Fondo Galego de Cooperación e SolidariedadeVolver ó índice
Plano Estratéxico 2003-2007
 
 

1. Introducción: balance e valoración das estratexias 1999-2003

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pasou o seu ecuador. Superados os primeiros cinco anos, emerxe como unha realidade operativa que suma un significado número de socios, un importante nivel de recursos e, sobre todo, un bo ritmo de execución de proxectos que dan conta do sentido dunha iniciativa que forma parte xa da realidade do municipalismo en Galicia e do panorama da cooperación descentralizada.

Cómpre sinalar, a efectos valorativos, que os grandes obxectivos que nos marcabamos para o período 1999-2003 foron acadados e que moitas das liñas de traballo daquela enunciadas foron cumprimentadas e iniciadas, correspondendo agora un novo impulso que rendabilice adecuadamente o camiño percorrido, sumando máis recursos humanos e económicos a un proxecto para o que a sociedade galega está madura dabondo.


2. Un novo contexto: a lei de cooperación

A aprobación por unanimidade da Lei de cooperación internacional ao desenvolvemento no Parlamento de Galicia senta un precedente importante e proporciona un argumento inapelable para acentuar un cambio de tendencia no compromiso partidario coa cooperación.

O espírito da lei é o mesmo que vertebrou o Fondo hai máis de cinco anos e debe permitirnos achegar máis vontades a esta iniciativa. É o momento de salientar e instituír que facer cooperación en Galicia por parte dos Concellos e Deputacións é sinónimo de participar no Fondo Galego. Esa mensaxe debemos facela chegar a todas as Corporacións aproveitando ese novo impulso.

O Fondo Galego vai cooperar activamente coa Administración galega para asegurar a debida posta en marcha das previsións legais: desenvolvemento regulamentario, constitución dos órganos previstos, etc., priorizando especialmente a extensión do compromiso como paso previo para dotarse dunha estructura burocrática que non responda a unha realidade que debe gañar en riqueza e complexidade.


3. Obxectivos

Os grandes obxectivos que o Fondo Galego define para esta etapa son os seguintes:

3.1. Incremento substancial da base asociativa

Debemos garantir que todos os Concellos de tamaño medio de Galicia estean no Fondo, de xeito que máis das tres cuartas partes da poboación galega participe a través das institucións municipais na xestión de programas e proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

3.2. Incremento significativo da capacidade económica

Debemos actuar en dous sentidos. En primeiro lugar, procurando o incremento de aportacións mínimas dos socios. En segundo lugar, conveniando a transferencia da totalidade das partidas de cooperación das cidades e deputacións e de todos aqueles socios que o desexen reforzando a cooperación entre nós mesmos. Así mesmo, debemos perseverar na liña de cooperación coa Xunta de Galicia e coa AECI, pero asegurando sempre unha adecuada progresión no incremento da aportación dos recursos propiamente locais.

3.3. Mellora da visibilidade e a sensibilización

O labor de sensibilización despregado nos últimos anos foi escaso, por mor da priorización do financiamento de proxectos con vistas a demostrar, pedagoxicamente e con resultados concretos, como con poucos recursos se podían facer grandes actuacións en determinados países. Despois de máis de cinco anos e cunha bagaxe de proxectos executados destacable, é importante que todo ese esforzo reverta en cada un dos asociados en forma de sensibilización, para que poidan transmitir á cidadanía propia o efecto destas políticas. A sensibilización debe ser nos próximos catro anos un capitulo significativo do actuar do Fondo, contribuíndo á mellora da visibilidade do seu traballo e procurando homologar as actuacións desenvolvidas a este nivel e a escala de toda Galicia.

3.4. Institucionalización do Fondo Galego

Como corresponde a unha entidade plenamente asentada, con relacións fluídas a todos os niveis, consolidando as relacións coa Xunta de Galicia e da AECI, non descoidaremos a necesidade de abordar dende a propia estructura da FEGAMP un novo enfoque da problemática da proxección exterior, facendo ver a importancia de abrir unha ruta local do internacional que abranga todos os aspectos relacionados coa acción exterior municipal (irmanamentos, Portugal, Europa) e a cooperación ao desenvolvemento.


4. Liñas de traballo

Dez son as principais liñas de traballo que dende o Fondo Galego nos propoñemos impulsar nos próximos catro anos:

4.1. A creación e formación dunha rede municipal estable de persoal municipal implicado na cooperación ao desenvolvemento

Trátase dun aspecto substancial para que funcionan os vínculos entre os asociados e o Fondo, de xeito que as súas actividades e o conxunto da súa planificación poidan ter un efecto plausible en cada localidade. Contar en cada concello cun traballador público que colabore co Fondo permitirá multiplicar os efectos do seu actuar. O Fondo deberá corresponder a ese esforzo municipal complementado a formación ao nivel adecuado e promovendo iniciativas de sensibilización permanentes e continuadas.

4.2. Abordar un programa de sensibilización continuo e atractivo

Nos últimos anos, as actividades impulsadas neste ámbito tiveron carácter puntual e disperso. É o momento de superar esa eiva, ben con medios propios, ben concertando con terceiros, de xeito que poidamos contar a curto prazo cunha oferta que aproxime o Fondo aos socios e cunha relación enriquecida que vaia máis alá dunha mera transferencia de recursos.

4.3. Máis implicación dos socios no Fondo

Nese mesmo proceso, cómpre buscar as fórmulas máis idóneas para garantir unha maior participación dos asociados en todas as actividades do Fondo. Importa nese sentido, multiplicar as reunións itinerantes que permiten un contacto coas respectivas Corporacións; e abrir un novo capitulo, as misións municipalistas, que faciliten o contacto directo coas colectividades protagonistas da cooperación cos países do Sur.

4.4. Mellorar as publicacións

Ademais do habitual “Infórmate a Fondo”, ata o momento soamente publicamos unha Memoria do Fondo xunto con outras publicacións meramente informativas. Debemos promover máis iniciativas nesta materia, actualizando os recursos existentes e estimulando a súa periodicidade, en especial da Memoria que debería ter carácter, como mínimo, bianual.

4.5. Afortalar a cooperación coas cidades grandes e medias e as deputacións provinciais

A nivel municipalista, son estes actores decisivos dos que depende que o Fondo se converta nun referente cualitativo. Importa por iso reforzar o diálogo cos seus responsables a fin de implementar adecuadamente a Declaración das Cidades e ampliar o seu contido ás Deputacións. Deste xeito, ademais de incrementar a nosa capacidade económica, sobre todo, melloraremos a nosa efectividade e a calidade da cooperación feita desde Galicia.

4.6. Acentuar a cooperación con actores básicos

Tanto ONGDs como partidos políticos deben ser os referentes desta liña de traballo, indo máis alá do estrictamente burocrático para instituír xornadas de encontro nas que periodicamente poidamos intercambiar de maneira distendida puntos de vista e formular iniciativas conxuntas que poidan contribuír á configuración dunha cooperación internacional ao desenvolvemento que responda ás necesidades dos beneficiarios e aos intereses de Galicia, integrando e homologando as súas diferentes expresións, dende os irmanamentos coas municipalidades do Sur ata os programas de sensibilización ou as iniciativas lexislativas.

4.7. Afortalar a capacidade económica do Fondo Galego

O sistema de cotas mínimas foi actualizado. Por outra banda, aínda que moito se avanzou nese sentido, interesa perfeccionar o sistema de recollida das aportacións dos asociados para dispoñer coa maior prontitude dos recursos e poder financiar así os proxectos aprobados. Nesa perspectiva, é fundamental capitalizar o Fondo, de xeito que para abordar a maior complexidade das nosas actuacións contemos cun remanente mínimo e suficiente para atender as funcións de secretaría e dirección técnica.

4.8. Rigor na xestión

Ademais da normalización de todos os aspectos relacionados co respecto da legalidade vixente na materia e recentemente modificada, debemos prestar atención á análise independente da contabilidade do Fondo (auditorías) que deben abrirnos o camiño para solicitar de inmediato a declaración de utilidade pública da entidade.

4.9. Pobreza e acción exterior de Galicia

No marco xeral da loita contra a pobreza, auténtica razón de ser das políticas de cooperación ao desenvolvemento, impulsaremos aqueles marcos xeográficos de maior interese estratéxico de Galicia, excluíndo nesa valoración aspectos de naturaleza comercial instrumental.

4.10. Perfeccionar o traballo da Comisión Executiva

Se trata de conseguir unha maior implicación de todos os seus integrantes e acadar un reparto efectivo de funcións e de responsabilidades.


Santiago de Compostela, a 7 de novembro de 2003.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/11/2003
Fernando Pol