images publicacions IgadiPaper63

IgadiPaper nº63

Escocia: independencia en tempos de crise?
(09/2011)

Escocia: independencia en tempos de crise?

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper63As eleccións municipais celebradas o pasado 5 de maio en Gran Bretaña e autonómicas en Escocia, Gales e Irlanda do Norte, abriron un novo panorama político que, no caso escocés, suxire importantes cambios políticos.

Foi precisamente en Escocia onde se traduciu o maior impacto destas eleccións. O ata agora partido gobernante en minoría en Edimburgo, o nacionalista Scottish National Party (SNP), liderado por Alex Salmond, obtivo unha inesperada e histórica maioría absoluta que lle permitirá gobernar en solitario no período 2011-2015. Dun total de 129 escanos no Parlamento de Holyrood en Edimburgo, o SNP obtivo 69, ampliando en 23 os alcanzados nas eleccións de 2007. Por contra, a maior derrota electoral correu a mans do Partido Liberal-Demócrata, que perdeu 12 dos seus 17 escanos en Holyrood, así como o Partido Laborista, que quedou como segunda forza con 37 asentos, 7 menos ca nos comicios precedentes. Pola súa banda, os conservadores perderon cinco escanos, quedando con 15 representantes parlamentarios.

Deste modo, o SNP logrou un importante triunfo electoral que revitaliza con maior forza, as súas demandas de autogoberno con respecto a Londres, principalmente orientadas á eventual celebración dun referendo independentista en Escocia. Abordando este envite electoral en clave local, o SNP logrou situar estas eleccións fóra da marxe de influencia de Londres, en detrimento das opcións laboristas e dos conservadores británicos, os cales recibiron un severo correctivo electoral e político.

O triunfo do SNP suxire tamén unha contundente resposta aos recortes do estado do benestar manifestados no mantemento da política neoliberal aplicada desde Londres polo actual primeiro ministro conservador David Cameron, claramente identificada cos tempos da ex primeira ministra Margaret Thatcher (1979-1990). Unha resposta que tamén afectou electoralmente ao seu socio gobernamental, o partido Liberal-Demócrata. Deste modo, en tempos de crise económica, a alternativa política do SNP potenciará o seu proxecto de referendo independentista, moi probablemente a celebrarse na segunda metade do seu próximo mandato, após 2013.

b) A hora do SNP

Independentemente do fracaso electoral do laborismo, dos conservadores e dos liberal-demócratas, a contundente vitoria electoral do Scottish National Party (SNP), alcanzando a maioría absoluta nas eleccións autonómicas escocesas celebradas o pasado 5 de maio, consolida a esta formación como a principal forza política e electoral en Escocia, dando a entender un proceso de madurez política traducido nunha imaxe de seriedade e capacidade de xestión administrativa, anteriormente acreditada durante o seu mandato no período 2007-2011, cando gobernou en minoría.

 Así, neste novo período de goberno ata o 2015, o SNP, co seu primeiro ministro Alex Salmond, intensificará as demandas cara Londres dun maior autogoberno, expostas tralo proceso de Devolución iniciado en 1997 e que deron paso, dous anos despois, á celebración das primeiras eleccións autonómicas ao Parlamento escocés. Nas eleccións de 2011, o SNP logrou superar a intención de voto inicialmente favorable aos laboristas e, incluso, practicamente monopolizar o voto do terzo de indecisos que as principais enquisas estimaban de cara a estes comicios autonómicos.

Por tanto, neste novo período 2011-2015, o SNP poderá ampliar diversos aspectos primordiais do seu programa político, como a defensa do idioma gaélico, en contra da imposición histórica do inglés, así como do acervo cultural, universitario e industrial escocés. Paralelamente, o programa do SNP implica a defensa doutros intereses escoceses, especialmente en materia enerxética, de seguridade e política exterior, tales como a reivindicación de controlar financeira e economicamente os beneficios do petróleo situado en augas escocesas no Mar do Norte, o rexeitamento da presenza dos submarinos nucleares británicos nas costas escocesas e, incluso, a discusión sobre o mantemento de Escocia dentro de organismos internacionais como a OTAN e a Unión Europea.

Non obstante, Salmond e o SNP exhiben unha posición igualmente pragmática no que atinxe ás competencias de autogoberno para Escocia. A súa idea de independencia pasa por controlar a execución de todas as competencias gobernamentais e os recursos económicos escoceses, pero aínda manténdose baixo a autoridade estatal da monarca británica Isabel II.

No seu próximo período, a axenda de Salmond e o SNP barallarán as diferentes opcións para celebrar a consulta independentista, sen descoidar a busca de mecanismos de solución á crise económica. Durante a campaña electoral, anunciou a conxelación dos impostos municipais ata 2016 e unha reforma do sistema enerxético escocés, coa finalidade de potenciar o consumo de enerxías renovables na próxima década.

No caso do referendo sobre a independencia, que o SNP non conseguiu levar adiante durante a anterior lexislatura pola súa condición de goberno en minoría, cabe sinalar que nesta oportunidade o SNP dispón dos mecanismos parlamentarios suficientes para levalo a cabo, con toda probabilidade na segunda metade deste mandato, a partir do 2013. Amparado na súa maioría electoral, o SNP espera tamén gañar os apoios necesarios a través de Margo MacDonald, líder dos independentes ex-SNP, así como cos dous escanos parlamentarios dos ecoloxistas dos Verdes, como mínimo.

Non obstante, a limitación de poderes do Parlamento escocés con respecto a Londres será un factor primordial a tomar en conta polo SNP, en especial no relativo á aprobación de emendas constitucionais relativas á Acta de Unión de Escocia e Inglaterra de 1707, así como en aspectos chave deste Tratado de Unión que non poderán ser emendados polo Parlamento de Holyrood. No documento de proposta de referendo de independencia elaborado polo SNP en xaneiro de 2010 estipúlanse dúas opcións: unha maior amplitude da “devolución” de poderes iniciada en 1999; ou ben considerar se esta “devolución de poderes” poderá alargarse ata conseguir a independencia de Londres.

c) Castigo a liberais e conservadores

Por contra, e ante o acerto do SNP de encarar estes comicios autonómicos en clave “plenamente escocesa” e non británica, esta sempre tendente a favorecer os intereses de Londres, os auténticos perdedores destas eleccións escocesas foron o Partido Conservador de David Cameron, actualmente gobernante na capital londinese pero practicamente “marxinado” no contexto político escocés.  Igualmente, os seus socios de goberno en Londres, os liberal-demócratas liderados por Neil Clegg, recibiron un forte golpe electoral que, potencialmente, obrigaranlles a reformular o seu programa e as súas alianzas políticas como socios de Cameron.

Nestas eleccións, os liberal-demócratas manifestaron un marcado “divorcio” entre a súa cúpula e as bases, moi probablemente mais viradas cara a esquerda, en aberta oposición ao programa económico neoliberal e de recortes sociais defendido por Cameron, de marcada inspiración “thatcherista”. O fracaso liberal supuxo o seu peor resultado electoral dende a súa fundación en 1980, coa perda de 600 concelleiros nos comicios municipais en Inglaterra, así como de 13 parlamentarios nas eleccións autonómicas de Escocia e un en Gales. Particularmente notoria foi a perda de circunscricións electorais tradicionalmente votantes dos liberais, como a inglesa Sheffield, onde Clegg é representante parlamentario. Noutros enclaves, como Bristol ou Hull, practicamente desapareceron do mapa político.

Este apoio dos liberal-demócratas aos conservadores, en especial no caso das controvertidas reformas educativa e sanitaria impulsadas por Clegg, pasáronlle unha forte factura electoral. Cabe sinalar que estas reformas foron rexeitadas tras unha consulta interna ás bases deste partido. Paralelamente, o fracaso liberal foi máis acentuado no caso da súa pretendida reforma do sistema electoral para adecualo a un sistema máis representativo, unha proposta firmemente impulsada por Clegg e que foi sometida a votación nestas eleccións: un cómputo global de 68,6% dos votos en Escocia, Gales, Inglaterra e Irlanda do Norte, rexeitaron esta reforma electoral, o cal practicamente sepulta esta proposta a curto e medio prazo.

No caso do laborismo, liderado dende Londres por Ed Miliband e que actualmente constitúe a única alternativa de goberno ao SNP en Escocia, obtén neste territorio o seu peor resultado desde a Devolución de poderes en 1999, un proceso político do que os propios laboristas amosaron pouca confianza durante a súa campaña electoral,  apostando por un discurso elaborado en clave “británica”, con claras pretensións de orientalo a un eventual retorno ao poder en Londres. Deste modo, o laborismo fracasou estrepitosamente á hora de axitar a pantasma do medo escocés ao conservadorismo e, incluso, ao independentismo, un aspecto que probablemente supuxo un estímulo para votar ao SNP.

Non obstante, no contexto das eleccións municipais inglesas, o laborismo logrou recuperar distritos anteriormente perdidos, principalmente polo rexeite popular ante o apoio do ex primeiro ministro laborista Tony Blair ás guerras en Iraq e Afganistán. Minimizando a derrota laborista en Escocia, Miliband logrou imprimir un discurso de “resurrección” do laborismo en Inglaterra, probablemente mobilizado pola crise económica. Diversas sondaxes consideran que a repartición de poderes tras as eleccións municipais británicas amosa certa recuperación dos laboristas, os cales alcanzaron un 37% dos votos, dez puntos porcentuais máis ca nas eleccións xerais de 2010. Pola súa banda, o Partido Conservador mantén un 35% dos votos nas municipais, mentres os seus socios liberal-demócratas caerían ata o 15% dos votos.

A clave económica constituíu claramente un factor primordial á hora de explicar o contundente triunfo electoral do SNP. A progresiva política de recortes sociais iniciada desde 2009 por parte da coalición conservadora e liberal-demócrata gobernante en Londres, instadas polo discurso da crise económica e das recomendacións das autoridades económicas e financeiras internacionais e a Unión Europea, terá unha forte oposición por parte do SNP en Escocia, oposición que pode viabilizar socialmente a súa demanda independentista como alternativa política eficaz para remontar a crise económica.

d) Coalicións en Gales e Irlanda do Norte

Consolidado o SNP en Escocia, outros escenarios políticos e electorais se presentaron nos comicios autonómicos en Gales e Irlanda do Norte. No caso galés, os laboristas conservaron o seu goberno, alcanzando 30 escanos parlamentarios, aínda que un menos con respecto ás eleccións anteriores. Deste modo, o líder laborista galés, Carwyn Jones, salientou a necesidade de buscar aliados e socios de goberno en Cardiff.

Pola súa banda, o partido nacionalista galés, o Plaid Cymru, non logrou o mesmo éxito ca o seu similar escocés, perdendo catro escanos e quedando con 11 parlamentarios. Se ben os conservadores quedaron como a segunda forza política en Cardiff, con 14 parlamentarios, gañando dous escanos, o seu principal líder Nick Bourne non foi elixido. Mentres, os liberal-demócratas confirmaron o seu fracaso electoral, perdendo un escano para quedar con cinco parlamentarios. A líder dos liberais galeses, Kirsty Williams, manifestou o seu apoio a un goberno de coalición cos laboristas.

En Irlanda do Norte, e a pesar dun elevado abstencionismo estimado en torno ao 60%, os comicios autonómicos nos 18 distritos electorais evidenciaron a hexemonía política do unionista e protestante Partido Democrático Unionista (DUP), do actual primeiro ministroPeter Robinson con 28 deputados; e dos nacionalistas católicos do Sinn Fein, con 19 deputados, ambos socios no goberno da Asemblea Autónoma de Stormont en Belfast. Nalgúns importantes distritos electorais, o Sinn Fein incluso superou en número de votos e de escanos ao DUP.

IGADI, 12 de maio de 2011