Orixinalmente publicado en www.xuliorios.com, 3 de agosto do 2026
castedo

Unha estratexia institucional Galicia-China da man de Pepe Castedo

1. Recoñecemento cívico en Ferrol

    Sería o primeiro paso a través do seu nomeamento como Fillo Adoptivo. Complementariamente, podería dedicárselle un espazo público (rúa, praza, biblioteca ou sala cultural) e incorporar a súa figura ás rutas culturais da cidade.

    A mensaxe sería clara: Ferrol reivindica un dos grandes mediadores culturais entre Galicia, España e China.

    En China, estes recoñecementos adoitan interpretarse como expresión de respecto institucional e continuidade da memoria.

    2. Un documental de produción galego-chinesa

    Quizais a iniciativa con maior impacto. Unha colaboración entre a TVG e a CGTN é perfectamente factible e podería ampliarse a outros intercambios de interese mutuo no eido audiovisual.

    3. Un premio anual Pepe Castedo

    Convocado polo Concello de Ferrol, a Xunta ou en colaboración coa universidade e tamén con empresas.

    Estaría orientado a distinguir persoas ou institucións que reforcen as relacións Galicia-China no eido da cooperación universitaria, científica, marítima, tradución literaria, intercambio cultural ou a innovación empresarial.

    Isto daría continuidade á súa memoria .

    4. Un centro ou aula permanente

    En colaboración coa UDC, na cidade de Ferrol podería impulsarse unha Cátedra ou Aula China-Galicia centrada en aspectos como os estudos chineses ou as relacións Europa-China.  Podería implicar máis universidades incluindo, naturalmente, chinesas.

    Esta Aula Pepe Castedo podía organizar conferencias, cursos, intercambios; encontros empresariais.

    Ferrol podería aspirar a converterse nun dos principais espazos galegos e españois especializados en China.

    5. Un arquivo dixital

    No que se poida recoller correspondencia, fotografías, manuscritos, artigos, entrevistas, documentos diplomáticos, etc. Un fondo documental accesible internacionalmente que incrementaría o valor académico do legado.

    6.  Foro bienal Galicia-China “Pepe Castedo”

    Quizais a iniciativa máis ambiciosa. Un encontro anual en Ferrol sobre cooperación industrial, transición enerxética, innovación marítima, economía azul e relacións culturais.

    A presenza conxunta de empresas, universidades e administracións convertería a cidade nun espazo estable de diálogo.

    Con sede permanente en Ferrol, podería reunir empresas, universidades, administracións, centros tecnolóxicos, investigadores, expertos en economía marítima, enerxías renovables ou industria naval.

    A figura de Castedo serviría de inspiración e marco histórico.

    7. Programa educativo

    Introducir nos institutos de Ferrol actividades sobre China contemporánea, historia das relacións sino-españolas, tradución e diálogo intercultural.

    Incluso podería convocarse un concurso anual de ensaio ou tradución co seu nome.

    Neste mesmo ámbito, poderían establecerse bolsas de mobilidade anuais para estudantes galegos e chineses. O nome de Castedo resultaría especialmente apropiado para programas de tradución ou estudos internacionais pero tamén con apertura cara enxeñaría naval ou tecnoloxía industrial, propiciando un vínculo directo entre cultura e industria.

    8. Exposición itinerante

    Unha gran exposición sobre Castedo podería percorrer Ferrol, Madrid ou Beijing, sen perxuicio de abarcar outras cidades. Sería un excelente instrumento de diplomacia pública.

    A maiores, podería arbitrarse unha exposición permanente nun museo de Ferrol ou centro cultural.

    Podería itinerar posteriormente por universidades chinesas e españolas.

    9. Semana Galicia-China

    Organizada bianualmente en Ferrol con cine, gastronomía, música, conferencias,  encontros empresariais, exposicións.

    Sempre baixo o denominador  da memoria de Castedo.

    Sería unha maneira de converter Ferrol nun referente galego das relacións con China.

    10.Un espazo simbólico na futura industria

      Se a inversión chinesa continúa desenvolvéndose, podería existir dentro do complexo industrial unha pequena biblioteca, un centro de interpretación, unha sala de recepción de visitantes, dedicada á figura de Castedo.

      En China é relativamente frecuente que grandes empresas incorporen espazos destinados a expresar a historia da cooperación bilateral.

      11. Cooperación institucional con cidades chinesas

      A partir da súa figura poderían promoverse irmandamentos, programas universitarios, intercambios xuvenís, proxectos culturais.

      As cidades chinesas adoitan valorar moito cando existe unha historia previa que dea sentido á cooperación.

      12. Círculo Castedo

      A institucionalización do Círculo Castedo, xa existente, a través do patrocinio público-privado, podería actuar como motor dinamizador da relación.

      Coda

      Estas iniciativas non serían percibidas simplemente como homenaxes locais.

      Na cultura política chinesa, os vínculos históricos teñen un valor acumulativo. O feito de que unha comunidade recoñeza a quen dedicou boa parte da súa vida ao compromiso con China, en épocas difíciles, contribuindo xenerosamente ao seu desenvolvemento e a fortalecer a amizade bilateral interprétase como un sinal de continuidade, respecto e sinceridade. Esa lóxica encaixa coa idea chinesa de que as relacións internacionais deben asentarse sobre unha base de coñecemento mutuo e confianza construída ao longo do tempo.

      Neste contexto, Ferrol podería proxectarse non só como un destino de investimento industrial, senón tamén como un lugar que comprende o valor da relación con China máis alá das oportunidades económicas inmediatas. Iso conferiría á cooperación unha dimensión simbólica especialmente apreciada por interlocutores chineses, para quen os xestos de recoñecemento institucional e de preservación da memoria adoitan ter un significado que transcende o seu custo material.

      En definitiva, reivindicar a figura de Pepe Castedo permitiría dotar a presenza chinesa en Ferrol dunha narrativa de continuidade histórica. A cidade non aparecería unicamente como receptora dun investimento, senón como depositaria dun legado de diálogo intelectual e humano que precede ás relacións económicas actuais e que pode contribuír a fortalecelas no futuro. Esa combinación de memoria, cultura e cooperación constitúe un activo de diplomacia pública pouco frecuente e, precisamente por iso, potencialmente moi valioso para Galicia e para o propio Ferrol.