Zàijiàn (adeus), Mr Clinton

O Presidente de Estados Unidos dirá adeus á China despois dun longo percorrido polos lugares máis emblemáticos do país, tanto dende o punto de vista político como económico, histórico, cultural ou turístico. O éxito desta visita marcará a ambas partes, pero sobre todo reforza a posición interna e a proxección internacional dun Jiang Zemin, crecido pola súa imaxe de tolerancia, pola predisposición a tratar, mesmo públicamente, das mutuas discrepancias nun contexto de afirmación dos intereses comúns. Para contrarrestar a insistencia no respecto ós dereitos humanos, China anuncia para o próximo outono a sinatura do Pacto internacional de dereitos civís e políticos.

Se o balance para ambos líderes resulta claramente satisfactorio, para Taiwán, a outra China, que seguiu de reollo pero moi atentamente a viaxe de Clinton, medran os factores de preocupación. En decembro haberá eleccións lexislativas e a derrota do gobernante Kuomintang entra dentro do previsible. As presións de Washington sobre a alternativa, o Partido Democrático Progresista, defensor da independencia, faranse sentir con máis intensidade. A Casa Branca, empeñada en que a actual normalización non se estrague, pode pasar asi de aliado estratéxico a casamenteiro (hongniang), unha figura moi popular, inclusive na China de hoxe, e que para máis retranca, ten a súa principal orixe nunha obra clásica titulada “O pavillón occidental”.