images capa1

Xa dispoñible o informe anual Nós No Mundo 2020-2021 “Novos tempos para a acción exterior de Galicia”

De maneira anual desde o ano 2010 publicamos o Informe Nós No Mundo-We in the World, coma publicación periódica arredor do seguimento da acción exterior de Galicia. Nesta edición, a duodécima, a aprobación da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia marca un punto de inflexión para a nosa paradiplomacia que se ve reflectido no anuario (aprobada no Parlamento o pasado 23 de febreiro de 2021).

Palabras chave Galicia internacional

De maneira anual desde o ano 2010 publicamos o Informe Nós No Mundo-We in the World, coma publicación periódica arredor do seguimento da acción exterior de Galicia. Nesta edición, a duodécima, a aprobación da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia marca un punto de inflexión para a nosa paradiplomacia que se ve reflectido no anuario (aprobada no Parlamento o pasado 23 de febreiro de 2021).

images capa1

Sen embargo e despois de anos de traballo na construción da Lei de Acción Exterior, non é un problema menor para o seu impulso inicial o contexto de crise sanitaria produto da Covid-19. A suspensión radical que a pandemia provocou na globalización durante o 2020 ou a incerteza sobre a evolución da nova normalidade, condicionan o seu desenvolvemento e o proceso de ordenación que a Lei debera impulsar.

Desta maneira o Nós No Mundo 2020-2021 achégase a un conxunto de temas que perfilan de facto os retos inmediatos, mais tamén de futuro do conxunto da nosa paradiplomacia, contando para a súa análise con protagonistas e especialistas de institucións e entidades representativas da nosa sociedade.

Primeiramente, o Xacobeo 2021 coma especialísima marca de Galicia no mundo, redefinido en Xacobeo 2021-2022 (Directora Xeral de Turismo, Nava Castro) e a Década Xacobea que acompañará os anos 20 (Daniel González Palau). De maneira central e apuntando ao inmediato achegámonos a algúns dos distintos impactos do Brexit en Galicia, desde a xeopolítica, as cidades e a diplomacia urbana ou o proprio impacto no noso sistema educativo (achegas de Serafín Pazos Vidal, Tamara Espiñeira e Diego Sande). Tamén as relacións con Portugal (Xosé Carlos Morell) ou a Axenda 2030 (Miguel A. Martínez Pellitero) acaparan o foco principal do anuario.

Por último o Nós No Mundo 2020-2021 ten espazo para pensar a nosa lingua en Europa (Elsa Quintás, A Mesa pola Normalización) e no mundo (Miguel Penas AGAL), así coma un artigo final desde unha lectura feminista do centenario da Xeración NÓS e a súa xenética universalista (Encarna Otero), trala conmemoración do mesmo celebrado durante o 2020.

Co informe Nós No Mundo 2020-2021 aspiramos a manter vivo o debate construtivo e non por iso auto compracente sobre a necesidade da paradiplomacia galega. O Nós No Mundo 2020-2021 é posible grazas a colaboración das persoas e entidades participantes, así como da Secretaría Xeral de Política Linguística, que vén colaborando co anuario na última década.

Podes decarregar aquí o “Nós No Mundo 2020-2021: Novos tempos para a acción exterior de Galicia” e aquí o conxunto de anuarios Nós No Mundo 2010-2021.