images publicacions IgadiPaper129

IgadiPaper nº129

A xeopolítica da crise ucraína: pulsos estratéxicos no espazo euroasiático

(2/2014)

A xeopolítica da crise ucraína: 
pulsos estratéxicos no espazo euroasiático

images publicacions IgadiPaper129a) Introdución

Nun país historicamente marcado pola bipolaridade entre Occidente e Rusia, a crise ucraína desvela un sostido pulso orientado á eventual reconfiguración de esferas xeopolíticas de influencia dentro do espazo euroasiático, na que están involucrados a distintos niveis diversos actores, entre os que destacan Rusia, Europa, EUA e indirectamente China.

Todo isto sen descartar a influencia dun ascendente nacionalismo ucraíno e, incluso, a posibilidade dunha fragmentación territorial de feito en Ucraína, cunhas repercusións que ameazan con causar turbulencias xeopolíticas en Europa Oriental. Por tanto, e á espera de observar os movementos de péndulo trala caída do primeiro ministro Mikola Azarov o pasado 28 de xaneiro e o pulso político entre o presidente Viktor Yanúkovich e unha heteroxénea oposición onde prevalece o peso dos sectores nacionalistas e extremistas máis radicais, as variables identifican a Ucraína como o epicentro de intereses e tensións dentro do xadrez xeopolítico euroasiático.

Por unha banda, resultan evidentes os intereses occidentais, os cales intensifican os seus parámetros de actuación. Tanto EUA como a Unión Europea observan de forma calculada en qué medida a crise ucraína alteraría os seus imperativos estratéxicos dende Europa Oriental ata Asia Central, sen descartar incluso Oriente Medio. No foco, considerar a eventualidade dunha Ucraína máis proclive a aproximarse á Unión Aduaneira Euroasiática que o presidente ruso Vladímir Putin espera consolidar a partir de 2015, e que abertamente afectaría os intereses euroasiáticos de Washington, a UE e a OTAN.

Por outra banda, China, a certa distancia, ingresa cun inédito e calculado peso dentro da crise ucraína. A visita de Yanúkovich a Pequín a comezos de decembro pasado, centrada na subscrición de acordos económicos e financeiros para paliar a débeda pública ucraína, revela a estratexia do presidente ucraíno de abrir outros canais de cooperación diferentes da bipolaridade establecida en torno a Rusia e Europa. A mediados de 2012, Yanúkovich solicitou a China o ingreso ucraíno na Organización de Cooperación de Xangai (OCX). Neste apartado, debe terse igualmente en conta os achegamentos entre Turquía e China (especialmente no sector militar nun país membro da OTAN) e a petición turca de ingreso na OCX, cunhas repercusións a medio e longo prazo que alterarán o equilibrio estratéxico no espazo euroasiático.

Para EUA, a UE e a OTAN, a perda de influencia en Ucraína e a eventual orientación turca cara China suporían sensibles retrocesos estratéxicos para os seus intereses euroasiáticos, toda vez este pulso estratéxico ten outros escenarios como Oriente Medio, en particular tralo recente pacto nuclear entre Irán e Occidente. Estas e outras variables definen por qué a crise ucraína está evidenciando un duro pulso de intereses xeopolíticos entre diversas potencias, centrado en modificar o status estratéxico euroasiático.

b) A “opción China”

A comezos de decembro, o presidente ucraíno Viktor Yanúkovich visitou Pequín nun momento político sumamente delicado en Ucraína, á vista da radicalización e intensificación das protestas, comezando coa concentración de opositores na praza Maiden de Kiev.

Esta visita de Yanúkovich tivo unha grande importancia, directamente relacionada  coa posibilidade de situar a China como un socio de cooperación alternativo que diminúa a tradicional bipolaridade ucraína entre Rusia e Occidente. Desde 2011, Ucraína e China incrementaron o seu intercambio comercial, cun aumento do 46% nas exportacións ucraínas ao país asiático e un incremento do 9% das importacións chinesas. Esta visita permitiu perfilar un acordo inédito: o aluguer durante 50 anos dun territorio de tres millóns de hectáreas en Ucraína (un 5% do seu territorio nacional) a empresas chinesas para a cooperación agraria. Este acordo causou forte polémica dentro e fóra de Ucraína.

Yanúkovich tenta configurar a China como un socio estratéxico económico e financeiro, diluíndo ao mesmo tempo a dependencia ucraína de Rusia e Europa. En 2014, o goberno ucraíno debe pagar un total de 12.500 millóns de euros en débeda, razón pola que Kiev barallou a posibilidade dunha especie de rescate financeiro chinés, ata agora non asegurado por Pequín, que evita pronunciarse ao respecto. Tras visitar China, Yanúkovich igualmente intensificou os acordos de cooperación, principalmente enerxéticos, con Rusia. 

A “opción China” de Yanúkovich non é nova. En 2012, Kiev solicitou formalmente a Pequín o ingreso ucraíno na Organización de Cooperación de Xangai (OCX), un anuncio inédito nun país da Europa Oriental post-soviética. Rusia, que forma igualmente parte da OCX, observou con moderada aceptación esta petición ucraína, tras unha reunión entre Putin e Yanúkovich celebrada en Sochi (Rusia) en agosto de 2012.

Pero non é só Ucraína quen observa a China como unha alternativa de cooperación. Nos últimos meses, Turquía ven intensificando as súas relacións tanto con Pequín como con Moscova, especialmente en materia militar. En setembro de 2013, o ministerio de Defensa turco anunciou a compra dun sistema de defensa antiaérea á China Precision Machinery Export-Import Cooperation, unha súbita elección que creou forte conmoción e controversia en EUA e a UE, precisamente por ser Turquía un membro activo da OTAN desde o seu ingreso na organización atlántica en 1952.

Deste modo, Ankara outorgou prioridade ao sistema chinés HQ-9 por riba do estadounidense Patriot e do SAMP/T europeo, e agora resta observar, se a operación chega a consumarse, cómo será a integración deste sistema de defensa chinés dentro dos parámetros establecidos pola OTAN en Turquía. Ao pouco de transcender esta decisión, xurdiron en Turquía os movementos e denuncias a propósito da corrupción, abaneando o goberno de Erdogan…

Os contactos entre Turquía e China (tamén no eido da comunicación e outros) veñen da man do interese turco polo seu eventual ingreso na OCX. A mediados de 2012, durante un cumio da OCX en China, o goberno turco de Recep Tayyip Erdogan recibiu a aceptación da OCX para ingresar baixo o status de socio de diálogo, condición que foi oficialmente formalizada polo ministro turco de Exteriores, Ahmed Davutoğlu, en abril de 2013, durante unha reunión co secretario xeral da OCX, o ruso Dmitri Mezentsev, en Almaty (Kazajstán). Este interese turco por ingresar na OCX foi formalmente aceptado por Putin durante un cumio con Erdogan en novembro pasado en Moscova.

Aínda que Pequín non se ten oficialmente pronunciado sobre este escenario, o achegamento e eventual ingreso ucraíno e turco na OCX alteraría significativamente o mapa estratéxico de intereses de EUA, a UE e a OTAN no espazo euroasiático conformado entre Europa Oriental e Asia Central.

Este aspecto igualmente confirma o ascendente peso chinés en materia de cooperación militar a nivel global, en especial cara países tradicionalmente aliados ou baixo a esfera de influencia occidental, tales como Paquistán e Arabia Saudita, entre outros. Neste sentido, o Instituto Internacional de Investigación para a Paz de Estocolmo (SIPRI polas súas siglas en inglés) situou en 2013 a China na quinta posición como maior exportador de armas a nivel mundial([1]).

c) Un actor incómodo: o extremismo

Outro factor de relevante importancia xeopolítica ten que ver coa forte implicación de grupos extremistas nas manifestacións anti-Yanúkovich en Kiev e outras cidades ucraínas, con violentos enfrontamentos contra forzas de seguridade e ocupación de edificios públicos. Este factor pode modificar sensiblemente o mapa político ucraíno a curto prazo, especialmente ante as tensións trala caída do goberno de Azarov e as fortes presións (alimentadas dende Occidente) por derrubar a presidencia de Yanúkovich e dar paso a eleccións presidenciais anticipadas.

Neste sentido, a heteroxénea composición das forzas políticas que están detrás das manifestacións anti-Yanúkovich dan a entender unha polarización de forzas onde os extremistas cobran peso e preponderancia. Se ben a coalición “Patria” da represaliada Iulia Timoshenko segue a ser visible entre os manifestantes opositores, particularmente no ex presidente do Banco Central e economista Arseny Yatsenyuk (39 anos) e en menor medida do ex ministro independente Yuriy Lutsenko (Movemento Terceira República de Ucraína), os “pesos pesados” desta “nova” oposición ucraína están liderados por personaxes vinculados a movementos, moitos deles incluso de extrema dereita, en oposición frontal a Yanúkovich tras non aceptaren ningún pacto político de solución ao conflito.

Entre estes liderados destacan o do ex campión mundial de boxeo Vitali Klitschko (42 anos), líder da Alianza Ucraína Democrática para as Reformas (UDAR ou “Golpe” en ucraíno), abertamente proeuropeísta; e Oleg Tyahnibok, líder do partido  Svoboda([2]) (“Liberdade”), no que están integrados movementos de ultradereita e incluso “protofascistas” como o Partido Social Nacional, marcadamente anti-europeístas, anti-rusos e anti-inmigración.

Dentro de Svoboda resulta igualmente relevante a actuación dunha formación moi presente nas protestas e confrontacións, o “Pravy Sektor” (“Sector de Dereita”), con ramificacións noutras formacións extremistas como “Patriotas de Ucraína”, “Asemblea Nacional de Ucraína - Autodefensa Nacional de Ucraína” e “Trizub”, que ten por  referencia histórica ao líder fascista Stepan Bandera, creador da “Organización de Nacionalistas Ucraínos”, colaborador coa invasión nazi de 1941 e marcadamente antirruso e antixudeu, acusado de cometer diversos crimes contra a humanidade. Diversas fontes argumentan que presuntamente Berlín e a UE apoian o fortalecemento dos liderados de Klitschko, Yatsenyuk e Tyahnibok para conformar unha especie de “fronte común” anti-Yanúkovich e antirrusa en Ucraína([3]).

A creación de “grupos de choque” claramente de carácter golpista e paramilitar, amparados incluso coa inclusión de simpatizantes provenientes de organismos policiais camuflados de civil, cobran protagonismo nas protestas, influíndo claramente na radicalización da crise ucraína, manifestada igualmente pola toma de edificios gobernamentais en varias cidades do país, como Lvov, Dnepropetrovsk, Odessa, Donetsk e Kirovograd.

d) É posible a “balcanización” de Ucraína?

Este escenario de visible radicalización da crise ucraína pode derivar en riscos de carácter xeopolítico, en particular ante unha hipotética desintegración territorial entre un Oeste onde prima o seu acervo occidental, e as rexións do Leste e do Sur, fronteirizas con Rusia, cunha obvia orientación prorrusa. Segundo o Censo Nacional de 2001, unha franxa de poboación ucraína, calculada entre un 30-50% da poboación total, é oficialmente rusofalante.

images artigos igadipaper129 1

En azul, este mapa amosa a porcentaxe da poboación ucraína identificada co ruso como lingua nativa. Esta proporción oscila entre o 30-50% da poboación, principalmente asentada nas rexións orientais de Ucraína. Fonte: Censo Nacional de 2001 (Tomado de The Washington Post)

Se ben as protestas igualmente convocan a cidadáns de diversas tendencias políticas e ideolóxicas, mobilizados pola frustración que provoca a corrupción das elites, o fracaso das reformas democráticas e a crise económica, a súbita aparición de liderados como os de Klitschko e Tyahnibok, así como o peso da extrema dereita, da a entender un cambio na correlación de forzas na oposición e eventualmente na política ucraína, contextualizado nese pulso de intereses xeopolíticos externos e a polarización social, étnica, lingüística e territorial do país.

Así e todo, o risco de posible guerra civil e, incluso, de fragmentación territorial xera certa preocupación en países veciños como Hungría e Eslovaquia, os cales comparten fronteira con Ucraína a través da rexión Transcarpática e que posúen respectivas comunidades lingüísticas nese país.

Neste sentido, algúns representantes políticos en Hungría, Eslovaquia e Romanía amosaron a súa preocupación porque unha desestabilización comandada pola extrema dereita derive na recreación de reclamacións territoriais ou incluso de secesións territoriais de feito, como sucedera no caso de Transnistria con respecto a Moldova, así como nunha especie de “balcanización” en Ucraína.

De feito, os países membros do Grupo de Visegrad, conformado por Polonia, Eslovaquia, Hungría e República Checa, emitiron un comunicado conxunto([4]) o pasado 30 de xaneiro, instando a deter a “vaga de violencia” en Ucraína. Con todo, aparentemente, intensifícanse os movementos “revisionistas” históricos entre diversos sectores das elites políticas e intelectuais en países como Romanía e Bulgaria, a fin de premer polas súas reclamacións históricas cara Ucraína, aproveitando a conxuntura de inestabilidade nese país([5]).

e) O pulso entre Rusia e Occidente

Este mosaico de imprevisibles escenarios vese igualmente mediatizado polos intentos de EUA, a UE e Rusia por controlar as súas zoas de influencia e dar cobertura aos seus intereses xeopolíticos no espazo euroasiático, con Ucraína como epicentro das tensións. A este puzzle debe engadirse a preponderancia de China, mais indirecta pero non menos determinante, e que pode eventualmente condicionar un novo equilibrio estratéxico entre Europa Oriental e Eurasia. Lembremos tamén a súa recente irrupción nos PECO (Países de Europa Central e Oriental) onde constituíu un Foro de cooperación, que abeira a propia UE, no pasado novembro.([6])

Afectados polo rexeitamento de Yanúkovich ao acordo de asociación coa UE (novembro de 2013), EUA, a UE e complementariamente a OTAN están preocupados pola eventualidade dun reforzamento da posición rusa en Ucraína, en particular ante o proxecto de Putin de concretar en 2015 unha Unión Aduaneira Euroasiática, con claras pretensións de fortalecer a influencia de Moscova dentro do espazo euroasiático.

Convencidos da necesidade de afastar a Ucraína da órbita de influencia rusa, Occidente, e particularmente unha UE dominada por Alemaña e a “troika” (FMI, Banco Central Europeo e Comisión Europea), espera concretar en Ucraína outra especie de laboratorio da austeridade e sometemento aos “paquetes” económicos, similar á que actualmente impón en Grecia. Paralelamente, o notorio silencio do eixe EUA-UE-OTAN ante a hipotética “balcanización” ou fragmentación territorial de feito de Ucraína, evidencia que este escenario puidera favorecer igualmente os seus intereses por controlar esferas de influencia.

A implicación occidental a favor dos manifestantes ucraínos permitiu a sorprendente presenza na praza Maidán de Kiev de altos representantes como a secretaria de Estado asistente de EUA, Victoria Nuland, o senador republicano John McCain, o ministro alemá de Exteriores, Guido Westerwelle, o chanceler canadense John Baird, ou o ex primeiro ministro polaco Jaroslaw Kaczynski e diversos políticos europeos e estadounidenses, incluíndo países que gravitan na periferia ucraína como Lituania e Xeorxia, en particular o seu ex presidente Mikhail Saakashvili, declarado “persoa non grata” polas autoridades ucraínas. Todos eles apareceron publicamente en Kiev cos principais líderes da revolta, facendo publicamente causa común coas súas demandas.

Ante esta perspectiva de aberta implicación occidental, o deputado ucraíno Oleg Zarev chegou a acusar a Occidente de propiciar en Ucraína a reprodución das “revolucións de cor” que, entre 2000 e 2005 levou a diversos cambios de goberno en países de Europa Oriental e do espazo euroasiático ex soviético (Serbia, Xeorxia, Ucraína, Kirguizistán).

Se ben Rusia pretende atraer a Ucraína como peza estratéxica desta Unión Euroasiática, coa evidente intención de cortar a intromisión occidental (vía OTAN e UE principalmente), o presidente Putin equilibra todo tipo de alternativas con Bruxelas e Washington para evitar unha desestabilización en Ucraína, tal e como se evidenciou durante o recente cumio UE-Rusia do 30 de xaneiro, e as visitas a Kiev da comisionada de política exterior da UE, Catherine Ashton, e do comisionado da UE para a Ampliación, Stefan Fule. En medio da crise, Rusia e Ucraína intensificaron a súa cooperación a comezos de xaneiro, a través da concreción dunha serie de proxectos conxuntos valorados en US$ 56.400 millóns.

IGADI. 31 de xaneiro de 2014.



 

([1]) “China´s Exports of Large Arms and Light Weapons”, SIPRI Policy Paper Nº 38, Outubro de 2013. Ver en: http://books.sipri.org/files/PP/SIPRIPP38.pdf

([2]) Diversas fontes estranxeiras aseguran que “Svoboda” está estreitamente ligado á Fronte Nacional francesa liderada por Marine Le Pen. Outras igualmente argumentan unha clara implicación de Alemaña na crise ucraína, co presunto apoio da chanceler alemá Ánxela Merkel e da Fundación Konrad Adenauer ao fortalecemento dos liderados de Klitschko, Yatsenyuk e Tyahnibok. Para maior información, consultar o artigo de PELÁEZ, Vicky: “Mano negra tras las manifestaciones en Ucrania”, RIA Novosti (Rusia), 14 de decembro de 2013. Ver en: http://sp.ria.ru/opinion_analysis/20131214/158782818.html. Igualmente relevante é o artigo de POCH DE FELIU, Rafael; “Horizonte Ucraniano”, La Vanguardia (España), 30 de xaneiro de 2014. Ver en: http://blogs.lavanguardia.com/berlin/?p=540. Igualmente reproducido en Rebelión (España). Ver en: http://www.rebelion.org/noticia.php?id=180193

([3]) Unha radiografía sobre a conformación desta “nova oposición” contra Yanúkovich, o peso da ultradereita e as implicacións dos intereses occidentais nos mesmos pode consultarse nos artigos: DRAITSER, Eric: “Ukraine and the Rebirth of Fascism in Europe”. Global Research (Canadá), 31 de xaneiro de 2014. Ver en:  http://www.globalresearch.ca/ukraine-and-the-rebirth-of-fascism-in-europe/5366852; e tamén de POCH DE FELIU, Rafael; “Horizonte Ucraniano”, op.cit.

([4]) “Los países del Grupo de Visegrad llaman a detener la ola de violencia en Ucrania”, Rádio Slovakia International, 30 de xaneiro de 2014. Ver en: http://es.rsi.rtvs.sk/clanok/rubriky/actualidad/los-paises-del-grupo-de-visegrado-llaman-a-detener-la-ola-de-violencia-en-ucrania

([5]) MÂNDRÃŞESCU, Valentin: “Los vecinos de Ucrania buscan repartir sus territorios”, La Voz de Rusia en español, 31 de xaneiro de 2014. Ver en: http://spanish.ruvr.ru/2014_01_31/vecinos-Ucrania-politica-territorios/

([6])  Ríos, Xulio: “China y las Europas”, 25 de Novembro de 2013. Ver en: http://www.politica-china.org/nova.php?id=4303&clase=17&lg=gal