images publicacions IgadiPaper94

IgadiPaper nº94

A Acción Exterior de Galicia durante o primeiro mandato de Alberto Núñez Feijóo

(18/2012)

A Acción Exterior de Galicia 
durante o primeiro mandato de Alberto Núñez Feijóo

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper94

 

Alberto Núñez Feijóo desenvolveu durante o seu primeiro mandato (2009-2012) unha acción exterior con énfase nalgúns aspectos de certa novidade directamente derivados da situación de crise económica condicionado por unha visión da xestión pública eminentemente pragmática e cunha intencionalidade política desprovista de toda dimensión identitaria. Cabe sinalar que, formalmente, asumiu dende o primeiro momento que o contexto de crise aludido demandaba prestar atención á presenza exterior, nomeadamente –e case exclusivamente- no eido económico-empresarial, o que foi en claro detrimento doutras áreas da proxección exterior.

b) Novos trazos da acción exterior de Galicia

Trala paréntese do bipartito (2005-2009), que formulara unhas Estratexias de acción exterior (2007) que viñeron a complementar o Libro Branco da Acción Exterior de Galicia (2005) elaborado no tramo final do derradeiro mandato de Manuel Fraga Iribarne, Galicia tiña ao seu dispor unha definición consensuada e dotada duns vectores elementais para conducir a acción exterior entendida como unha política transversal sen parangón en ningunha outra comunidade autónoma do estado. O mandato 2009-2012 de Núñez Feijóo suxeriu un novo comezo no que tanto poderían advertirse signos de continuidade como de ruptura, tanto de impulso como de retroceso.

En primeiro lugar, cabe significar unha re-avaliación á baixa da presenza e impacto institucional do exterior que pasou a ligarse case en exclusiva a obxectivos de carácter económico, minguando considerablemente aquela dimensión transversal que tanto atinxía ás diferentes áreas temáticas posibles como ao universo de actores implicados de forma leal e complementaria na condución da acción exterior. A diplomacia económica gañou, formalmente, unha considerable importancia na xestión da acción neste dominio, en detrimento de calquera vocación de impacto como comunidade de seu no exterior.

Esta aposta viuse reforzada polo incremento da influencia das voces que na súa formación política abandeiran diferentes doses de recentralización e que fan identificación da acción exterior das Comunidades Autónomas como un “desbalde” insostible cando non un exercicio deliberadamente contraditorio coa política exterior do Estado ou mesmo de vocación desestabilizadora e ata secesionista. Aínda sen manifestar unha coincidencia plena con estes postulados, a Xunta de Galicia de Núñez Feijóo, en nome da busca dunha maior eficiencia, deu pábulo a discursos e medidas que claramente minusvaloraron a procedencia da acción exterior das entidades subestatais. A este peculiar contra-esforzo sumouse unha campaña mediática empeñada en resaltar as súas hipotéticas incongruencias mentres pasaba con pes de lá con respecto ás múltiples mostras de prácticas decimonónicas tan frecuentemente ancoradas na diplomacia estatal.

Houbo en consecuencia, a diferenza dos trazos reivindicativos do pasado, unha deixación na defensa da idoneidade da acción exterior como política pública integral no contexto actual, actuando maiormente á defensiva fronte á lamentable incomprensión desta necesidade nun mundo globalizado. En efecto, en vez de reafirmar esta estratexia para desenvolvela con medios propios e de xeito leal e eficaz, foise cedendo á presión recentralizadora que sen menoscabo dos axustes precisos, pretendía desmantelar unha acción exterior autonómica a quen se acusaba de duplicidade ou de afán nacionalista devaluador da política exterior española. Foi así que a Xunta de Galicia converteuse nunha das primeiras en subscribir acordos co goberno central para acomodar as delegacións da Xunta no exterior nas embaixadas do Estado, acordo que non sempre terá doada aplicación práctica. Mais con independencia diso, a percepción social que se transmitiu é a de que acción exterior galega estaba sobredimensionada, o cal é unha falacia á vista da súa cativa expresión estrutural. A estas alturas, mesmo é incerto o futuro da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas tanto en razón destas circunstancias como das dificultades dalgúns dos seus patróns para garantir o financiamento das súas accións.

En segundo lugar, como expresión do anterior, produciuse unha reavaliación tamén na significación administrativa da acción exterior no organigrama da Xunta de Galicia. A perda de peso da dimensión político-institucional concretouse na dependencia xerárquica do departamento de relacións exteriores e coa UE, que pasaría a integrarse na consellería de Presidencia e non directamente na Presidencia, como viña sendo norma. Lémbrese que nos últimos tempos víñase especulando coa posibilidade de creación dunha consellería de asuntos exteriores que englobara tamén as relacións coa diáspora (que si seguiron dependendo da Presidencia) e outras políticas complementarias. O punto de inflexión non pode ser máis evidente. Esta depreciación administrativa atinxiu tamén ás súas funcións e cometidos, perdendo importancia na definición da axenda exterior do presidente, cedendo protagonismo a favor dos departamentos económicos, en concreto, do IGAPE (o orzamento para as accións de internacionalización pasou de 28 millóns de euros en 2010 a 133,5 millóns de euros en 2012). E, correlativamente, cabe falarmos dunha redución dos seus recursos, que pasaron de 222 millóns de euros en 2010 a 188,1 millóns en 2012.

Unha subdirección xeral acompañou a xestión dunha cooperación internacional ao desenvolvemento progresivamente minguada nos seus recursos e capacidades. O seu horizonte, á espera da revisión do actual Plan Director e deseño do seguinte, semella incerto mentres gañou terreo un dobre discurso: asentimento público respecto á coral de idoneidade destas políticas pero sen correlación orzamentaria efectiva no plano interno.

Esta depreciación do significado burocrático-estrutural da acción exterior influíu negativamente na habilitación de capacidades efectivas para fomentar unha maior converxencia das iniciativas neste eido, dificultándose a coordinación interna e debilitando as posibilidades de aproveitar as respectivas sinerxías.

Ambos os dous aspectos citados converxen nun claro empeño de reducir a significación da dimensión político-institucional da acción exterior, da súa visibilidade e idoneidade, o que marca un retroceso con respecto ao consenso logrado dende o inicio do ciclo autonómico actual, orientación que podería afianzarse nos próximos anos a resultas das políticas predominantes no modelo territorial actualmente en discusión e polas derivas da crise económica.

Este baleiro de contido complementouse coa subseguinte perda de substancia en áreas como as relacións con Portugal. Non se logrou recuperar o terreo perdido neste sentido, reafirmando a condición privilexiada de Galicia na relación co país luso ante o Estado, nin tampouco, coa crise impactando en Portugal de forma intensa, artellar unha axenda en positivo capaz de despexar as sombras que ameazaban a tradicional fluidez bilateral. A Estratexia Europa 2020 da UE puidera brindar unha posibilidade certa para alentar proxectos conxuntos pero está por demostrar a capacidade de xerar iniciativas de alcance con tan reducidos vimbios. Cabe salientar neste sentido, ante a parálise creada, a asunción alternativa de protagonismo por parte de entidades afíns como o Eixo Atlántico en asuntos de forte impacto social (tanto na normalización das peaxes nas autoestradas como na preservación e modernización do ferrocarril).

No ámbito da AECT (Agrupación Europea de Cooperación Territorial), con sede en Vigo, a actividade centrouse en proxectos como a promoción turística, a instauración dunha plataforma de intercambio de información asociada á futura creación dun Gabinete de Información da Eurorrexión e, por último, o destino dos fondos europeos para o próximo período orzamentario 2014-2020. En referencia a isto último, a intención da Xunta cifrouse en fomentar a creación de partenariados público – privados animando ás administracións públicas a “orientarse cara o mercado”. A Xunta de Galicia pretendeu que a plataforma de cooperación Galicia - Norte de Portugal fora o exemplo a seguir para outras áreas europeas de cooperación transfronteiriza converténdose así no líder da cooperación transfronteiriza en Europa. Esta opción ten posibilidades naturais pero esixen un forte compromiso público e cívico.

Houbo continuidade, en terceiro lugar, na atención ao escenario comunitario, en boa medida asociada á presenza no rexionalismo europeo e ao imprescindible lobby para evitar a perda dos fondos de cohesión do período orzamentario 2014-2020. Este foi, naturalmente, un cometido básico e a el dirixiuse a acción preferente da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. En igual sentido cabe significar a proposta de creación da macrorrexión do suroeste europeo coa finalidade principal de sumar apoios para evitar a perda dos fondos de cohesión.

c) A colaboración co sector privado e  o afrouxamento/reforzamento das capacidades públicas

En cuarto lugar, cabe significar un impulso considerable á colaboración público-privada, especialmente no eido da internacionalización empresarial innovando un modelo que transferiu gran parte do dinamismo e responsabilidade á CEG (Confederación de Empresarios de Galicia), en detrimento do fortalecemento das capacidades propias. A concertación da rede PEXGA (de plataformas empresariais no exterior), aínda en fase de construción, reserva ao IGAPE, afectado nesta lexislatura por unha inestabilidade crónica derivada das denuncias de corrupción e diversas tentativas de refundación, un papel esencialmente tutelar. Non procede demonizar esta colaboración pois sen dúbida é conveniente e necesaria nalgunha medida. O que si é máis cuestionable é o desequilibrio na súa formulación por canto os recursos públicos non contribúen a fortalecer as capacidades tamén públicas en materia de internacionalización.

Outra finalidade destas accións é o fomento das inversións exteriores en Galicia. Os sectores máis destacados nos que a Xunta de Galicia centrou os seus esforzos foron principalmente o naval e o marítimo – pesqueiro, destacando os contratos con Pemex, rodeados dunha lamentable controversia. Por orde de importancia cabe sinalar igualmente o téxtil, o agroalimentario e as enerxías renovables, todos eles considerados sectores estratéxicos para Galicia. En relación co sector naval deben destacarse tamén os acordos coa industria uruguaia tanto no referente ás labores de asesoramento para a formación do clúster naval uruguaio como para futuros contratos de construción naval que poidan celebrarse cos países do Mercosur.

No que respecta ás áreas prioritarias, cómpre sinalar que China e Brasil foron os dous territorios que se identificaron ao inicio da lexislatura como preferentes, principalmente en razón do seu potencial económico. A propósito de Brasil chegaron a desenvolverse diferentes accións relativas á potenciación da presenza empresarial galega neste territorio a través de misións comerciais organizadas polas Confederacións de Empresarios de Galicia, e tamén algunhas iniciativas culturais a través do Consello da Cultura Galega. Pola súa banda, China foi a gran esquecida (aínda está en perspectiva a apertura da primeira oficina PEXGA neste país).

No eido da cultura, debe destacarse que foron manifestamente escasas as accións desenvolvidas. Núñez Feijóo visitou Arxentina en decembro de 2009 coa finalidade de “estreitar lazos culturais” e para promover o Ano Santo 2010... Houbo dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística intentos dun maior achegamento á área lusófona e tamén de reavaliación dos lectorados, pero con escaso éxito. A Cidade da Cultura, por outra banda, erixiuse como símbolo da proxección de Galicia e da súa cultura cara ó exterior (e tamén como Embaixada Cultural de Iberoamérica en Europa). Pero neste plano, case todo está por facer. Se a industria cultural galega ansía promoverse no exterior sen dúbida debe tomar por si mesma as rendas do proceso, reclamando un trato público equiparable a outros sectores económicos.

No eido da diáspora, mantivéronse nos mínimos as constantes vitais nun contexto de perda da significación político-electoral dos residentes ausentes sen mostrar capacidade algunha para lograr ese impulso que nos permitira tirar proveito efectivo dun capital relacional tan importante na sociedade internacional contemporánea. Sen completar de todo o proceso de modificación da normativa sobre galeguidade e á expectativa dunha nova reforma electoral, seguimos á espera dun cambio de paradigma na visión da emigración que faga valer as súas potencialidades.

d) O Consello de Acción Exterior de Galicia

En quinto lugar, a ilusión xerada pola creación do CAEX como instrumento de participación e potenciación da acción exterior mediante a colaboración público-privada, amosou no seu funcionamento os límites desta cultura de traballo en Galicia que tantas veces se resume nunha instrumentalización para a galería de escaso percorrido práctico.

Nin o documento guía elaborado ao pouco da súa constitución serviu de auténtica guía, nin os seus grupos de traballo (relacións con Portugal e cooperación transfronteiriza, relacións coa UE e internacionalización) foron realmente operativos. Isto obriga a repensar este organismo para dotalo dunha maior vitalidade e capacidade de incidencia tanto no plano discursivo como avaliador da acción exterior de Galicia, especialmente en momentos en que a paradiplomacia está a ser cuestionada desde diferentes ámbitos e require dotala dunha sólida argumentación, tanto teórica como práctica.