IgadiPaper nº163 - Eleccións Arxentina 2015: a polarización post-Kirchner

IgadiPaper nº163

Eleccións Arxentina 2015: a polarización post-Kirchner

(15/2015)

Eleccións Arxentina 2015: a polarización post-Kirchner

a) Introdución
IgadiPaper nº163 - Eleccións Arxentina 2015: a polarización post-Kirchner

Co ballotage no horizonte, a segunda volta electoral prevista para o próximo 22 de novembro, os resultados das eleccións presidenciais arxentinas celebradas o pasado 26 de outubro confirmaron dúas perspectivas previas: a primeira, a aguda polarización política existente na recta final do mandato da actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner, en particular tendo en conta o axustado resultado electoral, aspecto que suxire a asunción dunha nova etapa política. A segunda, que o “kirchnerismo”, se ben aínda forza política maioritaria, afronta unha etapa “post-kirchnerista”, marcada polas incertezas derivadas dunha previsible paréntese da súa incontestable hexemonía, reforzando así todo tipo de expectativas dentro do diletante escenario político arxentino.

Cunha histórica participación electoral (79,8%), factor que confirma a consistencia institucional e democrática do país suramericano, as eleccións presidenciais arxentinas deixaron a sensación de empate técnico entre Daniel Scioli (36,63% dos votos), abandeirado da “kirchnerista” Fronte para a Vitoria (FpV), por riba do acérrimo candidato opositor Mauricio Macri (34,55%), da fórmula electoral Cambiemos. De cara ao ballotage, as miradas de Scioli e Macri están concentradas na eventual inclinación de apoios por parte de Sergio Massa (21,30%), un peronista disidente do “kirchnerismo” erixido como árbitro electoral entre ambos candidatos.

Asistimos, pois, a un momento de ralentización da ata agora aparentemente incontestable hexemonía política e electoral do “kirchnerismo” desde a súa chegada ao poder en 2003. O movemento oficialista perdeu en catro das cinco provincias arxentinas mais importantes. A mais destacada foi a elección da Provincia de Bos Aires, onde a oposición “macrista” logrou asestar un duro golpe a 28 anos de gobernos peronistas, coa vitoria da candidata do PRO, María Eugenia Vidal (39,69%), quen se converterá na primeira muller en gobernar a capital arxentina, estratexicamente decisiva de cara ao ballotage por concentrar case o 40% da votación a nivel nacional. A oposición tamén gañou en Córdoba, Santa Fe e Mendoza.

As valoracións postelectorais sinalan un contexto fortemente polarizado que incidirá na estabilidade da próxima lexislatura. Mentres Scioli tenta equilibrar as forzas internas dentro dun “kirchnerismo” aletargado por non acadar a maioría necesaria para gobernar, Macri e Massa aparentemente amosan unha conxuntural sintonía política, particularmente orientada a acabar coa hexemonía “kirchnerista”.  

Paralelamente, no transfondo deste contexto electoral defínese o rol político que cobrará a actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner, basicamente desconfiada da capacidade de Scioli para liderar a anunciada etapa “post-kirchnerista” pero convencida da necesidade de reconducir ao movemento de cara a conservar a presidencia tralo ballotage.

Ampliando as perspectivas a nivel rexional, os comicios arxentinos dirimen igualmente a posibilidade dun retorno do conservadurismo ao poder tras un prolongado ciclo de gobernos progresistas e de esquerdas no contexto suramericano. A curto prazo, e pendentes do ballotage arxentino, a eventual definición de novos equilibrios políticos a nivel hemisférico traducidos no previsible retorno da dereita, terá outro test electoral chave nos comicios lexislativos en Venezuela previstos para decembro próximo.

b) Massa como árbitro

En chave política, a única certeza postelectoral dos comicios presidenciais arxentinos celebrados o pasado 25 de outubro é o factor decisivo que representa o peronista Sergio Massa, candidato da Fronte Renovadora (FR), movemento disidente dentro do “kirchnerismo” desde 2013. Nese contexto, a disidencia de Massa e da FR provocou unha notable erosión de votantes dentro da FpV e tamén no amplo conglomerado peronista, nos comicios lexislativos celebrados hai dous anos.

Cun 21,6% de votación, máis de cinco millóns de votantes, Massa quedou fóra do ballotage previsto para o próximo 22 de novembro. Con todo, o seu papel será decisivo, tendo en conta que a eventual inclinación de apoios e dos votantes de Massa moi probablemente definirán a próxima presidencia arxentina, razón que impulsa o actual proceso de achegamentos e de negociacións entre as fórmulas electorais dos candidatos á segunda volta, Daniel Scioli e Mauricio Macri. Todo isto sen desestimar os pactos e negociacións con outros candidatos minoritarios como Nicolás del Caño, Margarita Stobilzer e Adolfo Rodríguez Saa, tendo en conta que os seus cómputos electorais agrupan aproximadamente un 8% do electorado.

Neste contexto de polarización e de definición de apoios postelectorais, Macri semella afrontar con maiores garantías un eventual apoio de Massa que lle permita hipoteticamente alzarse coa vitoria no ballotage. Neste sentido, os primeiros contactos do “macrismo” con Massa presentaron unha sintonía orientada a finiquitar a continuidade “kirchnerista” e abrir unha nova conxuntura política, na que Massa moi probablemente busque erixirse como unha figura referente e de consenso dentro do amplo mosaico peronista. Abertamente distanciado do “kirchnerismo” e, particularmente, da presidenta Cristina K., Massa busca reconverterse nun actor chave non só de cara ao ballotage senón para o próximo presidente arxentino, erosionando o campo electoral “kirchnerista” e tentando consolidarse como unha referencia do peronismo de esquerdas.

Neste sentido, Massa ten instado vehementemente a Scioli a impoñer o seu selo persoal dentro da FpV, afastándose do legado “dos Kirchner” na prosecución dun voto claramente de carácter centrista, en particular das clases medias arxentinas. De cara ao ballotage, as recentes declaracións de Massa semellan coincidir cos postulados establecidos por Macri de propiciar un “cambio político” tras doce anos de “kirchnerismo”, reforzando a perspectiva de apertura dunha fase “post-kirchnerista”.

No caso de Macri, provocar un ballotage a través dun tácito empate técnico de votos con Scioli supón un evidente triunfo político. Tradicionalmente considerado como liberal, Macri e o seu movemento PRO, que forma parte da fórmula electoral Cambiemos, tenta igualmente atraer un voto centrista e incluso de sectores peronistas e de esquerdas presuntamente contrariados pola hexemonía “kirchnerista”. Para iso, o seu discurso electoral manifesta un perfil social claramente destinado a erosionar o piso electoral peronista e “kirchnerista”, inaugurando un estilo “post-neoliberal” que igualmente busca converterse en referente a nivel rexional.

c) O factor K

Paralelamente, e neste contexto de pactos postelectorais, compre tomar en conta a posición da presidenta Cristina Fernández de Kirchner como motor de apoios para Scioli na pretensión de asegurar a hexemonía política do “kirchnerismo”. Consciente da asunción dunha etapa “post-kirchnerista”, a presidenta arxentina tenta calcular as súas cartas políticas en chave electoral, aínda que probablemente orientadas a medio e longo prazo.

A fría actitude de Cristina K na expresión do apoio a Scioli durante a campaña electoral da a entender o distanciamento político entre ambos, a penas disimulado pola presenza da presidenta arxentina en diversos actos electorais de Scioli. Imposibilitada constitucionalmente de presentarse a un novo mandato, aspecto evidenciado trala perda de maioría absoluta parlamentaria por parte da FpV nos comicios lexislativos de 2013, en gran medida fraguado pola ruptura provocada por Massa e a FR dentro do “kirchnerismo”, a presidenta arxentina nunca amosou entusiasmo polo liderado de Scioli, cunha posición política que aparentemente afastábase dos postulados esenciais do “kirchnerismo”. Non obstante, e de cara ao ballotage, Cristina K pode alterar substancialmente este clima de frialdade implicándose a fondo na campaña de captación de apoios de Scioli, coa finalidade de tentar manter a hexemonía da FpV nesta etapa “post-kirchnerista”.

O realismo político de Cristina K permítelle manexar diversas variables a longo prazo. Coñecedora da frontal oposición de Massa e dos seus aparentes achegamentos con Macri, a presidenta arxentina pode transversalmente apostar polo desgaste de Scioli, sexa de cara ao ballotage ou incluso no caso eventual de que o candidato da FpV poida gañar a presidencia, coa finalidade de reconducir o “kirchnerismo”, sexa baixo o seu liderado ou ben a través dun posible relevo xeracional.

Así, Cristina K (63 anos) podería calcular o seu hipotético retorno á area política unha vez deixe a presidencia o próximo 10 de decembro. En mente están os comicios lexislativos previstos para 2017, onde aparentemente podería postularse como senadora, así como nas eleccións presidenciais 2019, toda vez o denominado “cristinismo” conserve o seu poder dentro do “kirchnerismo” e da FpV. Caso contrario, a presidenta arxentina podería potenciar a candidatura do seu fillo Máximo Kirchner (38 anos), recentemente elixido deputado nas eleccións PASO realizadas en agosto pasado pola provincia de Santa Cruz, berce político dos Kirchner. A carreira política de Máximo Kirchner comezou como presidente de La Cámpora, a escola ideolóxica xuvenil do “kirchnerismo”, e actualmente preséntase como un firme sucesor do legado “kirchnerista”.

Convencida de que o “kirchnerismo” recreou un novo suxeito político dentro da sociedade arxentina, cooptando no seu movemento a diversos sectores provistos ata agora de escasa representatividade política, a presidenta Cristina K manexará toda serie de equilibrios políticos moi probablemente centrados en recuperar a hexemonía “kirchnerista”, sexa neste ballotage a través de Scioli ou mais ben probablemente de cara aos próximos comicios lexislativos de 2017. Igualmente, está por ver se o previsible “post-kirchnerismo” en fase progresiva poderá igualmente conservar e ampliar as súas lealdades e apoios políticos e electorais a través de novos actores e liderados.

d) Un péndulo movéndose á dereita

Dende unha perspectiva hemisférica, o pasado 25 de outubro foi unha prolífica xornada electoral en América Latina: segunda volta presidencial en Haití e Guatemala; primeira volta presidencial na Arxentina; e municipais en Colombia. En todos eles, o avance da dereita, particularmente a través de novos liderados, semella intuír a posibilidade dun novo ciclo político rexional.

Con Macri encarando a Casa Rosada e as vitorias do seu partido PRO na alcaldía e na provincia de Bos Aires, outros partidos de dereita e centrodereita están gobernando ou alcanzando o poder nas principais capitais e cidades latinoamericanas. Nos comicios municipais colombianos apreciouse a vitoria do independente Enrique Peñalosa na Alcaldía de Bogotá, acabando cunha década no poder do esquerdista Polo Democrático. Esta perspectiva de gobernos de dereita a nivel local terá unha forte repercusión para diversos gobernos de esquerda a nivel hemisférico, aspecto no que a eventual vitoria de Macri no ballotage arxentino significaría o primeiro triunfo dun candidato conservador trala apertura do ciclo progresista e de esquerdas a nivel rexional iniciado en 1998.

Como Xefe de Goberno da Cidade de Bos Aires desde 2007, Macri pode ser o primeiro candidato de dereitas en derrotar a un goberno de esquerdas dende o comezo da vaga de gobernos progresistas na rexión a partir da vitoria de Hugo Chávez en Venezuela (1998) Precisamente, as eleccións arxentinas gravitarán substancialmente nos comicios lexislativos previstos para o próximo 6 de decembro en Venezuela, onde a oposición pode obter a súa primeira gran vitoria electoral fronte ao “post-chavismo” encabezado polo presidente Nicolás Maduro. Outro estratéxico escenario electoral a medio prazo que dirimirá este pulso político serán as presidenciais peruanas (xuño de 2016)

Tampouco debe esquecerse a constante presión e tensión política en Brasil no relativo ao eventual impulso dun impeachment contra a presidenta Dilma Rousseff. En perspectiva rexional, o ballotage arxentino definirá a potencialidade de apertura dun novo ciclo político, onde a reconversión de liderados dentro das forzas conservadoras e liberais a nivel rexional, con Macri á cabeza, pode deseñar unha alternativa política e electoral.

IGADI. 30 de outubro de 2015.