Especial Novas Cidadanías: Votar e moito máis (III) “Temos que facer militancia artística, rexeitar as dicotomías. Que ninguén nos diga que se somos unha cousa non podemos ser outra” Entrevista ao director da Orquestra de Instrumentos Autóctonos e Novas Tecnoloxías da Universidade de Tres de Febreiro, Alejandro Iglesias Rossi
Para pensar as novas cidadanías desde outras cosmovisións achegámonos ás artes. Entrevistamos a Alejandro Iglesias Rossi que é músico, investigador, compositor, educador, creador e director da Orquestra de Instrumentos Autóctonos e Novas Tecnoloxías da Universidade de Tres de Febreiro (Arxentina). Formouse nos conservatorios de Boston e París. Foi dúas veces premiado pola UNESCO. Tamén é membro fundador da Rede de Investigación e Creación Musical de América, presidente do Consello Arxentino da Música e vicepresidente do Consello da Música das Tres Américas do Consello Internacional da Música da UNESCO. De orixes galegas, este arxentino traballa incansablemente a favor da cultura musical americana e reivindica a descolonización do pensamento cultural e identitario. Na carreira de Música desa universidade das aforas de Buenos Aires teñen construído os instrumentos representados no pórtico da Gloria para interpretar as cantigas medievais de Martín Códax.






