O Centro Goianés colgou o cartel de -Non hai entradas dispoñibles

A fermosa vila de Goian, situada na fronteira entre España e Portugal, converteuse en escenario internacional coa Gala da Lusofonía

A primeira Gala da Lusofonía, cuxo título “A República dos Sonhos” (inspirado na novela de Nélida Piñon) “'Non Somos o mesmo País, pero non Somos estraxeiros” foi organizada polo IGADI – Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional a través dun convenio coa Deputación de Pontevedra. Colaboraron tamén coa Gala, o Concello de Tomiño e a AECT do Río Minho e o Centro Goianés. Agora podes revivila na canle de Youtube da Deputación de Pontevedra

O acto foi presentado pola popular presentadora do programa “Digoche eu!” da Televisión en Galicia, Esther Estévez, co guión de Tino Santiago e Alberto Mancebo, e coa produción de Daniel González Palau, director do IGADI e autor da investigación desde 2013, “Unha Historia para o S.XXI”, arredor do desenvolvemento en Galicia da Lei Paz Andrade. Podes revivir a Gala desde este enlace.

Ao acto asistiron distinguidos convidados de ámbolos dous lados da comarca do Minho, entre eles a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, así como o deputado de Cooperación Transfronteiriza e Tenente Alcalde de Tomiño, Uxío Benítez. Na parte cultural, social e económica, o historiador Ramón Villares, o xornalista Julián Rodríguez, a investigadora e filóloga Helena Pousa, o excorrespondente da TVG en Porto Carlos Portas e o director da editorial Laiovento, Alfonso Ribas, persoa próxima a Nélida. Piñón.

Durante a gala retransmitíronse mensaxes de mozos e mozas de distintos países da lusofonía, membros da JUPLP – Unidade de Xuventude dos Países de Lingua Portuguesa, así como do Prof. João Casqueira, membro do IGADI e CEPESE (Centro de Estudos da Poboación, Economía e Sociedade) de Portugal e Wesley Sá Teles, brasileiro que coordina o Observatorio Galego da Lusofonía (OGALUS) do IGADI.

O acto destacou a relación entre os países lusófonos e a simbiose da Eurocidade Tomiño-Vila Nova da Cerveira, como exemplo de convivencia e cooperación para a Unión Europea e o resto do mundo.

Para amenizar a noite, a cantante Uxía presentou o seu repertorio de temas dedicados á Lusofonía e gravou un fragmento do que será o seu novo videoclip para a canción “A Ponte”, que contou coa participación de todos os presentes cantando a unha soa voz en coro.

Unha festa desde o Centro Goianés (cuxa orixe é unha icona da diáspora galega) que foi retransmitida en directo, facéndose eco dunha mensaxe de colaboración e cooperación, onde ninguén foi estranxeiro.

O traballo e o esforzo por incluír a Galicia no escenario internacional, respectando a diversidade e abrazando a cooperación e colaboración entre pobos irmáns, marcou unha noite xa histórica.