As incertezas acaparan a evolución internacional
As incertezas acaparan a evolución internacional
Presentación
Cánto mudará o mundo en 2017? As miradas céntranse no comezo da presidencia de Donald Trump en EUA e nos seus impactos globais. Xa nos refiramos aos escenarios económicos ou estratéxicos, as declaracións do presidente electo estadounidense suxiren mudanzas nalgúns eidos e un claro afán de rachar co continuísmo en áreas relevantes. Será iso posible? EUA segue a ser o país máis poderoso do mundo pero o nivel de interdependencia con outras economías importantes imporá negociacións e concesións.
A tríade global
A evolución das relacións no eixe EUA-Rusia-China determinará en grande medida as relacións internacionais en 2017. Ata agora, o entendemento sino-ruso cimentou unha alianza de facto que ven contrariando os intereses de EUA e Occidente en varios escenarios. Trump deixou clara hai tempo a súa vontade de mellorar as relacións con Rusia, un feito que, de se confirmar, podería influír nun significativo cambio de coordenadas tanto en conflitos concretos, como o de Siria, como igualmente na consideración dos intereses do Kremlin na súa veciñanza, refreando a expansión da OTAN. O nomeamento como secretario de Estado de Rex Tillerson apunta nesa dirección. Pero, podería desembocar nunha especie de diplomacia do ping-pong á rusa?, podería Trump abrir unha fenda crítica na alianza sino-rusa atraendo ao Kremlin ata o punto de hipotecar o futuro de entes como a Organización de Cooperación de Xangai ou os BRICS integrantes desa nova acronomía chamada a redeseñar a orde global?
China está desconcertada con Trump. E expectante. Imaxinaba unha presidencia esvaradiza no económico pero menos belixerante no estratéxico. A vontade de desentenderse do Acordo Transpacífico e do Pivot to Asia auspiciado por Hillary Clinton, confiando quizais a Xapón o virreinato de Asia, con implicacións igualmente no eido da seguridade, agrandaría as posibilidades de China no eido rexional. Pero as diatribas en relación a Taiwan, Corea do Norte ou o Mar da China meridional xeran dúbidas notables aínda que poden ser só bazas esgrimidas para unha negociación comercial que poría sobre a mesa asuntos de natureza non só económica. Os acenos de diplomacia coercitiva de Trump en relación a China e os seus anuncios proteccionistas contrastan co perfil dun gabinete no que sobresaen os ex executivos de grandes corporacións, o que para uns suxire pragmatismo e profesionalidade mentres que outros non descartan conflitos comerciais e monetarios severos entre as dúas economías máis grandes do mundo. Todos eses líderes corporativos beneficiáronse da globalización e probablemente condicionarán e matizarán calquera cambio substancial na política económica estadounidense.
Na orde interna, China celebrará en 2017 un congreso do Partido Comunista que será igualmente crucial para definir os trazos da ruta cara o seu primeiro centenario (2021). China é xa o primeiro socio comercial de 120 países no mundo dun total de 196 e en 2016 confirmouse como o primeiro comprador global, desbancando a EUA. Pero os seus retos internos e a presión occidental por evitar que a súa modernización económica culmine cunha preservación de soberanía tal que lle permita establecer as regras do mundo futuro suman incertezas sobre a estabilidade do seu proceso.
En América Latina, EUA ven retomando posicións. En marzo do pasado ano, Barack Obama visitou Arxentina e Cuba. Mauricio Macri ordenou pagar a débeda millonaria a fondos especulativos de inversión que Cristina K. rexeitaba e desfixo o vínculo con Venezuela. Cuba, trala desaparición de Fidel Castro, apura a conta atrás para acelerar unha reforma que non admite demoras coa incerteza engadida da continuidade da política auspiciada por Obama. O debilitamento dos países bolivarianos e a mingua do peso do progresismo político (Brasil pasou a mans doutro conservador, Michel Temer) suporá un realiñamento do continente e traerá consigo o afrouxamento das iniciativas de coordinación e cooperación política na rexión, con probable impacto tanto na UNASUR como na CELAC. Ademais de Ecuador, co horizonte post-Correa na axenda, Chile afrontará eleccións presidencias. Piñera lidera a intención de voto.
Cabe esperar que Venezuela siga sumida na súa particular incerteza cun diálogo entre goberno e oposición que non está pasando polos mellores momentos. O Vaticano, que acompaña este acercamento xunto a UNASUR e os ex presidentes Rodríguez Zapatero, Leonel Fernández e Martín Torrijos, chamou a manter o diálogo pero as expectativas son moi limitadas ante o que a Mesa de Unidade Democrática cualifica de “incumprimentos” do presidente Nicolás Maduro.
As previsións económicas da CEPAL para a rexión anuncian un modesto crecemento do 1,3 por cento, tras un exercicio 2016 marcado pola contracción: 1,1 por cento, con -2,4 por cento en América do Sur. China comezará en 2017 a implementar a súa nova política para a zona con novos desembarcos millonarios mentres EUA probablemente centrará a súa atención en México e Cuba, tanto por razóns económicas, políticas como de seguridade.
A Unión Europea
Europa conmemorará os 60 anos da firma do Tratado de Roma enfrontando un severo cuestionamento do proxecto. A suma de diversas crises (económica, social, política) e a progresiva laminación do seu modelo tanto no eido socioeconómico como na política exterior, xoga á baixa da súa afirmación como un actor global. No seu lugar, volven as vellas potencias (Reino Unido, Alemaña….) mentres o desapego ao ideal europeísta medra a pasos axigantados co paradoxo dunha reafirmación que cristaliza nunha extrema dereita renacida ante o auxe do racismo e a xenofobia. Os diversos procesos electorais en Estados clave e a xestión do Brexit contribuirán a deslucir a euforia continental de hai seis décadas.
A Trampa de Tucídides
A clave do ano virá marcada pola intensificación da pugna entre as principais economías globais. A hipótese dun incremento das tensións que precipite conflitos de relativa envergadura non está fóra de lugar. Fronte á perspectiva dun chanzo máis no relevo na supremacía global que abra camiño a unha orde multipolar de forma progresiva e pacífica, as resistencias ao declive, expresadas na propia vitoria de Donald Trump, poden adquirir formas e expresións en extremo perigosas para a estabilidade mundial.
- 0. Presentación
- 1. As claves de 2016
- 1.1 A Casa Branca de Donald Trump
- 1.2 Novas tirapuxas na crise política europea
- 1.3 Colombia e a contraofensiva conservadora en América Latina
- 1.4 Asia: da sentenza da CPA ás incógnitas sobre o TPP
- 1.5 Erdoĝan da o golpe
- 2. Perspectivas 2017
- 2.1 O futuro da alianza sino-rusa
- 2.2 Xi Jinping ante o XIX Congreso do PCCh
- 2.3 Recta final da guerra en Siria?
- 2.4 Ecuador post-Correa
- 2.5 África: NEPAD e boom económico
- 3. Reflexións por áreas xeográficas
- 3.1 Marrocos á conquista do continente africano, por David Alvarado
- 3.2 UE: Balance dos 60 anos pasados e votos para os 60 vindeiros, por Antonio-Carlos Pereira Menaut
- 3.3 Ruta(s) da seda: intercambio de innovacións e perigos por terra e mar, por Marola Padín Novas
- 3.4 Os desafíos das eleccións presidenciais de Irán 2017, por Nazanin Armanian
- 3.5 Hong Kong: 20 anos baixo soberanía chinesa, por Xulio Ríos
- 4. Reflexións transversais
- 4.1 É unha opción a desglobalización?, por Alfredo Toro Hardy
- 4.2 COP22 Marrakech: Irreversible ou papel mollado, por Daniel González Palau
- 4.3 Os “Papeis de Panamá”, por Roberto Montoya
- 4.4 Drogas, unha guerra perdida?, por Roberto Mansilla Blanco
- 4.5 Pódese frear o gasto militar, por Pere Ortega (Centre Dèlas)
- 5. Personaxes de 2016
- Donald Trump / Adama Barrow / Antonio Guterres / Tsai Ing-wen / Fidel Castro Ruz
- Os autores