O IGADI presenta o Informe Mundial de Estados de Feito (IMEF) 2013

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org), dirixido por Xulio Ríos, ven de publicar a segunda edición do Informe Mundial de Estados de Feito (IMEF) 2013, nesta ocasión en versión dixital e bilingüe, con edicións en galego e castelán (galego e inglés en 2011).

En 2011, o IGADI publicou o primeiro informe coa perspectiva de ofrecer un seguimento periódico destas realidades existentes no sistema internacional. Así, os Estados de Feito (EDF) corresponden a aquelas novas formas de vida na area internacional que, mantendo un control gobernamental e apoio popular efectivo sobre un determinado espazo territorial, loitan polo seu recoñecemento internacional como Estados de pleno dereito dentro do marco da Organización das Nacións Unidas. Deste modo, identifícanse once realidades de Estados de Feito: Abxasia, Cosova, Nagorno Karabaj, Osetia do Sur, Palestina, Puntlandia, a República Pridnestroviana de Transnistria, a República Turca do Norte de Chipre, Sáhara Occidental (non incluído no IMEF 2011), Somalilandia e Taiwán.

A actualización establecida neste IMEF 2013 ofrece análises  sobre a evolución interna enmarcada nas respectivas situacións política e socioeconómica, así como o impacto dos factores externos na xestión destes contenciosos, ofrecendo ó mesmo tempo as claves que configuran o seu presente e as perspectivas de conflitos e crises a futuro. Finalmente, o IMEF contén as respectivas Fichas-País de cada un deles, elaboradas a través da actualización dos datos principais e comúns mais representativos destas entidades para-estatais.

Nesta edición participan Marta Ter Ferrer, Pascoal Pereira, Roberto Mansilla, Santiago Jiménez Gómez, Hakob Symonian, Licinia Simao, José Abu-Tarbush, María Àngela Tous Dansó, Katarzyna Araczewska e Oma Yu-Ting Lu.             

Baiona, 16 de agosto de 2013.