logocgal

Convenio de Colaboración entre a Coordinadora Galega de ONGDs e o IGADI para a difusión de actividades e estudos relacionados coa cooperación internacional ao desenvolvemento (2010)

Convenio de Colaboración entre a Coordinadora Galega de ONGDs e o IGADI para a difusión de actividades e estudos relacionados coa cooperación internacional ao desenvolvemento

Día 20 de xaneiro de 2010.

Dunha banda, Xulio Ríos Paredes, director do Instituto Galego de Análise e ocumentación Internacional, IGADI, en nome e representación do mesmo en virtude  das atribucións que lle foron conferidas e, doutra, Xosé María Torres Bouza, presidente da Coordinadora Galega de ONGDs, con CIF C-15369002, e domicilio na rúa dos Basquiños, 33-1º A, de Santiago de Compostela (15704-A Coruña), en nome e representación da mesma en virtude das facultades otorgadas polos seus Estatutos Recoñecéndose mutuamente a capacidade legal para subscribir este Acordo.
MANIFESTAN

Habida conta que a Coordinadora Galega de ONGDs asume entre as súas preocupacións e obxectivos o fomento da reflexión e a investigación sobre a problemática da cooperación internacional ao desenvolvemento.

Tendo en conta que o IGADI, centro de análise e estudos sobre os problemas internacionais, contempla, desde os seus inicios, a análise da cooperación internacional ao desenvolvemento como unha das súas áreas de estudo principais, cristalizada na existencia dun Programa de Investigación específico e estable, en funcionamento dende 2005.Valorando que a revista semestral do IGADI, Tempo exterior, dedica habitualmente espazo nos seus contidos a temáticas relacionadas, directa ou indirectamente, coa cooperación internacional ao desenvolvemento.Interesadas ambas as dúas partes no fomento de sinerxías que faciliten a mellora da calidade do estudo, a formación, a capacitación e as actividades que connotan o sistema galego de cooperación.Valorando a necesidade de promover un maior esforzo para divulgar entre o público obxectivamente interesado os estudos relacionados coa cooperación internacional ao desenvolvemento e o intercambio a diferentes niveis. Visto que as dúas entidades comparten o obxectivo de alentar diferentes iniciativas tendentes a profundar no coñecemento da realidade da cooperación internacional ao desennvolvemento, tanto no marco galego como global.Coincidindo ambas partes na necesidade de contribuir, na medida das súas posibilidades, a estimular o interese pola investigación e o estudo sobre os procesos relacionados coa cooperación internacional ao desenvolvemento nos seus respectivos círculos profesionais e académicos.En virtude de canto precede, as dúas partes subscriben o presente Acordo suxeito ás seguintes
CLÁUSULAS

Primeira

Establécense como obxectivos compartidos os seguintes: a) Facilitar o intercambio de publicacións propias. b) A promoción de investigacións en áreas de interese común. c) O fornecemento de apoio a aquelas persoas interesadas en reflexionar sobre temas relacionados coa cooperación internacional ao desenvolvemento. d) A divulgación dos estudos e actividades relacionados coa cooperación internacional ao desenvolvemento e xerados en Galicia, con especial atención á revista Tempo exterior.

Segunda

Para a eficaz implementación dos obxectivos citados, ambas partes poderán elaborar un Plan de actividades.

Terceira

O IGADI facilitará a Coordinadora un determinado número de exemplares de cada edición da revista Tempo exterior para a súa difusión entre os asociados. Os membros das ONGDs integradas na Coordinadora Galega gozarán de beneficios e descontos na subscrición á revista Tempo exterior e na adquisición das demais publicacións do IGADI.

Cuarta

A Coordinadora Galega de ONGDs difundirá nos seus eventos a publicación Tempo exterior, conforme ao procedemento a acordar entre ambas partes. Na mesma liña, o IGADI fará o propio coas publicacións da Coordinadora. Igualmente, intercambiaranse enlaces nas respectivas páxinas web.

Quinta

Ambas as partes intercambiarán ideas sobre as prioridades da investigación no eido da cooperación internacional ao desenvolvemento que redunden nunha maior eficiencia do sistema galego de cooperación.

Sexta

Creáse unha Comisión de Seguimento formada por un representante de cada unha das partes que se poderán reunir unha ou máis veces ao ano para programar actividades e efectuar o balance das mesmas.

Sétima

As partes acordan que en caso de litixio, discrepancia ou reclamación que resulte da execución ou interpretación do presente Convenio, resolveranse en primeira instancia a través dun árbitro de equidade.

Oitava

A duración deste Acordo é indefinida e entrará en vigor a partires da data da sinatura. A súa rescisión por algunha das partes efectuarase por escrito e cunha antelación mínima de tres meses. En calquera caso, deberase garantir a finalización das actividades en curso. E en proba de conformidade, as dúas partes asinan o presente Acordo, na data do encabezamento.

Xulio Ríos, director do IGADI.

Xosé María Torres Bouza, presidente da Coordinadora Galega de ONGDs.