images publicacions IgadiPaper104

IgadiPaper nº104

A hora da paz no Curdistan?

(07/2013)

A hora da paz no Curdistan?

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper104

A petición de Abdullah Oçalan, histórico líder do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) que cumpre cadea perpetua desde 1999, de instar o cese da loita armada no Curdistán turco, abre a perspectiva dun eventual proceso de pacificación do conflito curdo iniciado a partir de 1984 cun balance no conflito co Estado turco de arredor de 40.000 mortos.

Este anuncio, realizado o pasado 22 de marzo, foi posteriormente corroborado por Murat Karayilán, líder da cúpula militar do PKK, coa instancia do Partido da Paz e da Democracia (BPD), a única formación política curda legalizada e con representación na Asemblea Nacional turca. Chega igualmente nun momento simbólico para o pobo curdo, coincidindo co comezo da festividade de Newroz ou Ano Novo.

Este histórico anuncio impulsado por Oçalan e o PKK suxire un inédito contexto para a causa curda en Oriente Próximo. Con máis de 40 millóns de habitantes repartidos entre Turquía (onde habitan entre 12 e 15 millóns de curdos), Iraq, Irán, Siria e unha diáspora asentada por Oriente Próximo, o Cáucaso, Europa e EUA, os curdos son considerados o maior pobo do mundo sen un Estado independente.

A falta de coñecer con exactitude cal será a política do primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan ante este cese das hostilidades, o contexto rexional gravita con forza para a causa curda. Un foco esencial é o Curdistán iraquí, cuxa potencialidade de converterse no actor preponderante deste novo contexto ven determinado pola constatación dunha autonomía de feito desde 1991 con respecto a Bagdad e dunha boiante economía, traducida na súa potencialidade enerxética (petróleo e gas natural) e incluso hidráulica. Precisamente, no seu anuncio Oçalan pediu aos militantes do PKK que se trasladaran ao veciño Curdistán iraquí.

En paralelo a este escenario está a situación dos curdos de Siria, país inmerso nun conflito interno que desde 2011 enfronta ao réxime de Bashar al Asad cunha plataforma opositora na que os movementos pro-curdos forman parte activa. A eventualidade da caída do réxime abre a posibilidade dunha maior autonomía para os curdos sirios, perspectiva que preocupa a Turquía en caso de darse unha pacificación do Curdistán turco e ante as potencialidade do Curdistán iraquí de converterse en foco de irradiación das demandas soberanistas curdas.

Non obstante, as incertezas se intensifican ao non coñecerse unha axenda de desarme e apertura de negociacións e, principalmente, ao ignorarse como manexarán este contexto tanto o goberno de Erdogan como o estamento militar turco. No actual escenario, o poderoso estamento militar turco podería deducir unha vitoria de carácter militar contra o PKK que pode obstaculizar calquera iniciativa real de pacificación e recoñecemento da autonomía curda, a pesar de que Erdogan e o BDP veñen traballando cunha axenda política nese sentido.

Dende a perspectiva xeopolítica, Ankara teme que o actual contexto rexional intensifique as presións dos curdos por constituír un Estado propio a través dunha especie de “corredor estratéxico” curdo entre Turquía, Siria e Iraq que, a todas luces, transformaría o mapa rexional e alteraría os intereses estratéxicos turcos.

 b) O arriscado pulso de Erdogan e Oçalan

O histórico contexto de eventual pacificación no Curdistán turco abre un compás de espera traducido na posibilidade dunha negociación aberta que acabe con este conflito secular entre turcos e curdos. Non obstante, esta perspectiva pode, ao mesmo tempo, abrir unha hipotética crise política en Ankara entre o primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan e o poderoso estamento militar, así como os seus aliados políticos, principalmente o nacionalista MHP, sen esquecer a presión por parte de grupos de extrema dereita, tales como os tristemente célebres “Lobos grises”, abertamente contrarios á autodeterminación curda.

Tralo anuncio do cese das hostilidades contra o Estado turco por parte de Oçalan e do PKK, o foco de atención diríxese cara o goberno de Erdogan e a súa eventual capacidade para negociar unha pacificación que, eventualmente, implicaría unha apertura política ás demandas curdas de autodeterminación.

Unha perspectiva que non semella gozar de boa aceptación por parte do estamento militar turco e dos seus aliados que consideran ao PKK como unha “organización terrorista”, cualificativo igualmente aceptado pola Unión Europea e EUA. Deste modo, os militares turcos poden interpretar que este anuncio de fin das hostilidades por parte do PKK evidenciaría a súa “derrota militar” ante o Estado turco que, por tanto, debería dar paso á súa definitiva derrota política. Pero este razoamento pode ser trabucado e non calibrar exactamente a dimensión do contexto actual.

Desde a súa chegada ao poder en 2002, Erdogan tentou solucionar o conflito curdo a través dunhas concesións de carácter táctico marcadas polo recoñecemento oficial e a aceptación pública da lingua curda e dos seus costumes. O impulso de Erdogan á Alianza de Civilizacións a partir de 2004 deu esperanzas aos curdos de alcanzar, de forma oficial, unha solución ao seu conflito.

Non obstante, desde 2007 Erdogan ven afrontando unha serie de crises políticas internas, co evidente peso do estamento militar turco, sempre temeroso este dunha autonomía no Curdistán turco. Os sucesivos triunfos electorais de Erdogan nos comicios presidenciais de 2007 e 2012 e no referendo de reforma constitucional de 2010, que tenta substituír a draconiana Constitución de 1982 confeccionada polo entón réxime militar de Kenan Evren e que suprime as aspiracións autonomistas curdas, lle outorgaron a Erdogan un apoio popular, legal e institucional que lle permitiu amortecer momentaneamente esta presión dos militares turcos.

c) Un “corredor curdo” entre Siria, Turquía e Iraq

O temor do estamento militar turco e dos seus aliados políticos, con fortes conexións na centralizada estrutura burocrática e importantes sectores empresariais e comerciais, céntrase no veciño Curdistán iraquí, cuxa autonomía política e, principalmente, enormes riquezas petroleiras e hidráulicas lle confiren un peso xeopolítico estratéxico, con relevante capacidade de influencia no contexto curdo rexional.

Nos anos anteriores á chegada ao poder de Erdogan, Turquía impulsaba unha serie de proxectos enerxéticos e hidráulicos que transitaban precisamente polos territorios do Curdistán turco e iraquí.

O espallamento da crise siria en febreiro de 2011, en especial co apoio dos curdos sirios á rebelión contra o réxime de Bashar al Asad, activou os temores turcos sobre unha “rexionalización” do conflito curdo. As preocupacións en Ankara se intensificaron coa crise dos refuxiados sirios na fronteira con Turquía e coa posibilidade de que os movementos políticos e, especialmente, os grupos armados curdos de Siria, co presunto apoio do PKK e eventualmente dalgúns líderes guerrilleiros e políticos do Curdistán iraquí, aproveitaran a situación para crear unha especie de “corredor estratéxico” curdo que asfixiara a Ankara.

A finais de 2011, unhas 15 formacións políticas curdas en Siria enroláronse no Consello Nacional Curdo (CNC) como entidade membro do Consello Nacional Sirio (CNS), premendo por un Estado federal en Siria que respectara a autonomía curda. En abril de 2012, a CNS veuse na obriga de aprobar unha Carta Nacional sobre a Cuestión Curda na que recolle gran parte destas demandas de recoñecemento da identidade curda e de autodeterminación. Posteriormente, en xullo de 2012, o Partido da Unión Democrática (PYD), próximo ao PKK turco, e o CNC, acordaron crear en Irbil, capital do Curdistán iraquí, un Consello Supremo Curdo como nova entidade política mobilizada por milicias armadas que se despregaron na fronteira siria con Turquía unha vez se retiraran as tropas leais ao réxime de Bashar([1]).

Esta perspectiva, así como o definitivo deterioro das relacións entre o goberno de Erdogan e o de Bashar en función do público apoio de Ankara á CNS, deu paso a que o goberno turco activara desde mediados de 2012, unha serie de iniciativas de carácter político e diplomático, destinadas frear ou ben adiantarse ante eventuais escenarios de irredentismo curdo fronte as súas fronteiras.

Deste modo, Erdogan adiantou negociacións con Oçalan e o BDP para tentar abrir un escenario de cese das hostilidades no Curdistán turco nun momento no que o PKK especulaba coa volta á loita armada. Así mesmo, Erdogan propiciou un achegamento entre Ankara e o goberno do Curdistán iraquí de Masud Barzani, a través dunha visita a Irbil en xullo de 2012 por parte do ministro turco de Exteriores Ahmet Davitoglu. O obxectivo turco era garantir unha eventual “neutralidade” por parte de Barzani e do seu goberno ante calquera escenario que se abrira con respecto aos curdos en Turquía e Siria.

Outro escenario, con menor impacto rexional de momento, ten que ver coa situación dos curdos en Irán, principalmente asentados na provincia do noroeste do país persa. Se ben Teherán leva a cabo unha prolongada loita contra o Partido por unha Vía Libre para o Curdistán (PJAK), principal movemento curdo en Irán moi próximo ao PKK, aínda non se observa un grao de influencia no Curdistán iraniano dos recentes acontecementos acaecidos cos curdos nos demais países da rexión.  

d) A incerta “paz curda”

Con todo, o contexto actual pode igualmente obedecer a un estratéxico pulso político e xeopolítico enviado por Oçalan e o PKK coa evidente anuencia do BDP, cara un Erdogan que deberá agora encarar toda unha serie de negociacións cos militares e outras forzas políticas para alcanzar unha solución política satisfactoria no Curdistán turco.

Unha solución que, a ollos dos curdos, oriéntase a deseñar un proceso de descentralización, de maior autonomía política e de recoñecemento dos seus dereitos históricos que non se sabe con certeza cómo será recibido e xestionado por Ankara. Resulta importante sinalar que o anuncio de Oçalan non estipulaba a concreción dun Curdistán independente senón o recoñecemento dos dereitos dos curdos.

O contexto actual revitalizaría a lexitimidade e incluso popularidade do BDP dentro da comunidade curda como movemento pacifista pro-curdo, un escenario que colocaría igualmente ao PKK nunha conxuntura particularmente delicada, especialmente se a reacción do goberno de Erdogan e do estamento militar non atende as demandas curdas.

Paralelamente, a oferta de “paz curda” evidencia outro escenario estratéxico: o de considerar o Curdistán iraquí como expresión da viabilidade dun eventual Estado curdo que modificaría substancialmente o mapa xeopolítico en Oriente Próximo. A petición de Oçalan de que os militantes guerrilleiros do PKK se trasladen ao Curdistán iraquí coloca nunha posición igualmente complicada o goberno de Barzani.

En todo caso, Erdogan terá agora as cartas políticas clave para tentar impulsar unha solución negociada para o Curdistán turco que, eventualmente, satisfaga a todos os actores involucrados. Un proceso paralelo cara outras iniciativas de carácter rexional, en especial ante o desenlace da guerra civil siria e da posibilidade de recondución das deterioradas relacións con Israel, tradicional aliado xeopolítico e militar turco.

Neste sentido, mentres Oçalan lanzaba a súa oferta de paz a Erdogan, o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu ofreceu publicamente desculpas a Turquía polo ataque militar israelí á flotilla turca de apoio a Gaza en 2010, suceso que provocou unha eventual ruptura das relacións entre Ankara e Tel Aviv. O factor israelí dentro do contexto curdo pode resultar esencial, tendo en conta as revelacións do xornalista estadounidense Seymour M. Hersh([2])de que os seus servizos secretos apoiaron ás guerrillas do Curdistán iraquí durante a ilegal guerra de marzo de 2003 contra o extinto réxime iraquí de Saddam Hussein.

Estas revelacións certificaron que Israel apoiou tacitamente a autonomía de feito do Curdistán iraquí, coa eventual perspectiva de pilotar a creación dun Estado curdo que servira de “colchón estratéxico” contra “inimigos” israelís, como Irán e Iraq, ao tempo que actuaba como medida de persuasión cara o goberno de Erdogan, en especial polo seu apoio á causa palestina e á potencialidade dunha Turquía xeopoliticamente ascendente e que puidera afectar os intereses de Tel Aviv.

IGADI. 27 de marzo de 2013



([1]) ALVAREZ OSSORIO, Ignacio, “La vecindad conflictiva de Turquía y Siria”, Política Exterior, Vol. XXVII, Nº 151, xaneiro-febreiro de 2013, pp. 91-92.

([2]) HERSH, Seymour M. “Plan B”, Annals of National Security, The New Yorker, 28 de xuño de 2004. Ver en: http://www.newyorker.com/archive/2004/06/28/040628fa_fact