"PALESTINA: A traxedia permanente (1947-2024). Unha chamada para espertar a Europa" (Prof. Bichara Khader)

“PALESTINA: A traxedia permanente (1947-2024). Unha chamada para espertar a Europa” (Prof. Bichara Khader)

Prólogo

A solidariedade da sociedade galega coa causa palestina é unha constante da Galicia contemporánea. A súa proxección ten ducias de manifestacións que atravesan a nosa historia ata os nosos días, coa invasión total a Gaza e o proceso en curso por xenocidio contra Israel na Corte Penal Internacional.

Nesta historia, o percurso do nacionalismo galego ten un peso específico, mais a solidariedade con Palestina atravesou o conxunto da nosa sociedade nas últimas décadas. Este proceso non veu da nada, senón de múltiples factores interligados, precipitados a medida que Israel intensificaba os distintos métodos de castigo ao pobo palestino durante o s.XXI, eliminando as posibilidades dunha solución dialogada ao conflito. 

A solidariedade galega con Palestina, non exenta de matices e diverxencias, vai dos partidos políticos con presenza parlamentar aos extraparlamentarios, dos sindicatos ás ONGD´s ou ao mundo da cultura, da medicina, do xornalismo ou do profesorado galego. Nesta historia destacan, entre outros, axentes privados como a Fundación Araguaney ou hoxe en día, plataformas de activismo político de corte internacionalista como Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Asociación Galaico Árabe Jenin ou BDS Galiza.

Esta solidariedade é hoxe así, transversal á nosa sociedade, chegando á súa institucionalización desde que a nosa Comunidade Autónoma (unha nacionalidade histórica no marco constitucional español e recoñecida como tal no noso Estatuto de Autonomía de 1981) vertebrou un ecosistema propio de acción exterior.

Neste sentido cómpre observar como a solidariedade con Palestina está presente na Estratexia Galega de Acción Exterior ou nos Plans Directores da Cooperación Galega (Xunta de Galicia), no proxecto histórico do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (rede da Administración local galega conformada por máis de 100 entidades locais) ou na dinamización de proxectos de cooperación, moi diversificados, desde as tres universidades galegas (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e Universidade da Coruña).

Esta dinámica de solidariedade e de denuncia da situación do pobo palestino alcanza o seu punto máis álxido hai unha década, no mes de novembro do ano 2014, cando a totalidade do Parlamento Galego apoiou a Declaración institucional sobre o recoñecemento do Estado de Palestina.

Así as cousas, a edición en galego deste ensaio de Bichara Khader, arredor das relacións entre Europa e Palestina desde 1948, é unha pinga máis desa corrente de irmandade entre Galicia e Palestina. O IGADI, que de sempre acompañou as distintas expresións colectivas internacionais da sociedade galega, aspira a que a edición do texto na nosa lingua dote de ferramentas sólidas para o coñecemento e o debate arredor da cuestión palestina.

Desde este recuncho europeo do Atlántico teimamos por unha sociedade internacional que enterre definitivamente o racismo e as inercias coloniais con solucións orixinais. Estas solucións priman a cooperación sobre o conflito guiadas polos principios fundacionais das Nacións Unidas, coidando as interdependencias dun planeta que acolle unha soa humanidade.

Bichara Khader

Belga de orixe palestina (Zababdeh, Palestina, 13 de febreiro de 1944) , Bichara Khader é o fundador do Centro de Estudos e Investigacións sobre o Mundo Árabe Contemporáneo da Universidade Católica de Lovaina (Bélxica), onde foi profesor na Facultade de Ciencias Políticas e Económicas ata a súa xubilación e na que foi nomeado profesor emérito.

A súa investigación centrouse nas relacións euromediterráneas, euroárabes e europalestinas, sobre as que publicou máis de 30 traballos e centos de artigos. É membro do Comité de Expertos Sénior en Seguridade Europea (Comisión Europea) e membro dos Grupos de Expertos Sénior en Diálogo Cultural (Presidencia Europea). Actualmente é profesor visitante en varias universidades árabes e europeas.

É investigador asociado do IGADI e parte do Consello Científico da revista académica do IGADI, Tempo Exterior. Entre as últimas colaboracións co IGADI destacan a participación no número 44 do Tempo Exterior (xaneiro-xuño 2022) co artigo “Cuestións xeopolíticas despois da retirada de Estados Unidos de Afganistán” así como no Infome IGADI Annual Report 2021-2022 “Europa e a cuestión de Palestina (1948 – 2022): Diplomacia declarativa pero desdentada”.

Os seus libros máis recentes son:

  • 1. Le Monde Arabe expliqué à l’Europe, París: Harmattan, 2009 (en francés e español)
  • 2. L’Europe pour la Méditerranée: de Barcelone à Barcelone, 1995-2008, París/Lovaina: Harmattan, CERMAC : Academia-Bruylan, 2009 (francés, árabe e español)
  • 3. Europe and the Arab World (inglés, árabe, español)
  • 4. Lettre à mon frère Naïm Samsa Edition, 2021

Índice

  • Prólogo: Galicia e a cuestión Palestina
  • Quen é Bichara Khader: Presentación do autor
  • 0. Introdución
  • 1. A orixe do problema (1897-1948)
  • 2. A creación de Israel e a primeira Nakba palestina
  • 3. Sentimento de culpa
  • 4. As guerras árabe-israelís de 1967 e 1973: o espertar de Europa.
  • 5. A Segunda Intifada (2000) e as súas consecuencias
  • 6. O colapso do proceso de paz: unha historia prevista
  • 7. O «Acordo do Século» (28 de xaneiro de 2020): a «Declaración Balfour» estadounidense a favor de Israel
  • 8. Os Acordos de Abraham (15 de agosto de 2020)
  • 9. As eleccións israelís do 1 de novembro de 2022 producen un claro vencedor: un «Goberno israelí absolutamente racista
  • 10. O 7 de outubro de 2023 e a destrución de Gaza
  • 11. A reacción do Occidente Global
  • 12. O Día Despois
  • 13. Un Estado, solución de dous Estados, Estado de apartheid ou ningún
  • 14. Conclusións
  • Epílogo

Expresamos o noso especial agradecemento ao profesor Bichara Khader por ofrecernos a posibilidade de traducir o seu ensaio ao galego. Desde hai décadas acompaña e colabora co camiño do IGADI para comprender máis e mellor o mundo árabe e a cuestión palestina. 

  • Coordinación: Daniel González Palau (Director IGADI) e Iolanda Galanes-Santos (Profesora do Depto. de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo e Consello editorial da Revista Tempo Exterior).
  • Tradución do inglés: Isabel Neira Garrido e Rodrigo González Portela (Universidade de Vigo, Facultade de Filoloxía e Tradución).
  • Revisión e corrección lingüística: Ana Iglesias Pérez (Universidade de Vigo)
  • Maquetación: BREO.gal
  • ISBN: 978-84-09-62001-2