de fogares recibiron micro-créditos para emprender un novo rumbo. O estándar actual sinala que as zonas peor clasificadas serán as prioritarias. 

A nivel global, China é quen máis contribuíu durante a última década na loita contra a pobreza. Con máis de 1.300 millóns de habitantes, sacou dela a máis persoas que calquera outro país do mundo. Son datos incontestables.

O que resta é, como sempre, o máis difícil. A estratexia de redución selectiva da pobreza implica unha xestión máis ao detalle dos fondos e a disposición de beneficios tanxibles. Canto máis se avance máis complexo será pois se requiren actuacións diversas en materia de infraestruturas (camiños, auga, electricidade..), educación, emprego, saúde, vivenda, con proxectos sociais e de desenvolvemento á vez. 

En paralelo á vixilancia da reincidencia ou o combate a unha corrupción especialmente repugnante cando afecta á xestión destes fondos, é importante un manexo adecuado da recolocación de cidadáns con escasos recursos que habitan en zonas remotas e de difícil acceso. Nesta estratexia, é probablemente a recolocación o aspecto máis sensible tendo en conta que pode xerar problemas de novo tipo relacionados co desarraigamento e a inadaptación. 

O traslado de persoas de zonas subdesenvolvidas a outras desenvolvidas (en 2017 calcúlase que serán uns 2,43 millóns os recolocados) esixe un diálogo respectuoso coas comunidades afectadas. En 2016 foron trasladadas un total de 2,49 millóns de persoas. 

Se China, con todas as garantías esixibles, acredita a consecución dos seus obxectivos, non só demostrará que non é imposible acabar con esta lacra senón que lle sacará as cores a boa parte do mundo desenvolvido.