Unha segunda guerra fría?

En realidade, nunca se foi de todo. Mesmo despois da disolución da antiga Unión Soviética, a salvo da nosa visión eurocéntrica do mundo, en América Latina (Cuba e máis) ou en Asia (Corea do Norte pero tamén Taiwán) puideron se apreciar tensións herdadas daquel binomio que condicionou boa parte da evolución das relacións internacionais do século XX. E aí seguen á espera de solución coas mesmas hipotecas.

Liñas de investigación Relacione Internacionales
Apartados xeográficos Estados Unidos
Idiomas Galego

En realidade, nunca se foi de todo. Mesmo despois da disolución da antiga Unión Soviética, a salvo da nosa visión eurocéntrica do mundo, en América Latina (Cuba e máis) ou en Asia (Corea do Norte pero tamén Taiwán) puideron se apreciar tensións herdadas daquel binomio que condicionou boa parte da evolución das relacións internacionais do século XX. E aí seguen á espera de solución coas mesmas hipotecas.

Podería reeditarse en toda a súa extensión? Probablemente non naquela dimensión pero todo apunta a que a confrontación tende a medrar no seo da actual tripolaridade global, a conformada por EUA, Rusia e China. Moscova semella no punto de mira do mundo occidental, ás voltas coas fake news, o envelenamento de ex espías e pulsos militares en torno á fronteira leste de Europa e/ou Oriente Medio, nesa Siria desfeita tras oito anos de conflito. Se no caso ruso, as tensións xeopolíticas maniféstanse primordialmente no eido militar (onde tamén radican as súas capacidades mais avanzadas), no caso chinés, a primacía céntrase no comercial. En efecto, as complementariedades sino-rusas trazan unha alianza económico-militar que pode poñer en xaque a hexemonía estadounidense. 

A Estratexia Trump

O pasado decembro, a Administración do presidente de EUA, Donald Trump, presentou a nova Estratexia de Seguridade Nacional. O citado documento, entre outros, sinala a Rusia e China como a principal ameaza para os intereses globais de EUA pola súa condición de potencias “revisionistas” da orde internacional, interesadas –e progresivamente capacitadas- en dar paso a unha nova orde que desprace a hexemonía de Washington do cetro global. En xaneiro, o xefe do Pentágono, James Mattis, presentou a versión desclasificada da Estratexia de Defensa Nacional cunha evidente proxección militarista que incide na preservación a toda costa do seu espazo hexemónico e prima de novo a preparación para as guerras.

Segundo explicou Mattis, a loita contra o terrorismo debe ceder a primacía á competencia estratéxica entre os estados, reiterando a importancia de consolidar as vantaxes competitivas de EUA fronte aos rivais emerxentes. A elevación das capacidades militares respondería así á necesidade de manter a superioridade nesta esfera sobre Rusia e China. Se o terrorismo internacional foi o pretexto utilizado na posguerra fría para o fortalecemento do imperio militar estadounidense aínda despois da caída do que Ronald Reagan cualificara de “imperio do mal” con niveis orzamentarios descomunais en defensa, a entente entre Putin e Xi Jinping serve en bandexa os argumentos que precisa o complexo militar-industrial para apuntar de novo.

A linguaxe que destila este documento lembra, en efecto, a etapa do conflito este-oeste durante a Guerra Fría e insiste no uso da forza como principio primeiro e irrenunciable da diplomacia estadounidense coa mirada posta en preservar a influencia global de EUA a todos os niveis, comezando polas balanzas de poder rexional en condicións favorables en Europa, Oriente Medio, o hemisferio occidental e, por suposto, nesa Asia na que asoma con forza a testa do dragón.

O America first non expresa desentendemento; o quer dicir realmente entón é “USA, the first” e para iso pretende aumentar a capacidade letal diferenciando estratexias de presión: será fundamentalmente militar no caso de Rusia e será prioritariamente económica no caso de China. A EUA preocúpalle a pinza que poidan establecer Rusia (poder militar) e China (poder económico) para contrarrestar a súa influencia no mundo.

As espadas en alto

Cando Trump lidera un ataque militar contra Siria como resposta a un hipotético uso de armas químicas por parte das tropas de Al Asad non soamente envía unha mensaxe ao líder sirio pola atribuída comisión dun delito de guerra senón que a mensaxe vai dirixida cara Moscova. Con antecedentes tan escuros respecto ás armas químicas (lembremos Iraq), procedería unha análise independente e exhaustiva por parte de quen proceda, pero non interesou porque, a fin de contas, era intranscendente. O importante é que o Kremlin tomara nota de que Occidente non lle permitirá gañar esta guerra.

Foi a implicación rusa (e iraniana) no conflito o que permitiu a Al Asad gañar terreo e por freo ás ambicións occidentais na rexión. A guerra dura e será tan longa como sexa necesario porque responde ao propósito xeopolítico de evitar a consolidación de Moscova como un actor relevante a nivel global. Paradoxalmente, para EUA, no táctico, tería maior sentido un achegamento diplomático a Moscova para debilitar a súa relación con Beijing e ver de reeditar, á inversa, o divide e vencerás dos anos setenta do pasado século coa diplomacia do ping-pong fronte á URSS.

A loable preocupación humanitaria das potencias occidentais semella unha escusa hipócrita, especialmente á vista do trato dispensado aos fuxidos da guerra no Oriente ou a complicidade exhibida nos crimes que a cotío se suceden no próximo Iemen ante o clamoroso silencio da “comunidade internacional”. A Europa de Macron e May e tamén da Merkel polo caladiño, sen purgar aínda as súas responsabilidades na primavera árabe e na destrución de Libia, súmase compunxida ás operacións achegando a súa “proporcionalidade”.

Presión comercial –e non só- contra China

A segunda fronte desenvólvese en Oriente. China reaccionou aos anuncios de imposición de aranceis da Administración Trump (primeiro sobre o aceiro e o aluminio, despois sobre unha longa lista adicional de mercancías) cunha batería de invectivas que inclúe non só advertencias e procedementos de diverso signo (ante a OMC) senón con imposicións de corte similar que preocupan cada vez máis nos mercados a nivel global, evolucionando a gran velocidade desde o simbólico ao real. Impertérrito, Trump dise disposto a dobrar o desafío. 

A primeira vista, tal desenvolvemento dos acontecementos presenta argumentos cribles e coñecidos: o avultado déficit comercial de Washington, a defensa da propiedade intelectual fronte ás condutas abusivas chinesas en materia de captación de tecnoloxía -que explicarían a rápida mellora de Beijing nesta orde-, o impacto destas prácticas no emprego e no poder industrial de EUA, etc. Pero o transfondo do contencioso vai moito máis alá e debe contextualizarse no marco desa nova estratexia de seguridade nacional estadounidense que apunta a China co dedo acusador como competidor e rival estratéxico en todos os ámbitos. Todo o cal complica unha saída negociada e rápida ás tensións actuais.

A firma presidencial da Acta de Viaxes de Taiwán, que permitirá elevar o nivel dos intercambios entre altos funcionarios de Washington e Taipéi, ou as novas vendas de armas que inclúen a tecnoloxía para fabricar submarinos, etc., anticipan importantes tensións tamén neste aspecto nos próximos meses. É un capítulo especialmente sensible para Beijing. 

Por outra banda, cabe prever un incremento das operacións de “liberdade de navegación” no Mar de China meridional, inseparable do estímulo á estratexia do Indo-Pacífico cunha alianza ao alza con India, Xapón e Australia no indisimulado propósito de conter ao xigante asiático. Incluso o alarmante aumento do esforzo en defensa da OTAN ten algo que ver con este escenario, ao que tampouco son alleas as novas tendencias no conflito coreano onde está por ver a viabilidade dunha fenda na relación sino-norcoreana que Xi tentou evitar coa visita á capital chinesa do Kim III. Putin volverá a Beijing en xuño próximo. 

China ten respostado cunha firmeza medida ás invectivas de Washington mentres prosegue coa súa táctica de saltar as novas barreiras apostando por unha maior apertura que inclúe o significativo lanzamento en marzo do petroiuán asociado ao ouro, polo momento sen condicións para rivalizar co petrodólar pero suscitando un desafío en toda regra ao absoluto dominio da moeda estadounidense no marco dunha ampla internacionalización da súa divisa que aspira a reducir a dependencia do billete verde. China é o maior importador de petróleo do mundo (uns 10 millóns de barrís/día) e pretende consolidar un estándar asiático que lle permita controlar as variacións da moeda de pago da súa formidable factura enerxética.

Dando carpetazo ao pensamento de Henry Kissinger, firme defensor da utilidade estratéxica do vínculo sino-estadounidense, Trump e os seus asesores parten da convicción de que a emerxencia económica de China produciuse como consecuencia do apoio de EUA ao longo das últimas décadas e que esta responde agora cun ingrato desafío que vai máis aló do económico, ameazando a supervivencia dos valores e o liderado occidental. Xi, pola súa banda, non disimula o propósito de escribir unha nova páxina na historia mundial que, así mesmo, dea carpetazo á hexemonía da orde liberal occidental. É demasiado tarde para evitar unha confrontación grave? 

EUA parte da premisa de que unha guerra comercial danará máis a China pero o estreito da interdependencia entre ambas economías suxire danos importantes para ambas si a escalada acentúase e pasa das palabras aos feitos. China tiña en xaneiro 1,16 billóns de dólares depositados en bonos do Tesouro estadounidense, a cifra máis baixa nos seis últimos meses. E no eido militar, evoluciona a marchas forzadas. En abril, a Armada chinesa celebrou no Mar da China meridional as maiores manobras da súa historia.

USA, the first

O USA, the first é a esencia da política exterior de Trump. Haberá tantas doses de contención e confrontación como sexan precisas para preservar a súa posición global. Actuará unilateralmente sempre e cando lle beneficie pero o seu illamento será relativo e condicionado a idéntico propósito. A súa influencia e intereses están en cuestión e a folgada soberanía de que dispón –á que tamén aspiran Rusia e China- será defendida cunha estratexia de repunte do poder militar e económico.