Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade / ActividadesVolver ó índice
Maremoto en Asia ¿como actuar?
 
 

Ante a catástrofe provocada polo terremoto que sacudiu varios países asiáticos, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, como entidade asociativa do municipalismo galego, pon os seus medios a disposición de todos os Concellos e Deputacións para canalizar a axuda directa ós damnificados.

A nosa conta para emerxencias é a seguinte:

Caixa Galicia Fene: 2091.0209.10.3040019000

Pregamos ás Corporacións locais e provinciais que canalicen as axudas propias, dos seus corporativos, dos seus funcionarios e dos seus traballadores, a traveso desta conta. Deste xeito evitaremos a improvisación e a dispersión de recursos, facilitaremos a entrega directa e máis rápida, melloraremos a súa xestión e reforzaremos o Fondo Galego como instrumento de referencia na vida municipal para impulsar as accións de solidariedade. O Fondo coordinará as axudas recibidas coa Xunta de Galicia e a AECI.

Igualmente lembramos a todos que é de suma importancia contemplar a etapa de reconstrución, cando a nosa axuda pode ser de maior utilidade. Cómpre advertir que, alén da resposta á emerxencia inmediata derivada dos gravísimos danos causados polo terremoto, xurdirán proximamente mil e unha emerxencias silenciosas que soamente poderán ser remontadas cun mínimo de garantías se existe un compromiso sólido e un esforzo estable dos diferentes axentes da sociedade internacional. Neste sentido, efectuamos un sincero chamamento para incrementar, neste e nos próximos anos, os apoios e recursos destinados á cooperación ó desenvolvemento de xeito que, progresivamente, nos aproximemos ó 0,7% dos orzamentos locais.

O Fondo Galego alenta o compromiso da sociedade civil coas víctimas, reforzando a colaboración coas organizacións non gobernamentais e outras institucións para afrontar a reconstrucción da rexión en estreita coordinación cos axentes e institucións das áreas afectadas. O Fondo Galego súmase ás demandas de condonación da débeda externa dos países afectados por estimar que se trata dun mecanismo de primeira importancia para aliviar a dramática situación que se vive en toda a zona e facilitar a súa rápida recuperación.


Máis Información:
Secretaría do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade 986 357 238.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/01/2005
Fernando Pol