images publicacions IgadiPaper70

IgadiPaper nº70

Somalia: crise humanitaria e inestabilidade no Corno de África
(16/2011)

Somalia: crise humanitaria e inestabilidade no Corno de África

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper70A sorprendente retirada militar da milicia islamita Al Shabaab a comezos de agosto, tras fortes combates polo control da capital somalí Mogadiscio enmarcada dentro dunha conxuntura que fortalece a autoridade do Goberno Federal de Transición (GFT), engade un factor político inédito ao inestable escenario somalí e do Corno de África, determinado pola oficialización por parte de Nacións Unidas da peor crise humanitaria das últimas décadas, e que afecta ó redor de 13 millóns de persoas, produto das secas, da fame e da inestabilidade política e militar.

Frecuentemente presentado como un exemplo de “Estado fallado”, Somalia convértese así no país do Corno de África máis afectado por unha crise humanitaria que, segundo a ONU, se intensificará nos próximos meses, tradicionalmente os de maior sequidade atmosférica, ameazando así con incrementar o número de refuxiados e vítimas mortais a través de diversas epidemias.

Un escenario que empeoraría na medida en que a milicia Al Shabaab, afiliada desde 2007 á rede Al Qaeda, concrete nas próximas semanas a renovación da súa ofensiva militar contra as tropas do GFT en Mogadiscio, apoiadas estas por continxentes militares da Unión Africana. Velaí a necesidade da ONU e, especialmente de EE.UU, de fortalecer política e militarmente a lexitimidade do GFT, co cometido de expulsar á principal milicia islamita que afecta os intereses occidentais na rexión do Corno de África.

Afectados pola seca e o conflito político e militar, un total de 100.000 refuxiados chegaron a Mogadiscio nos últimos dous meses, complicando un panorama xa de por si delicado, á vista da tardía e tímida actuación da comunidade internacional no envío de axuda humanitaria. Desde xaneiro de 2010, a milicia Al Shabaab non permite a entrada das ONGs e axencias humanitarias internacionais ás zonas do Sur de Somalia que están baixo o seu control. Ás dificultades de acceso da axuda humanitaria internacional súmase a posibilidade de expansión da crise humanitaria somalí a países limítrofes como Etiopía e Kenya.

b) Baixo as secuelas da fame

O pasado 28 de xullo, a Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU recoñeceu a existencia dunha crise humanitaria que afecta, aproximadamente, a 2.800.000 persoas nas rexións do Sur de Somalia, controladas pola milicia islamita Al Shabaab. Dende entón, a ONU sinalou a Somalia como “a peor crise humanitaria de África”.

Expandida a nivel rexional, esta crise humanitaria afectará, aproximadamente, a 13 millóns de persoas tanto no Corno de África como en África Oriental, principalmente polos casos de refuxiados asentados en campamentos das aforas da capital somalí Mogadiscio, así como noutras rexións somalís. Paralelamente, e segundo a Axencia da ONU para os Refuxiados (ACNUR), países veciños como Etiopía e Kenya reciben diariamente ó redor de 1.500 persoas que escapan do conflito somalí. A gravidade da situación levou ao presidente estadounidense Barack Obama a prometer unha axuda humanitaria valorada en US$ 105 millóns, destinada a “paliar a fame dos somalís”.

O pasado 6 de agosto, e tras fortes combates en Mogadiscio, o Goberno Federal de Transición (GFT), no poder desde 2004 e recoñecido pola ONU e outros países como a única entidade política e gobernamental lexítima en Somalia, logrou conter e expulsar unha ofensiva das milicias de Al Shabaab, exercendo o seu control na capital somalí grazas, igualmente, ao apoio de forzas da Unión Africana (AMISOM). Non obstante, o voceiro do grupo islamita, Alí Mohammud Rage, asegurou que esta constituía unha “retirada táctica” coa finalidade de prepararse para unha nova ofensiva. Unha afirmación que atopou eco incluso no propio enviado da ONU en Somalia, Augustine Mahiga, quen asegurou que a declaración de Al Shabaab non debía ser “subestimada”.

A retirada de Al Shabaab de Mogadiscio supón un punto de inflexión importante para o GFT, a ONU, a Unión Africana e, incluso EE.UU, á hora de tentar estabilizar Somalia baixo un control estatal unificado, tras décadas de conflitos internos e ausencia de autoridade central. Deste modo, a ONU espera fortalecer a autoridade e lexitimidade do GFT a través dunha fráxil rede institucional que, mais ben, está determinada pola necesidade do garantirse o volátil apoio de diversos “señores da guerra” e milicias contrarias á preponderancia de Al Shabaab e doutras milicias islamitas, anteriormente integradas en torno á Unión de Tribunais Islámicos (UTI), en conflito co GFT desde 2006.

Tras o recoñecemento da crise humanitaria somalí e ante a estratéxica vitoria militar do GFT sobre a milicia Al Shabaab, o Consello de Seguridade da ONU instou aos diversos grupos armados a permitir a entrada de axuda humanitaria internacional a Somalia. Esta decisión vai claramente dirixida a persuadir a Al Shabaab de permitir a entrada dunha axuda que ven tardiamente. Desde xaneiro de 2010, a milicia islamita non permite a entrada de axencias internacionais de axuda humanitaria nos territorios do Sur de Somalia que están baixo o seu control e que, de feito, constitúen unha especie de territorio politicamente escindido do control do GFT en Mogadiscio.

Non obstante, moitas axencias humanitarias internacionais critican a actitude da ONU e, particularmente, de EE.UU, ante o conflito somalí. Desde 2006, e co aval da ONU, Washington alentou a invasión etíope de Somalia, así como de tropas mercenarias de Uganda e Burundi, coa finalidade de apuntalar a autoridade do GFT e de expulsar aos islamitas agrupados en torno á UTI, da que a milicia Al Shabaab separouse posteriormente en 2007 para afiliarse á rede Al Qaeda. Adoptando a ideoloxía “salafista yihadista” de Al Qaeda, a milicia islamita somalí avoga dende entón pola creación dun Estado islámico de corte wahabbita en Somalia.

Intervindo directamente no delicado conflito somalí, Washington contribuíu paralelamente ao fortalecemento de Al Shabaab no Sur de Somalia, dificultando así o labor das axencias humanitarias que xa dende entón alertaban sobre unha inevitable crise humanitaria nesa rexión. Por tanto, a guerra directa entre as forzas especiais de EE.UU e de países aliados como Etiopía, contra Al Shabaab contribuíu a intensificar unha crise humanitaria azoutada paralelamente pola peor seca das últimas décadas na rexión, incrementando un delicado panorama humanitario que afecta, igualmente, a outros países veciños como Etiopía, Djibuti e Kenya.

Paralelamente, diversas axencias internacionais denuncian as constantes violacións e abusos sexuais contra a poboación civil, cometidas por mercenarios e membros de milicias armadas, un cadro delicado tendo en conta a alarmante proliferación do virus do HVI/SIDA na África subsahariana. Pola súa banda, a ONG  Human Rights Watch (HRW) denunciou recentemente a persistencia de abusos contra os dereitos humanos e a poboación civil somalí, cometidos pola milicia Al Shabaab, o GFT, as forzas da Unión Africana asentadas en Somalia (AMISOM) e outras milicias apoiadas por Etiopía e Kenya. Segundo HRW, a impunidade destes delitos incrementa a inseguridade somalí, tamén fracturada pola proliferación de bandas de delincuentes en Mogadiscio e outras localidades.

A mediados de agosto, a Organización Mundial da Saúde (OMS) alertou sobre a expansión da epidemia do cólera nos campamentos de refuxiados somalís en Mogadiscio, no Sur e na veciña Kenya. O ACNUR considera que nos últimos meses, aproximadamente 500.000 somalís fuxiron da violencia e da fame en Mogadiscio e no Sur, principalmente cara os campamentos de refuxiados de Dadaab (Kenya).

c) Cara a “afganización” rexional?

  A pesar do estratéxico revés militar de Al Shabaab en Mogadiscio, resultará difícil para o GFT alcanzar un goberno de unidade nacional e estabilizar un país lastrado por décadas de conflitos militares internos e de frecuentes crises humanitarias. Excesivamente dependente do apoio exterior e de diversos “señores da guerra” provenientes de clans étnicos e tribais dotados de milicias armadas en moitos casos enfrontadas entre si, Somalia semella reproducir no Corno de África un escenario similar ao actualmente existente en Afganistán. 

Esta perspectiva de “afganización” do conflito somalí aborda riscos de seguridade importantes para o Corno de África. Países veciños de Somalia como Etiopía e Kenya, ambos aliados estratéxicos de Washington na rexión, impulsan o fortalecemento do GFT como a autoridade central lexítima de Somalia que, estratexicamente, reproduciría tamén os respectivos intereses políticos de Addis Abeba e Nairobi dentro do escenario somalí. A implicación destes países no conflito somalí é evidente nos últimos anos, en especial por albergar a milleiros de refuxiados.

Igualmente, EE.UU observa con especial interese a situación no Corno de África, por albergar esta rexión a redes e redutos afiliados a Al Qaeda, tales como a milicia islamita somalí Al Shabaab. O obxectivo de Washington é evitar unha expansión destas redes dentro dun plano estratéxico como África Oriental, o Golfo de Adén e o Golfo Pérsico, escenarios onde tamén a proliferación da piratería outorga importantes riscos para a seguridade dos intereses occidentais. Velaí a necesidade de Washington de consolidar política e militarmente ao GFT, aínda que este constitúe unha plataforma de difícil unificación, por incluír a diversos clans familiares, étnicos e tribais, cuxa única matriz de unidade moi probablemente se derive da necesidade de evitar unha islamización radical de Somalia.

Pola súa banda, a milicia Al Shabaab tentará renovar a súa ofensiva militar contra o GFT e outros actores aliados de Washington, certificando así a súa potencialidade como principal milicia armada somalí, con capacidade para “rexionalizar” a súa loita a través da creación de redes de apoio con outros grupos islamitas radicais no Corno de África, especialmente en Kenya, Uganda e Etiopía. Por tanto, o conflito somalí semella converterse nunha guerra asimétrica sostida principalmente por EE.UU e Al Shabaab, milicia que desde xaneiro de 2008 forma parte da lista de organizacións terroristas elaborada por Washington.

Ao tempo que tenta “internacionalizar” a súa presenza rexional, Al Shabaab intensificará os ataques terroristas contra forzas do GFT e da AMISOM asentadas en Mogadiscio, mentres fortalece os seus focos de resistencia no Sur de Somalia. Por tanto, o GFT e a AMISOM tentan consolidar a Abdullahi Yusuf Ahmed, presidente do GFT, como o lexítimo mandatario somalí, un factor claramente similar aos esforzos de EE.UU e da ONU por fortalecer ao presidente afgá Hamid Karzai como a única e lexítima autoridade deste país centroasiático.

O inesperado e posiblemente temporal control do GFT e da AMISOM da capital Mogadiscio supón un punto de inflexión importante para o conflito somalí que, paradoxalmente, non necesariamente sinalará unha inmediata e prolongada estabilidade. O GFT deberá gañarse non só o apoio político doutros “señores da guerra” senón un apoio popular claramente dividido, tendo en conta que moitos somalís acusan á policía e milicias do GFT de cometer abusos, e identifícano como un “monicreque” de Etiopía e EE.UU.

Tampouco resulta descartable a posibilidade de futuras secesións territoriais en Somalia, especialmente no caso de consolidación de posicións militares entre o GFT no centro de Somalia e Al Shabaab no Sur do país. O escenario somalí e rexional resulta prolífico en referencias de secesión política e territorial, como son os casos de Puntlandia e Somalilandia con respecto a Mogadiscio ou, recentemente, a independencia de Sudán do Sur, neste caso pola vía dun referendo democrático e popular.

 

IGADI, 18 de agosto de 2011