lusofonias

Conectar a Deputación de Pontevedra coa acción exterior de Galicia (2022)

A web lusofonias.hub.gal recolle o conxunto de actividades e recursos que produce o Convenio Deputación de Pontevedra-IGADI 2022 “Conectar a Deputación de Pontevedra coa acción exterior de Galicia”

O estudo final A Deputación de Pontevedra e a acción exterior de Galicia, as Xornadas Galicia na lusofonía dos anos 20 (3 e 4 de novembro) e a Gala A República dos sonhos (16 de decembro) realizaranse no novidoso contexto institucional e normativo que significou a publicación no Diario Oficial de Galicia, en marzo do 2021, da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia, así como na entrada de España na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa coma observador asociado no verán do 2021

As actividades nacen da misión estatutaria do IGADI (1991) para desenvolver a acción exterior de Galicia, así coma no seu traballo histórico acumulado en relación aos estudos internacionais e a paradiplomacia galega. De maneira particular as actividades do IGADI no proxecto vincúlanse especialmente arredor das relacións da provincia de Pontevedra con Portugal e a lusofonía, mediado polo seu Observatorio Galego da Lusofonía (2009). Cómpre significar que o IGADI é entidade experta de estudos internacionais no Consello de Acción Exterior da Xunta de Galicia (CAEX).

lusofonias.hub.gal enmárcase así no traballo histórico do IGADI, en liña co desenvolvemento da proxección internacional da Deputación de Pontevedra na última década, así como do seu compromiso actual coa Axenda 2030 e as relacións con Portugal, onde destaca de maneira específica a creación da AECT Río Minho no 2018.