A Declaración do Milenio, asumida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, foi aprobada no Cumio do Milenio, reunido en setembro de 2000 en Nova York.
A Declaración do Milenio, asumida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, foi aprobada no Cumio do Milenio, reunido en setembro de 2000 en Nova York.
Esta Declaración reafirma o carácter universal e intemporal dos propósitos e principios das Nacións Unidas e considera como valores fundamentais do novo milenio a liberdade, a igualdade, a solidariedade, a tolerancia, a paz, o respecto ao medio ambiente e a responsabilidade común.
Como continuación da Declaración do Milenio, as Nacións Unidas estableceron oito obxectivos, os obxectivos de desenvolvemento do milenio, que se pretenden acadar en 2015 e que comprometen aos países na adopción de medidas e na aplicación de esforzos e recursos para acadalos.
A Campaña dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio se marca como obxectivos concretos para o 2015 erradicar a pobreza extrema e a fame; acadar a educación primaria universal; promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller; reducir a mortalidade infantil; mellorar a saúde materna; combater a SIDA e outras enfermidades; garantir a sostenibilidade do medio; fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento.
É fundamental que a sociedade civil coñeza estes obxectivos e que traballe para contribuír a facelos realidade. Pero iso non será posible se os gobernos non se responsabilizan. Tamén é importante que os parlamentos aseguren un compromiso especifico para conseguir estes fins.
É neste sentido que o Parlamento de Galicia se adhire á Declaración dos obxectivos de desenvolvemento do Milenio das Nacións Unidas, coa intención de contribuír, ata onde llo permitan as súas competencias, ao cumprimento destes obxectivos tanto en exercicio do seu propio labor como pola súa capacidade de influencia na sociedade e no goberno.
Aprobada o 1 de decembro de 2004.