Xiro prooccidental en Macedonia

A espera do que aconteza en Serbia e Montenegro, as eleccións celebradas o pasado 15 de setembro na Macedonia balcánica propiciaron un cambio de situación significativa que pode ser resumida coa derrota de Georgievski, pero que implica unha nova imaxe deste país e unha reorientación da súa política exterior.

Os habitantes de Macedonia agardan novas maneiras de exercer o poder e unha simplificación das relacións políticas. Os resultados evidenciaron en primeiro lugar o escaso futuro dos pequenos partidos. A excepción do Partido Socialista que obtén un mandato, prácticamente desaparecen todos. Ningún superou a barreira dos 8-9000 votos, prexudicados todos pola capitalización das grandes opcións, insistentes durante toda a campaña na necesidade de non dispersar o voto, a fin de evitar a fragmentación do momento político anterior. A ruptura semella evidenciada.

Dividida en seis circunscricións electorais, o Parlamento de Macedonia conta con 120 membros, distribuidos do seguinte xeito:

A coalición Xuntos por Macedonia (Zaedno za Makedonija), liderada pola Alianza Socialdemócrata, obtivo 40,5% dos votos e 60 deputados. A coalición VMRO-DPMNE, Organización Revolucionaria Interior de Macedonia, e o Partido Liberal, 24% dos votos e 34 mandatos. A Unión Democrática pola Integración, 11.5% e 17 mandatos. O Partido Democrático Albanés, 5.5% e 7 deputados. O Partido da Prosperidade Democrática, 2 deputados; e o Partido Democrático Nacional e o Partido Socialista, un representante cada un.

A derrota do primeiro ministro, Ljupco Georgievski, á fronte dun goberno claramente oposto á OTAN, foi celebrada en Bruxelas, quen rapidamente activou as negociacións co Presidente do país, Boris Trajkovski, para aproximarse á Alianza. Aínda sendo tarde para formar parte do grupo de países a integrar no cumio de Praga en Novembro, en Skopje se aspira a obter cando menos un estatuto especial que lle abra as portas a unha segunda oportunidade. Segundo o embaixador de Macedonia ante a OTAN, Nano Ruzin, a alternancia política permitirá un trato mellor da Alianza no cumio de Praga. En Varsovia, fan de padrinos.

Como en Suecia ou Alemaña na política comunitaria, o sinal enviado por Macedonia é moi importante na definición de tendencias do mapa balcánico que afrontará probas decisivas nos próximos meses para albiscar unha saída ao colapso que empantana esta delicada rexión.