images publicacions IgadiPaper125

IgadiPaper nº125

Tendencias e cambios ante un novo ciclo electoral en América Latina

(27/2013)

Tendencias e cambios ante un novo ciclo electoral en América Latina

images publicacions IgadiPaper125
a) Introdución

América Latina encara un novo ciclo electoral para o período 2013-2016 cuns escenarios que hipoteticamente poden definir novas tendencias e eventuais cambios no actual mapa político hemisférico. Neste novo ciclo electoral, un total de 17 dos 18 países latinoamericanos, coa única excepción de México, realizarán diversos tipos de eleccións, principalmente presidenciais, pulsando a consolidación do xiro á esquerda en curso desde 1999 contextualizado coa aparición doutras alternativas políticas, cunha diversidade de carácter cidadán, transversal e progresista.

Centrando a atención na recente celebración dos comicios lexislativos arxentinos (27 de outubro), das próximas eleccións presidenciais de Chile (17 de  novembro) e Honduras (24 de novembro) e das municipais de Venezuela (8 de decembro), está por ver se este novo ciclo electoral consolidará ou eventualmente alterará os cambios políticos acaecidos nos últimos lustros na rexión, así como os contrastes e dilemas derivados dun prolongado período de crecemento económico que, paradoxalmente, proxecta ao mesmo tempo un incremento das desigualdades de das demandas cidadás.

Neste sentido, a “personificación” de tendencias e movementos políticos (“chavismo” en Venezuela, “kirchnerismo” na Arxentina e incluso o “zelayismo” en Honduras), os cales serviron para transformar o mapa político dos seus respectivos países, principalmente como alternativas de cambio ante o anquilosado establishment político existente, vese agora contextualizado e incluso contrarrestado coa emerxencia de novos movementos cidadáns de carácter contestatario, tal e como se constatou nas protestas en Brasil (xuño de 2013), da “educación gratuíta e de calidade” en Chile (desde 2011) e igualmente coas recentes folgas campesiñas en Colombia, entre outros.

Estes movementos cidadáns de diversa connotación social e aínda incipiente impacto político orientan a súa mensaxe cara a necesidade de ampliar a calidade da participación política, a revitalización das políticas sociais (educación sanidade, servizos públicos e programas de diminución da pobreza) e na recuperación do “público” como axente estratéxico de desenvolvemento.

b) Réquiem dos “personalismos”?

O ciclo electoral iniciado a comezos de 2013 en América Latina, coa reelección presidencial de Rafael Correa en Ecuador, o retorno ao poder en Paraguai do Partido Colorado da man de Horacio Cartes (abril de 2013) e as recentes eleccións lexislativas na Arxentina (27 de outubro), proseguirá a súa andaina a curto prazo coas próximas eleccións presidencias en Chile (17 de novembro) e Honduras (27 de novembro), así como cunhas eleccións municipais relevantes en Venezuela (8 de decembro). Con todo, o ano 2014 será de gran calado estratéxico no sentido electoral, con comicios presidenciais en países chave como Brasil, Colombia, Bolivia e Uruguai.

Este novo ciclo electoral 2013-2016 implicará un dinámico e non menos volátil contexto definido pola pulsación, consolidación e incluso polarización da pléiade de liderados e movementos que suscitaron os importantes cambios políticos acaecidos durante o período 1999-2013, particularmente na pluralidade de tendencias dende a esquerda. Pero o contexto actual anuncia a aparición de alternativas mais de carácter cidadá e transversal, non exactamente identificada con liderados concretos, que implica unha insatisfacción social que, eventualmente, pode exercer unha notable influencia de cara a este novo ciclo electoral.

Unha primeira aproximación suxire matizar a preservación ou eventual alteración de liderados carismáticos amparados en plataformas políticas concretas, cun impacto que resultou decisivo na última década para a transformación política en determinados países latinoamericanos.

Aínda que visiblemente consolidado como o principal movemento político en Arxentina desde a súa chegada ao poder en 2003, o “kirchnerismo” actualmente en mans da presidenta Cristina Fernández de Kirchner e da plataforma Fronte para a Vitoria (FpV), ven de sufrir un notorio retroceso electoral nas eleccións primarias de agosto e nas lexislativas de outubro pasado, particularmente ante a aparición de novos referentes opositores como Sergio Massa e Mauricio Macri. Liderados mobilizados dende unha diversidade de sectores (“kirchneristas”, peronistas, reaccionarios) con latentes características personalistas (“massistas”, “macristas”), de tradicional preservación na cultura política arxentina.

Este novo mapa político na Arxentina, que exercerá unha estratéxica influencia de cara aos comicios presidenciais previstos para decembro de 2015, reflicte un nivel de insatisfacción cidadá ante a preponderancia de problemas crónicos e específicos (inflación, crise económica, inseguridade cidadá) sumados a outros derivados dun estilo político de constante polarización e confrontación actualmente imperante no debate público nacional. Está por ver se estas lexislativas arxentinas permitirán a eventual aparición dun liderado “post-kirchnerista”.

Outro caso específico ten que ver co “chavismo” en Venezuela, politicamente hexemónico desde 1999. O falecemento do ex presidente Hugo Chávez en marzo pasado impuxo as incertezas derivadas da apertura dun período “post-chavista”, agora en mans do presidente Nicolás Maduro, reelixido nos comicios de abril pasado por unha escasa marxe de votos. Estas incógnitas increméntanse ante o ascenso electoral dunha oposición aparentemente unificada en torno ao liderado de Henrique Capriles Radonski e da Mesa pola Unidade Democrática (MUD).

Así as cousas, as eleccións municipais do próximo 8 de decembro levarán implícitas un visible plebiscito para o “chavismo post-Chávez” actualmente liderado por Maduro, poñendo a proba a consistencia do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), reestruturado desde 2012 na recuperación do Polo Patriótico. Aínda que as expectativas electorais son favorables ao “chavismo”, é evidente un proceso de erosión electoral que transmite un panorama volátil e imprevisible, manifestado pola incesante polarización, a crise económica e financeira (escaseza de produtos básicos, elevada inflación, dependencia petroleira e de préstamos do exterior, principalmente de China), e as denuncias de corrupción, cuns efectos que poden alterar o curso político especialmente de cara aos comicios lexislativos de 2015. Incluso se cuestiona a capacidade de Maduro para liderar o “post-chavismo”, mal disimulando as hipotéticas rivalidades intestinas.

Con todo, o retroceso electoral do “kirchnerismo” e os dilemas do “post-chavismo” non implican un definitivo desprazamento do protagonismo político dos liderados “personalistas” a nivel rexional. Os comicios presidenciais de Honduras previstos para o próximo 24 de novembro definen un panorama onde o “zelayismo” identificado co ex presidente Manuel Zelaya (deposto tralo polémico golpe de Estado de 2009), pode volver ao poder á vista da perspectiva da candidatura da súa muller Xiomara Castro de Zelaya, candidata do Partido Liberdade e Renovación.

Se ben as enquisas reflicten unha estreita marxe de preferencia electoral para Xiomara Castro, o retorno do “zelayismo” ao poder confirmaría a ruptura do tradicional bipartidismo Nacional-Liberal ao tempo que pode intensificar un clima de polarización política nun país con inestable gobernabilidade, igualmente azoutado pola crise económica e a elevada taxa de homicidios.

c) Os dilemas dun novo “establishment”

En Chile, que celebrará eleccións presidenciais o próximo 17 de novembro, as enquisas practicamente anuncian o retorno ao poder da Concertación de centroesquerda que gobernou o país trala transición post-Pinochet entre 1990 e 2010. A ex presidenta socialista Michelle Bachelet lidera comodamente as preferencias electorais con máis de 30 puntos porcentuais sobre Evelyn Matthei, candidata da centrodereita Alianza. O peso da historia incluso gravita sobre estes comicios chilenos, 40 anos despois do golpe militar que depuxo ao presidente Salvador Allende: Bachelet é filla dun xeneral torturado pola ditadura mentres Matthei é filla dun xeneral que formou parte do golpe e da xunta militar de Pinochet([1]).

A bonanza económica e a estabilidade política da transición chilena liderada pola Concertación, confirma un sistema político institucionalizado e democratizado que, non obstante, afronta diversos retos e realidades. A masiva mobilización estudantil iniciada en 2011 por unha “educación pública, gratuíta e de calidade” reflicte unha marea de movementos cidadáns que cobran forza([2]) no seu reclamo pola ampliación dos marcos de participación política e de igualdade nunha sociedade fortemente clasista. Ao mesmo tempo, estas mobilizacións defenden a revitalización do sector público tras décadas de incesante privatización, coas súas consecuentes desigualdades socioeconómicas.

Neste marco de novo establishment político está Uruguai, que celebrará eleccións presidenciais en outubro de 2014. A elección presidencial en 2004 da plataforma de esquerdas Fronte Ampla (FA) con Tabaré Vázquez, continuada coa súa reelección en 2009 a través do actual mandatario José Mújica, consolidou unha transición política dun sistema tradicionalmente dominado polo bipartidismo Nacional-Colorado, confluíndo na concreción dun movemento heteroxéneo e progresista. A expectativa dunha nova reelección para a FA en 2014 está aparentemente asociada ao eventual retorno de Tabaré como candidato. Uruguai acelerou durante esta década “fronteamplista” no poder unha necesaria discusión de temas transversais (legalización da marihuana, matrimonio homosexual, etc.) que colocan a este país na vangarda pioneira do progresismo a nivel hemisférico.

Nunha perspectiva levemente comparable, o Brasil gobernado desde 2003 polo Partido dos Traballadores (PT) deberá enfrontar en outubro de 2014 uns comicios presidenciais onde as expectativas de reelección da actual mandataria Dilma Rousseff vense contextualizadas polo posible retorno do ex presidente Lula da Silva como candidato presidencial asociado ou, en todo caso, reforzando o peso político do “lulismo”.

A caída dos índices de popularidade de Dilma desde as protestas cidadás de xuño pasado e os escándalos de corrupción de altos cargos públicos amosan severos dilemas políticos para o PT de cara aos comicios de 2014. Dilemas que se intensifican ante o ascenso da candidatura da ecoloxista Marina Silva como referencia dunha esquerda pluralizada e menos “burocratizada”, escenario que paralelamente fortalece as expectativas de retorno de Lula ao centro da política brasileira.

d) A era da protesta cidadá

Alén dos procesos electorais e dos dilemas dos liderados “personalistas” e do establishment político, un factor distintivo que está reflectindo unha nova política e cultura cidadá en América Latina ten que ver coa aparición de novos movementos sociais, cun impacto que pode remodelar o mapa político rexional.

Un caso particular é México, coa aparición en 2011 do Movemento pola Paz con Xustiza e Dignidade, que protesta contra a impunidade do crime organizado e a “militarización” da guerra dos carteis do narcotráfico, especialmente visible durante o goberno de Felipe Calderón (2006-2012). Con 60.000 vítimas mortais, a enorme maioría civís, a guerra contra o narcotráfico polariza á sociedade mexicana.

As protestas cidadás iniciadas en xuño pasado en Brasil, comandadas polo Movemento Passe Livre contra a alza do transporte público e os onerosos investimentos en infraestruturas (Copa FIFA Confederacións, Mundial de Fútbol 2014, Xogos Olímpicos 2016), intensificou as masivas protestas sociais contra a corrupción presentes desde 2011 así como a carencia de calidade nos servizos públicos, en especial na educación e a sanidade. Estas protestas provocaron un inédito debate público en Brasil a propósito dunha eventual reforma política, con consecuencias aínda imprevistas.

As masivas e prolongadas folgas dos campesiños colombianos realizadas entre agosto e setembro pasado contra as políticas económicas dun presidente Juan Manuel Santos excesivamente concentrado na evolución dos diálogos de paz coa guerrilla das FARC que se realizan actualmente en Cuba, evidencia outra realidade condicionada polas desigualdades entre o mundo rural e o urbano e o aumento dos índices de pobreza, calculada en máis do 60%. Estas protestas contrarrestaron esa imaxe exterior de modernización e estabilidade do país nos últimos tempos.

Esta vaga de protestas sociais pode gravitar considerablemente de cara aos comicios presidenciais colombianos a celebrarse en maio de 2014, onde Santos xoga as súas cartas para a reelección contando cun hipotético acordo de paz coas FARC. Non se debe pasar por alto que o escenario político volve a polarizarse ante o retorno do “uribismo” no caso dunha eventual candidatura do ex presidente Álvaro Uribe Vélez.

Os movementos indixenistas na rexión andina, particularmente Bolivia, Ecuador e Perú, tamén amosan a súa preponderancia política. A pesar das contundentes vitorias electorais, o presidente ecuatoriano Correa e o gobernante Alianza País vense constantemente afectados polas protestas da Confederación de Nacionalidades Indíxenas de Ecuador (CONAIE) así como doutras organizacións indixenistas e sindicais. Pola súa banda, en Bolivia, que realizará eleccións presidenciais en outubro de 2014 coa atención posta en saber se finalmente Evo Morales concorrerá de novo á reelección presidencial, comezan a fracturarse determinados apoios indixenistas a favor do gobernante Movemento ao Socialismo (MAS).

En Perú, país que experimenta un notable boom económico e que constitúe un membro máis da recen creada Alianza do Pacífico (2012), o presidente Ollanta Humala afronta fortes protestas de grupos indixenistas e ecoloxistas ante os proxectos de extracción de minerais na conca amazónica peruana.

Perú celebrará eleccións presidenciais en 2016 e as expectativas apuntan a unha posible preservación do “humalismo” a través dunha hipotética sucesión a mans da súa esposa Nadine Heredia como candidata do gobernante Partido Nacionalista Peruano (PNP). Pero actualmente, diversas protestas cidadáns erosionan fortemente a  popularidade de Humala, acusándoo de non atender problemas relevantes como o combate contra a delincuencia, a corrupción e a escaseza de programas de asistencia social([3]).

IGADI. 8 de novembro de 2013.



([1]) ZOVATTO, Daniel; “América Latina: un nuevo ciclo electoral”, Infolatam (España), 29 de setembro de 2013. Ver en: http://www.infolatam.com/2013/09/29/america-latina-un-nuevo-ciclo-electoral/

([2]) En outubro de 2013 naceu un novo movemento político chileno, Forza Pública, de carácter plural e centrista, que pretende influír no debate público para “mellorar a calidade política”. Para maior información, ver o artigo de Carlos Franz, “Parto político”, Brecha (Uruguai), Nº 1.457, 25 de outubro de 2013, páxina 39.

([3]) “Un 71% de los peruanos desaprueba gestión de Humala, según sondeos”, Infolatam (España), 27 de outubro de 2013. Ver en: http://www.infolatam.com/2013/10/27/un-71-de-los-peruanos-desaprueba-gestion-de-humala-segun-sondeo/