Conclusións Xuntanza do Consello Reitor do IGADI (2012)

Reunido na Illa de San Simón, sede do IGADI, o pasado 27 de Outubro, o Consello Reitor, tras unha ampla e franca deliberación, sintetizou uns debates que resumimos nas seguintes

CONCLUSIÓNS

1. Tomouse boa nota da situación no que respecta ao desenvolvemento das actividades do IGADI en todas as súas dimensións, celebrando a continuidade dos seus proxectos en condicións tan complexas como as actuais. Por outra banda, afondouse na idoneidade das novas ideas e propostas en curso chamadas a solidificar e renovar o seu impulso, secundándoas e enriquecéndoas na súa orientación e contidos. 

2. Reafirmáronse neste sentido os fundamentos orixinais do IGADI, unha iniciativa que aspira a conformar unha sociedade atenta ao evolucionar global xerando respostas que poidan reverter nun mellor acompañamento das tendencias mundiais e provendo novas oportunidades de progreso e desenvolvemento. Así mesmo, apelouse a perseverar nese compromiso común das achegas da sociedade civil ao proceso de internacionalización de Galicia, desde unha cultura de independencia, pluralidade, respecto crítico e integración.

3. Avanzouse na definición dunha exhaustiva radiografía que apoiándose nas fortalezas propias tire proveito das oportunidades que brinda o actual escenario, pulando por desactivar as ameazas e superar as fraquezas, sen que iso derive nun cambio de modelo caracterizado dende a súa fundación por unha cultura de hibridación que tanto atende á reflexión como á xestión, facendo causa tanto do compromiso como da autonomía.

4. Destacouse a importancia de que Galicia non dea pasos atrás na configuración dunha acción exterior adaptada aos seus intereses e especificidades, confiando en que tralas eleccións do 21-0, o novo goberno non faga deixación das súas responsabilidades e procure un consenso xeral para perseverar e intensificar unha internacionalización con identidade que non se limite en exclusiva á dimensión empresarial.

5. Salientouse a importancia de reactivar as dinámicas de intervención e colaboración coa diáspora tradicional presente en varios países e que no contexto actual pode desempeñar un papel fortalecedor de iniciativas da Galicia de orixe. Así mesmo, destacouse tamén a importancia de xerar alternativas que aseguren a comunicación entre as novas xeracións abocadas á emigración co soporte de redes sociais que acheguen o dinamismo preciso, integrando ambos fenómenos nunha cidadanía que tanto asuma dereitos como deberes.

6. Apelouse a reforzar canto sexa posible a visibilidade das actividades e propostas do IGADI cunha intervención activa que poña en valor as súas achegas con capacidade para trasladalas alén das propias fronteiras. Esta maior visibilidade do IGADI pode contribuír especialmente a facer do centro unha realidade non soamente galega ou ibérica senón mesmamente europea e global, dimensións que se aspiran a potenciar aínda máis, prestando especial atención ao escenario americano.

7. Significouse a importancia de tecer máis alianzas, tanto dentro como fóra do país, sobre a base da definición de obxectivos comúns e cunha ambición que tenda pontes con esas realidades emerxentes que vimos acompañando dende tempo atrás facilitando novas interlocucións en aras de fixar sinerxías que permitan compensar unha hipotética involución en materia de acción exterior no plano institucional oficial.

8. Apostouse finalmente por unha intensificación dos vínculos co mundo universitario transcendendo a realidade académica inmediata, potenciando a participación en grupos de investigación e en actividades de formación que nos permitan significar e ampliar a bagaxe e a traxectoria desenvolvida nas máis de dúas décadas de existencia da institución.

Illa de San Simón, 27 de outubro de 2012.