IgadiPaper nº160 - Brasil: fraguando a era post-PT?

IgadiPaper nº160

Brasil: fraguando a era post-PT?

(12/2015)

Brasil: fraguando a era post-PT?

a) Introdución
IgadiPaper nº160 - Brasil: fraguando a era post-PT?

A proliferación de multitudinarias protestas que durante 2015 véñense rexistrando en Brasil contra a presidencia de Dilma Rousseff, na procura dun impeachment ou destitución presidencial, á vista dos reiterados escándalos de corrupción (entre os que destacan os casos PETROBRAS e Odebrecht – BNDES) presuntamente existentes na cúpula do poder gobernamental e do Partido dos Traballadores (PT), e que igualmente involucrarían ao ex presidente Lula da Silva, define o momento político mais delicado da presidenta e ata da propia democracia brasileira, contextualizado a nivel hemisférico por unha dinámica de eventuais cambios no equilibrio xeopolítico que hipoteticamente poden suxerir un final de ciclo político.

Con todo, e pese á notoria caída de popularidade de Dilma, cuns índices de aprobación que están actualmente en torno ao 7%, os esforzos dunha oposición política principalmente liderada por Aécio Neves (Partido Social Demócrata Brasileiro, PSDB), rival electoral de Dilma e do PT nos comicios presidenciais de outubro - novembro de 2014, así como de poderosos medios de comunicación (en particular a Rede O Globo) por impulsar e acelerar os pasos legais e constitucionais para o impeachment, deben aínda transitar por complicados equilibrios parlamentarios. A pesar da presenza dalgúns representantes do Partido do Movemento Democrático Brasileiro (PMDB) na manifestación anti-Dilma do pasado 16 de agosto, aínda non existe un consenso parlamentario entre o PSDB e o PMDB para dar curso a unha eventual caída política do PT.

Sen maioría parlamentaria, dependente dos pactos políticos co PMDB, Dilma e o PT vense na constante disxuntiva de tentar evitar un impeachment e unha agudización das protestas cidadás, ao tempo que ofrece concesións na súa política económica, en particular tralo nomeamento do ministro de Facenda Joaquim Levy, de claro cariz tecnocrático.  Neste sentido, os síntomas de contracción do crecemento económico e da balanza fiscal determinan unha viraxe neoliberal na política macroeconómica “petista”, consolidada con medidas de austeridade fiscal que obstaculiza a viabilidade dos programas sociais vixentes da era Lula (2003-2011).

Este reacomodo neoliberal de Dilma e a marcada tecnocracia presente nas cúpulas do PT, que suxire unha serie de concesións con evidentes perspectivas de supervivencia ante a actual crise política, vese confirmada pola sucesión de eventuais cambios políticos hemisféricos, claramente orientados a frear o ciclo expansivo da esquerda latinoamericana presentado na década anterior. En axenda están futuros eventos electorais (presidenciais na Arxentina, lexislativas en Venezuela) e reequilibrios xeopolíticos (apertura EUA-Cuba, procesos de integración hemisféricos), os cales poden determinar un eventual final de ciclo político na rexión, con Brasil como epicentro de hipotéticos cambios no establishment hemisférico.

b) Os dilemas políticos do impeachment

A composición do actual Congreso dos Deputados brasileiro exemplifica un escenario de polarización política que, eventualmente, traduciríase en serios dilemas á hora de instrumentalizar un impeachment contra a presidenta Dilma Rousseff. Con maiorías relativas en ambas Cámaras, o Congreso e o Senado, o PT actualmente posúe 69 parlamentarios (88 na anterior lexislatura 2011-2015), toda vez a súa alianza parlamentaria co PMDB (65 deputados) permítelle momentaneamente amortecer as tentativas de impeachment impulsadas polo principal partido opositor, o PSDB de Aécio Neves (54 deputados) e os seus aliados mais minoritarios.

No primeiro trimestre de 2015 comezaron a xurdir fendas na alianza PT-PMDB, en particular pola viraxe neoliberal e de austeridade fiscal do segundo goberno de Dilma, traducido no nomeamento ministerial de Levy, así como nos recortes de programas sociais chave que apuntalaron a popularidade do PT. Con todo, desde febreiro pasado, a presidencia do Congreso está en mans de Eduardo Cunha([1]) (PMDB), un nomeamento que foi percibido como un duro golpe político para unha Dilma que recen asumía o seu segundo mandato presidencial ata 2019.

Tentando recrear fisuras dentro da complexa alianza PT-PMDB, Neves e o PSDB (cuns simpatizantes que son coloquialmente denominados “tucanos” en contraposición dos “petistas” do PT) aceleran a súa presión a través de poderosos medios de comunicación (particularmente a Rede O Globo, o diario Folha de São Paulo e a revista Veja) de cara a contrariar a unha cidadanía indignada pola proliferación de escándalos de corrupción que datan da era Lula. Neste cometido, o PSDB logrou acadar determinados apoios por parte dalgúns representantes do PMDB, tal e como se observou na multitudinaria manifestación do pasado 16 de agosto, así como de experiencias cívicas como o Movemento Brasil Libre (MBL) e Revoltados Online, algúns deles significativos durante as protestas contra Dilma acaecidas entre 2013 e 2014.

Estes escándalos de corrupción diríxense cara altas esferas de poder presuntamente inseridas polo PT a través da empresa estatal enerxética PETROBRAS e a construtora Odebrecht, esta última presuntamente beneficiada por fondos públicos do Banco Nacional de Desenvolvemento Económico e Social (BNDES). As acusacións aluden a unha presunta malversación de fondos públicos, valorada en US$ 2.000 millóns, involucrando entre outros ao ex presidente Lula da Silva e a actual presidenta Dilma, en particular polo seu papel como presidenta do Consello Directivo de PETROBRAS entre 2003 e 2010. Estas e outras acusacións forman parte do que, en febreiro de 2014, a Policía Federal brasileira adiantou como a mais importante investigación de corrupción no país, a denominada Operaçao Lava Jato, con máis de 700 procedementos instruídos por presunta malversación de fondos e lavado de diñeiro.

A figura legal do impeachment xa apareceu con anterioridade na escena política brasileira, trala destitución vía lexislativa en 1992 do entón presidente e actualmente senador Fernando Collor de Melo. Neste sentido, o impeachment está amparado na actual Constitución brasileira de 1988 (artigo 85)([2]), así como na lei 1.079 que data de 1950. No contexto parlamentario, precísanse do voto favorable de polo menos 342 dos 513 deputados que conforman o Congreso brasileiro para dar curso a esta eventual destitución presidencial. O procedemento legal implicaría ao Senado, que abriría un proceso de investigación contra a presidencia impulsado polo presidente do Supremo Tribunal Federal, actualmente en mans do xurista Ricardo Lewandonski. Nun máximo de 180 días, o Senado, a través do voto favorable de dous terzos da Cámara (54 senadores en total), decidiría a destitución presidencial de Dilma, sucedendo na presidencia brasileira o actual vicepresidente, Michel Temer (PMDB)([3])

Ante as expectativas dun eventual impeachment, diversos deputados do PT argumentan que, se ben existen facultades legais establecidas en torno a esta figura, as mesmas formarían parte dunha estratexia claramente política. Con todo, é visible o avance de voces a favor do impeachment, o clima político vese igualmente polarizado, contrariado polas consecuencias que en materia de estabilidade e gobernabilidade poderían acadar a eventual destitución presidencial de Dilma. Neste sentido, diversas formacións sindicalistas e de esquerdas manteñen o seu apoio ao PT, non facendo causa común cos manifestantes anti-Dilma, recreando así as bases dun conflito de clases que polariza a política brasileira.

Esta polarización vese nutrida por recentes declaracións, como a do ex presidente Fernando Henrique Cardoso clamando pola renuncia de Dilma, toda vez o propio vicepresidente Temer insta a conformar un pacto de gobernabilidade que evite unha situación de inestabilidade en caso de destitución. Antes de entrar en receso en xullo pasado, 55 deputados “petistas” votaron no Congreso en contra das políticas de austeridade de Levy, en claro desafío a Dilma. Do mesmo xeito, é perceptible o distanciamento de ata agora ex aliados parlamentarios do PT, como son os casos do Partido Democrático Trabalhista (PDT, con 19 deputados) e o Partido Trabalhista Brasileiro (PTB, 25 deputados), os cales a comezos de agosto anunciaron a súa práctica ruptura co goberno([4]).

Neste contexto, a polarización do clima político ante as expectativas de  impeachment contra Dilma semellan dirimir unha complicada loita política entre diversos sectores do PT, do PSDB e do PMDB pola preservación e consecución de cotas de poder, pulso no que se inclúen poderes mediáticos (Rede O Globo) e os intereses do capital financeiro, ante os dilemas establecidos entre preservar a estabilidade e acabar co ciclo político “petista”, dando curso a un novo establishment político post-PT ata a convocatoria das próximas eleccións presidenciais 2018([5]).

c) Final de ciclo a nivel hemisférico?

A crise política brasileira debe contextualizarse coa recomposición dos equilibrios hemisféricos que se están observando trala normalización de relacións diplomáticas entre EUA e Cuba, simbolizada coa recente visita do Secretario de Estado estadounidense John Kerry á Habana (14 de agosto), da renovación de protestas sociais (Ecuador) e polas expectativas de cambio político ante próximos contextos electorais (Arxentina e Venezuela), que eventualmente podan constituír un final de ciclo electoral para as esquerdas latinoamericanas e os procesos de integración alternativos.

Un eventual ciclo post-PT en Brasil a través do impeachment contra Dilma exercería un efecto colateral a nivel hemisférico, impulsado a través das dificultades políticas existentes dentro da considerada como a segunda economía continental tras EUA, e que desde 2013 aprecia síntomas de recesión económica. Neste sentido, é pertinente especular coa eventual configuración dun novo establishment político post-Lula e Dilma en Brasil, polarizado polos síntomas de fractura interna entre tecnócratas e outros sectores mais progresistas e de esquerdas tanto dentro do PT como dos seus ex aliados PMDB, PDT e PTB, á vista das presións dos sectores opositores (PSDB, capital financeiro, poderes mediáticos afíns) e o ascenso de movementos cívicos aparentemente independentes e moi heteroxéneos, en busca dunha nova representación política.

Os pasos cara un ciclo post-PT en Brasil definirán un novo mapa político hemisférico ante as posibilidades de observar o ascenso do post-kirchnerismo nas presidenciais arxentinas (outubro) e do post-chavismo nas lexislativas venezolanas (decembro). A renovación das protestas contra o presidente ecuatoriano Rafael Correa por parte de movementos sindicais e indixenistas posúen un claro cariz electoral de cara ás presidenciais de 2017.

Deste xeito, un final de ciclo “petista”, “kirchnerista” e “chavista”, engadido á recesión económica brasileira e á ralentización do crecemento económico chinés, fraguado polas recentes depreciacións da súa moeda, o iuán, repercutirán igualmente nun debilitamento dos mecanismos de integración alternativos (BRICS, Foro China-CELAC, ALBA), contestatarios coas fórmulas de hexemonía unilateral e que apostan pola multipolaridade.

IGADI. 20 de agosto de 2015.


([1]) Evanxélico e membro da Igrexa neopentecostal Sara Nossa Terra, Cunha amosa posicións extremadamente conservadoras, en particular ante temas como o aborto e o matrimonio homosexual, contrariando claramente aos denominados sectores progresistas que ascenderon durante os mandatos do PT.

([2]) Sección III - Da Responsabilidade do Presidente da República

Art. 85. Constitúen delitos de responsabilidade os actos do Presidente da República que atenten contra a Constitución Federal , especialmente contra:

1. a existencia da Unión;

2. o libre exercicio do Poder Lexislativo, do Poder Xudicial, do Ministerio Público e dos Poderes constitucionais das unidades da Federación;

3. o exercicio dos dereitos políticos, individuais e sociais;

4. a seguridade interna do País;

5. a probidade na Administración;

6. a lei orzamentaria;

7. o cumprimento das leis e das decisións xudiciais.

Parágrafo único. Eses delitos serán definidos en lei especial, que establecerá as normas de proceso e enxuizamento.

Fonte: República Federativa de Brasil. Constitución Política de 1988. Political Database of the Americas. Ver en: http://pdba.georgetown.edu/Constitutions/Brazil/esp88.html#mozTocId897815

([3]) “Como funciona o impeachment”, en BORGES, Rodolfo, “Gritos de ‘impeachment’ volta a assombrar a política brasileira”, El País (España), versión en portugués, 14 de febreiro de 2015. Ver en: http://brasil.elpais.com/brasil/2015/02/12/politica/1423779537_527646.html

([4]) “PDT e PTB anunciam que vão sair da bancada aliada na Câmara dos Deputados”, O Globo (Brasil), 5 de agosto de 2015. Ver em: http://oglobo.globo.com/brasil/pdt-ptb-anunciam-que-vao-sair-da-base-aliada-na-camara-dos-deputados-17099942

([5]) Sobre a eventual recomposición política post-PT e o mapa dos intereses políticos, recoméndase ler o artigo de GINDRE, Gustavo, “Os protestos do domingo e a estratégia do Globo”, publicado en América Latina em Movimento, 17 de agosto de 2015. Ver en: http://www.alainet.org/pt/articulo/171783