Cambios e tensións globais: de Portugal a Brasil, de Taiwán ao Sáhara (nova entrega de Tempo exterior)

Unha serie de cambios políticos e a manifestación de diversas tensións que se presentan en determinados focos da política internacional dan a entender, dende un amplo abano de perspectivas, a eventual definición dun cambio de ciclo sistémico. A inédita fronte de esquerdas que actualmente goberna en Lisboa, e que levou ao socialista António Costa a desbancar a un goberno tecnócrata supeditado á “troika”, contrasta coas dificultades que debe sortear a presidenta brasileira Dilma Rousseff, en particular ante a posibilidade dun impeachment. En Asia, a posibilidade dun cambio de goberno de signo soberanista en Taiwán gravitará con forza na evolución das súas relacións con China continental. Noutro actor clave, Rusia, o presidente Vladimir Putin, observa cómo a consolidación interna do seu poder implica importantes retos a nivel internacional, condicionados polo reforzamento dos imperativos xeopolíticos. Por outra banda, a cooperación internacional ao desenvolvemento aborda momentos importantes, tomando a modo de exemplo os casos da reconstrución de Haití e o proceso aperturista cara o exterior que leva a cabo Cuba, sen menoscabar o impacto internacional de novas estratexias de integración como o TTIP e as consecuencias de conflitos esquecidos como é o do Sáhara Occidental.

Palabras chave Taiwán Brasil Portugal Sahara

Esta pluralidade de temas son abordados na recente edición da revista Tempo exterior, Nº 31, período Xullo-Decembro de 2015, publicada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org) e dirixida por Xulio Ríos, como punto de partida para a celebración, neste novo ano 2016, do 25º aniversario do IGADI.

Neste sentido, Tempo exterior Nº 31 aborda o novo momento político que vive Portugal (José António Passos Palmeira) tralos comicios parlamentarios de outubro de 2015, e que propiciaron o ascenso ao poder dunha inédita fronte de esquerdas liderada polo primeiro ministro socialista António Costa. Pola contra, a crise política que vive Brasil (Wagner Iglecias) implica un reto estratéxico para o gobernante Partido dos Traballadores, en particular ante a perspectiva dun impeachment contra a presidenta Dilma Rousseff.

A cooperación internacional ao desenvolvemento ten unha importancia relevante neste número, particularmente polas vicisitudes da difícil reconstrución estatal en Haití (Fernando Soto Maceiras) e a necesidade de contar coa política como ferramenta chave de desenvolvemento. Os retos e perspectivas da cooperación internacional nunha Cuba en transformación (Iria Folgueira) caracterizan necesariamente unha nova época, particularmente polos efectos do seu proceso aperturista exterior e de reformas socioeconómicas internas.

As eleccións presidenciais previstas para xaneiro de 2016 en Taiwán teñen unha inevitable importancia estratéxica para o sueste asiático, en particular polas súas implicacións en materia de cooperación e relacións económicas coa República Popular China (Diego Eduardo Maturi) e polas dinámicas internas (Andrés Herrera Feligreras) propiciadas por un eventual cambio de goberno.

O cada vez maior protagonismo internacional de Rusia (Txente Rekondo) explica a reorientación da balanza de poder global, así como os retos que Moscova encara a través da súa recente intervención militar en Siria. Esquecido da atención internacional, a necesidade dunha resolución equitativa e pacífica do conflito do Sáhara Occidental (Santiago Jiménez) debe implicar unha mais decidida actuación da comunidade internacional na resolución dun caso emblemático de Estado de feito.

Noutras latitudes, este número de Tempo exterior aborda as inquietudes sobre o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos, TTIP (Celso Cancela Outeda e Paula Lamoso González) e, finalmente, unha perspectiva de carácter histórico sobre as relacións internacionais da Unión do Pobo Galego (UPG) durante o período 1977-1984 (Xosé María Blanco Rubio)