Nós no Mundo 2021. Novos tempos para a acción exterior de Galicia

Nós no Mundo 2021

Novos tempos para a acción exterior de Galicia

Nós no Mundo 2021. Novos tempos para a acción exterior de Galicia

 

  1. Presentación: Novos tempos para a acción exterior de Galicia

    1.1. Equipo Informe Nós No Mundo 2020-2021

    1.2. 30 Anos de IGADI

  2. Xacobeo 2021-2022: Oportunidade, reto, responsabilidade e ilusión
    Nava Castro

  3. As consecuencias do Brexit para Galicia
    Serafín Pazos Vidal

  4. A paradiplomacia local galega nos tempos do Brexit: pistas a explorar para unha nova relación coas cidades do Reino Unido
    Tamara Espiñeira

  5. As implicacións do Brexit no Sistema Educativo en Galiza 14
    Diego Sande

  6. Afinal encontramo-nos na União Europeia
    Xosé Carlos Morell

  7. I Informe de cumprimento da Axenda 2030 en Galicia
    Miguel Ángel Martínez Pellitero

  8. Ordenar a acción exterior de Galicia na Década Xacobea?
    Daniel González Palau

  9. A defensa do galego nas institucións internacionais
    Elsa Quintás

  10. Carvalho Calero 2020: o galego, o nosso português, é um elemento multiplicado
    Miguel Penas

  11. Unha lectura feminista a Xeración NÓS
    Encarna Otero


A aprobación da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia o pasado 23 de febreiro deste 2021 no Parlamento e a súa publicación no DOG o 15 de marzo abren un tempo novo para a acción exterior de Galicia. 

A Lei chega despois de décadas de evolución da nosa paradiplomacia, primeiramente desde a Xunta de Galicia e a icónica creación da Fundación Galicia Europa no 1988, a universalización dos Camiños a Santiago e o Xacobeo, a Lei de Cooperación ao Desenvolvemento (2003), o primeiro Libro Branco da Acción Exterior (2004), o desenvolvemento da Eurorexión ou fitos coma a a Lei da Galeguidade no 2013, a Lei Paz Andrade no 2014, ou a aprobación da primeira Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) no 2018. 

A Lei chega tamén despois dunha longa evolución da acción exterior das Cidades, Deputacións e Concellos, que ben por medio da participación en proxectos europeos, irmandamentos, redes de cidades, colaboración coa diáspora, impulso á cooperación ao desenvolvemento, a promoción do turismo ou os esforzos pola captación de investimentos, atesoran xa ducias de experiencias concretas na relación co internacional. 

Máis ala, as Universidades, as empresas e as entidades do tecido sociocultural entraron nas últimas décadas de cheo na globalización, alterando de maneira profunda a natureza do seu día a día, no obxectivo de relacionarse máis e mellor co internacional, coma todos os datos sinalan.

A Lei chega tamén 30 anos despois do nacemento do IGADI, polo que a aprobación da Lei representa para nós un fito particular á hora de pensar a globalización en Galicia e os mecanismos para sermos tan competitivos coma cooperativos na década dos anos 20. Para o IGADI, que desde o seu nacemento impulsou a necesidade de construír políticas públicas de acción exterior con intencionalidade estratéxica para o noso modelo de desenvolvemento, a aparición da Lei debe acompañarse de medidas para ordenar todo o noso capital relacional internacional. 

Nese salto de calidade por construír, a Xunta de Galicia pode e debera de ter un papel protagonista, mais é tarefa de todos os actores da nosa acción exterior apostar por fórmulas cooperativas e mecanismos de coordinación que de feito constrúan esas autopistas de conexión co mundo, en beneficio de todos.

Non é un problema menor para o impulso inicial da Lei o contexto de crise sanitaria produto da Covid-19. Os cambios tectónicos en curso na sociedade internacional, a suspensión radical que a pandemia provocou na globalización durante o 2020 ou a incerteza sobre a evolución da nova normalidade, condicionan a nosa acción exterior e este necesario proceso de ordenación. 

Así as cousas na edición deste ano do informe anual Nós No Mundo, decidimos poñer a atención naquelas cuestións máis inmediatas que deberemos afrontar en relación ao noso posicionamento internacional. Así, o Xacobeo 2021 redefinido en Xacobeo 2021-2022 e a Década Xacobea que acompañará os anos 20, os distintos impactos do Brexit en Galicia, as relacións con Portugal ou a Axenda 2030, acaparan o foco principal do anuario. Ten tamén o Nós No Mundo 2020-2021 espazo para pensar a nosa lingua en Europa e no mundo, así coma un artigo final desde unha lectura feminista do centenario da Xeración NÓS e a súa xenética universalista, trala conmemoración do mesmo celebrado no 2020.

Para despedirnos non temos máis que agradecer a todas as persoas e entidades que colaboraron na elaboración deste anuario a súa boa disposición a participar no mesmo, así coma recoñecer o apoio da Secretaría Xeral de Normalización Lingüística que desde o ano 2010 apoia o impulso desta publicación. Nós seguiremos a darlle corda ao centro da nosa misión constituínte; promover a participación de Galicia na sociedade internacional.

 

  • DIRECCIÓN: Daniel González Palau (Director do IGADI)
  • EQUIPO COLABORADOR: Nava Castro, Serafín Pazos, Tamara Espiñeira, Diego Sande,
  • Xosé Carlos Morell, Miguel Angel Martínez Pellitero, Elsa Quintás,
  • Miguel Penas e Encarna Otero.
  • DIAGRAMACIÓN E EDICIÓN ELECTRÓNICA: BREO.gal
  • ISSN: 1989-9130