Fondo Galego
Fondo Galego

fondogalego.org
info@igadi.gal
Tel/Fax: 986 357 238
 
Comunicación Volver a Comunicación
Novas do Fondo Galego
 
 
 Abril 2007 

[Índice Novas]

 

Declaración do Fondo Galego
Eleccións Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento

Ante a convocatoria das eleccións locais a celebrar o 27 de maio próximo, a Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade recoñecida pola FEGAMP como axencia municipalista para a cooperación internacional ao desenvolvemento, considera de interese formular as seguintes consideracións:

1. Nesta última lexislatura constatouse un avance importante do tecido solidario do municipalismo en Galicia. Así, o número de entidades asociadas no Fondo Galego medrou de forma exponencial ata sumar case un cento de concellos e deputacións, que representan arredor do setenta por cento da poboación da nosa Comunidade Autónoma.

2. Nesta última lexislatura constatouse un singular aumento da sensibilidade das corporacións locais e provinciais respecto á necesidade de contribuír con fondos propios á loita contra a pobreza e a prol da gobernación democrática nos países do Sur. A tal efecto, contribuíron de forma notable á difusión das iniciativas de sensibilización promovidas polo Fondo Galego que gozaron de ampla receptividade en moitas institucións locais e provinciais.

3. Nesta última lexislatura reforzouse a coincidencia de criterios entre as diferentes Administracións galegas a propósito da necesidade de configurar a cooperación como un eixe esencial da actuación pública, fortalecendo a transferencia de recursos, experiencias e capacidades do poder local galego para mellorar as condicións de vida en comunidades de áreas xeográficas concretas.

4. Nesta última lexislatura asentouse e avanzou a colaboración cos actores da cooperación e moi especialmente coas ONGDs actuantes en Galicia, firmes aliados neste proceso de afirmación do compromiso coa construción dun mundo máis humano e sostible.

5. Todas esas circunstancias sinalan un momento especialmente idóneo para que se produza un salto cualitativo no eido local, de xeito que esta Administración poida acompañar o esforzo que o conxunto da sociedade está a desenvolver, evitando quedarse atrás na plasmación dunha solidariedade efectiva e transformadora.

6. Como en anos anteriores, o Fondo Galego levou aos partidos políticos a mensaxe sobre a necesidade de contemplar este compromiso nos programas electorais cos que concorren aos comicios do 27 de maio. Sabido é que no Fondo Galego, configurado dende o seu inicio como un espazo de encontro, conviven todas as sensibilidades políticas presentes no municipalismo.

7. A solidariedade e a cooperación internacional ao desenvolvemento non pode estar por máis tempo ausente da axenda local coa dimensión requirida. É hora de apostar polo incremento dos recursos destinados á cooperación internacional e de preocuparse por levar adiante unha cooperación de calidade que contribúa de forma efectiva a mellorar as condicións de vida dos seus beneficiarios directos, pero que tamén facilite a complicidade e comprensión social entre nós mesmos. Como acontece no eido ambiental, as fronteiras da pobreza non existen e todos debemos comprometernos para contribuír á súa erradicación. Un mundo desigual é un mundo inestable do que ninguén pode evadirse.

8. O Fondo Galego, avaliando positivamente a lexislatura que agora remata e felicitando a todos aqueles que contribuíron á dinamización da cooperación na nosa Comunidade, URXE un pacto global para que a lexislatura 2007-2011 concrete en Galicia o tempo dunha cooperación alargada, dentro e fóra, que dignifique a nosa presenza neste eido.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2007.



Rede Municipalista Solidaria

Nos meses de abril e maio, terán lugar as primeiras xuntanzas do ano da Rede Municipalista Solidaria, que estarán acompañadas por obradoiros e testemuños solidarios. O eixe central dos encontros entre técnicas e técnicos dos Concellos socios, serán o plan de sensibilización deste ano e as actividades que xirarán entorno ao X Aniversario. Coma sempre, a participación activa de todas e todos é fundamental para dinamizar e dar continuidade ao noso traballo en rede. Para facelo, aquí tedes o noso itinerario solidario:

1ª Convocatoria
Data Área Concello Lugar Enderezo Hora
26/04 1 Tomiño Casa da Cultura Avenida 18 de Julio 12:30
27/04 2-3 Cuntis Casa da Cultura Roberto Blanco Torres 11:00
03/05 4 Culleredo Centro Municipal Servizos Sociais Costa da Lonxa, 7 11:00
04/05 5 Mugardos Salón de Plenos Avenida Galicia 11:00
10/05 6 Ourense Edificio de Servicios Sociais Obispo Carrascosa, 4 12:30
11/05 7 Mondoñedo Por confirmar    



Dez anos do Fondo Galego

O Fondo Galego conmemora en 2007 o seu décimo aniversario. Será unha oportunidade para reflexionar sobre o camiño percorrido, pero tamén para definir as estratexias para o novo período, renovadas en moitas aspectos, tanto no eido directivo –por coincidir coa celebración de novas eleccións locais- como no plano da acción discursiva, que permita acompañar o salto cuantitativo que a cooperación galega está a protagonizar nos últimos tempos.

O Fondo Galego, integrado por un elenco plural de municipios que representan o 70 por cento da poboación galega, asentado como Axencia Municipal para a Cooperación Internacional ao Desenvolvemento, segue comprometido e coa mesma ilusión de hai dez anos para construír un mundo máis digno e humano, predicando e aplicando a cooperación no Norte e no Sur, ensinando e aprendendo, de forma que a transformación material da realidade nos países onde se executan os proxectos que financia non deixe de lado a imprescindible elevación da sensibilidade e conciencia crítica da nosa propia sociedade.



Vacacións con Traballo 2007

No mes de abril, abrimos a convocatoria de tres prazas dirixidas ao persoal técnico das entidades socias, para que viaxen ao Sur durante un mes e se incorporen aos proxectos de cooperación que alí desenvolven os nosos parceiros. Recollendo a positiva experiencia do pasado ano, no 2007 queremos seguir tendendo pontes entre o noso mundo local e a realidade doutras comunidades menos favorecidas, dándolle continuidade a unha cooperación de carácter horizontal, de intercambio e aprendizaxe mutua. O prazo para apuntarse remata o 15 de maio. Animade e animádevos a esta viaxe solidaria.

[Máis información en pdf baixar arquivoarquivo pdf].

 
Volver a Comunicación



Fondo Galego
www.fondogalego.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/10/2007
Fernando Pol


Subir