Logotipo, obra de Pepe Carreiro
-Fundación Plácido Castro
VolverVolver a Titulares
 
 
VII Conferencia Anual Plácido Castro
Plácido Castro e a Prensa da súa época

Pronunciada por Luís Álvarez Pousa (Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2006)
 
 

Todo foi ao revés para que Galicia participase con todas as consecuencias na revolución industrial que se xerou e desenvolveu en Europa. A súa prensa tamén sufriría esas eivas no tempo en que política, social e tecnicamente todo favorecía nos seus ámbitos de referencia máis inmediatos –países europeos como Inglaterra e Francia, ou España máis serodiamente– a conformación dunha sociedade e dunha cultura de masas, caldo de cultivo necesario para que a súa prensa tamén o fose. A iso contribuíu así mesmo a tardanza en acadar os mínimos niveis educativos ou de alfabetización esixidos, e os de asentamento urbano.

Nesas condicións de atraso estrutural, a prensa galega tardou en se aproveitar do que, segundo os expertos(1), constituíu unha das etapas máis brillantes da historia económica de Galicia: a que empeza en 1890 e vaise consolidando ata que culmina forzadamente en 1936. Non o faría ata os anos 20 do século pasado: aínda que de maneira limitada por mor dos condicionamentos socioeconómicos e técnicos, a aparición do que sensu stricto entendemos que é o primeiro dos diarios de masas, o Galicia (1922-1926), supuxo á fin o arranque do tempo no que a prensa galega interioriza o seu máis decidido desafío modernizador, abríndose á contemporaneidade e a canto a vai facer visible en acontecementos e ideas que a complexizan.

Agás en momentos de ruído patriótico, que é cando fan causa común co resto da prensa española –a guerra contra a invasión napoleónica ao comezar o século, as guerras coloniais que deran finalmente no desastre do 98 cando remata–, ese obxectivo foi moeda corrente nunha parte considerable das publicacións periódicas que conforman a protohistoria da prensa galega. Quérese dicir, as que se poderían localizar entre a aparición de El Catón Compostelano (1800) e o despegue da prensa de empresa unha vez rematada a primeira guerra mundial, que é cando se abre á contemporaneidade, esa etapa histórica de longo recorrido que, malia sufrir durante os corenta anos de franquismo un brutal sega de cabeceiras e un apagón informativo sen precedentes, asentou cando xa na Transición os seus propietarios desandan perversas complicidades e converxen nas súas empresas os factores –económicos, tecnolóxicos, xurídico-políticos, profesionais, poboacionais, educativos e culturais– que as farán competitivas, cribles e operativas para a democracia e o autogoberno. Isto é, por outra parte, o que permitiu que a prensa galega resistise, aínda en condicións adversas, a presenza novidosa da radio a partir de 1924 e máis propiamente a partir dos anos 30, o impacto posterior da televisión, e aínda hoxe a revolución que no mundo da comunicación e da información supón Internet.

Aínda que con ritmos e intensidades moi distintas segundo as épocas, a persistencia da prensa máis liberal nese obxectivo do todo por Galicia non tería sucedido se non fose simultaneamente compartido por cantos, desde mediados do XIX, afianzan en diferentes momentos históricos un certo liderado intelectual, ou no seu caso un certo liderado social, dando pé a movementos e programas reivindicativos aos que a prensa non podía deixar de prestarlles atención. Máis aínda, algúns deses movementos teñen a súa orixe na prensa periódica, ou alimentáronse nela. Sucedeu primeiramente cos provincialistas, e máis tarde cos rexionalistas do último terzo do XIX, cos solidarios da primeira década do XX e cos que van protagonizar dez anos despois o espertar do nacionalismo, aproveitando a tendencia que se viñera materializando na Europa emerxente dos Estados-nación, e entroncando coa tradición do federalismo republicano que se manifestara con diversas fórmulas no Sexenio Revolucionario e na Primeira República.

Nos anos 20 do pasado século, os periódicos marcaron a toda unha xeración de intelectuais, escritores e activistas sociais de variada definición ideolóxica, aos que os unía o sentimento de pertenza a unha comunidade básica, Galicia, e a vontade de darlle sentido e dimensión política. Non decaeu nos anos republicanos esa converxencia polo obxectivo común, aínda en medio de desencontros ideolóxicos, de estratexias contrapostas e loitas partidarias. Todo rachou nos anos da longa noite de pedra, porque o réxime de Franco esixíalle aos periódicos identificación plena e única cos principios do chamado Movimiento Nacional.


Anos 20: cara ao modelo de masas

A prensa galega enfía a súa transición cara ao modelo de masas –e de empresa– fundamentalmente a través de tres xornais diarios de información xeral que aparecen entre 1920 e 1925: La Zarpa (1921), que funda e dirixe en Ourense o líder agrarista Basilio Álvarez, Galicia (1922), que dirixe en Vigo o escritor e empresario Valentín Paz Andrade e El Pueblo Gallego (1925), fundado pola Liga de Defensores de Vigo e posteriormente adquirido por Manuel Portela Valladares. Benefícianse da corta que fixeran os diarios máis próximos ao modelo informativo e de masas que eles emprenden –velaí a maior parte dos diarios comerciais que aínda seguen editándose actualmente–, pero que por diferentes razóns non se colocaran antes que eles, e con todas as consecuencias, na rampla de saída. Esas cabeceiras comerciais víranse envoltas nas súas propias contradicións, e non arriscan nada, impactadas polos ventos revolucionarios de 1917 e pola crise constitucional que xera nese mesmo ano a converxencia de tres graves conflitos: o militar, que protagonizan fronte ao goberno as Juntas de Defensa, o que radicaliza a chamada cuestión nacional provocada polo catalanismo a través da Asemblea de Parlamentarios e a folga xeral que o movemento obreiro, nas súas expresións anarquista e socialista, levará a cabo(2).

Ao contrario do sucedido cos tres diarios citados, non deran conectado coas correntes de pensamento que os fenómenos políticos da segunda década do XX introduciran nos debates públicos, nin cos movementos sociais –agrarismo, obreirismo– e políticos –socialismo, galeguismo, rexionalismo/nacionalismo– a que deran lugar. Son os diarios de información xeral que se autocualifican de independentes, e que tiveron desde o seu nacemento unha adscrición política, partidaria ou de grupo ideolóxico: un deles, La Voz de Galicia (1882), que o fundador Fernández Latorre puxera inicialmente ao servizo do movemento democrático-progresista, monterista, acabaría anos despois opoñéndose ao movemento rexionalista, ao galeguismo e mesmo ao Estatuto, pese á súa calculada ambigüidade noutros asuntos da época republicana; outros teñen un recorrido conservador e recrúan por iso esas mesmas posicións, como Faro de Vigo (diario desde 1879), El Correo Gallego (Ferrol, 1878), Diario de Pontevedra (1887), El Progreso (Lugo, 1908), ou os que se definen católicos como La Región (Ourense, 1910) e El Ideal Gallego (A Coruña, 1917). Estes dous últimos forman parte dun grupo de diarios que nacen en diversas provincias españolas cando os grandes periódicos madrileños amosan un crecente anticlericalismo, e a Igrexa non ten ningunha cabeceira afín que competise con eles de igual a igual –conseguiríao tras a saída de El Debate.

Hai outro grupo de periódicos que non deron finalmente o salto da independencia partidaria, de grupo ou movemento ideolóxico, nin se decidiron abertamente polo modelo informativo en troques do a un tempo doutrinario e gacetilleiro, e acabaron ensumíndose pouco a pouco: entre os máis influíntes, La Concordia (Vigo) e El Pueblo (Pontevedra), El Noroeste (A Coruña), Heraldo de Galicia (Ourense), que asumiu ser o órgano oficioso de Acción Gallega, ademais do máis conservador El Compostelano (Santiago), que pasaba por estar ligado ao arcebispado, e do monárquico e crítico co socialismo El Orzán (A Coruña). Competir a esas alturas significaba tamén investir nas novas máquinas de composición e reprodución, e iso non estaba xa ao alcance de calquera. Resistirían mellor algúns dos periódicos locais ou comarcais da época, que non tiñan que competir a ese nivel, e por iso seguiron publicando as súas catro páxinas coas máquinas do pasado, coma os aínda hoxe vivos Heraldo de Vivero e La Voz de Ortigueira, desaparecendo aqueles que uniran a súa sorte á dos que lles deran vida: La Voz del Miñor, La Voz de Valdeorras ou o militante e orixinal El Barbero Municipal (Rianxo).

O golpe militar de Primo de Rivera en 1923 viña sancionar pola brava unha situación que se volvera crítica nos últimos anos da Restauración, logo do asasinato de Dato e da guerra con Marrocos que deu no desastre de Annual, coas prácticas clientelares inseridas na acción política e cun sistema parlamentar que o turnismo se encargara de dinamitar. Un panorama desalentador, sufrido moi intensamente polos intelectuais que viñan amosando a través da prensa española e galega a súa vocación política, polo que deciden redirixir o seu esforzo persoal cara á cultura e a literatura. É o tempo das revistas. Antes incluso que a Revista de Occidente (1923), que se pode considerar produto desa frustración entre a intelectualidade española(3), aparece en Ourense a revista mensual Nós (1920), na que a intelectualidade galeguista transversaliza o seu pensamento a través da cultura periodística. Outra revista, Alfar (A Coruña), fixera unha aposta polas vangardas artísticas e literarias e tivo proxección internacional da man do cónsul chileno Julio J. Casal. Aparte doutras monotemáticas –a de educación As Roladas, como anos máis tarde Vida Escolar, a aínda existente Industrias Pesqueras fundada por Valentín Paz Andrade, e Galicia Clínica no ámbito da medicina–, aparecerían na segunda parte da década Ronsel, Resol ou Yunque, por citar as máis participadas por escritores e intelectuais galegos.

Tras o golpe primoriverista, quedaron suspendidas tódalas garantías constitucionais, e de entre elas as de expresión e opinión, reinstaurando a censura previa e tamén a posterior sobre as publicacións. A prensa de ideario, de corrente partidaria ou de movementos sociais –publicacións agrarias, obreiras, republicanas e galeguistas– languideceu forzosamente neste período, agás no caso das cinco cabeceiras que actuaban no nome do partido gobernamental Unión Patriótica. Con todo, fiándose da propaganda rexeneracionista coa que o ditador e mailos demais integrantes do Directorio Militar tomaron o poder, os galeguistas e nacionalistas recibiron con certo alivio a quen, a cambio, anunciaban a fin do caciquismo e do clientelismo que o sistema turnista viñera alimentando durante o tempo da Restauración, explicitándoo así a través do seu principal órgano de información, A Nosa Terra. Axiña ían ter que cambiar de discurso, porque a partir do número 196 (1 de xaneiro de 1924) esta publicación nacionalista vai experimentar en carne propia os efectos da censura previa.

A censura actuará especialmente sobre a prensa de información xeral, e de maneira moi estrita sobre os diarios que máis explicitamente antepoñen a súa función normativa á comercial. Entre eles, os tres diarios de referencia que, como queda dito, coinciden cos primeiros anos da ditadura. Sobre eles caerán sancións e suspensións, a mellor maneira de facelos desistir ou desaparecer. Repercutiu no espírito combativo de La Zarpa, que se iría afastando pouco a pouco da súa inicial dicotomía –a información que desvela e provoca mobilizacións pola terra, froito sen dúbida do seu declarado republicanismo, convivindo a diario coa opinión e o pensamento galeguista dos intelectuais–, polo que estes últimos acabarían por deixar de colaborar nel a partir de 1924. Como tamén repercutiu no seu modelo xornalístico, ata ese momento orientado cara á información xeral, con suplementos monotemáticos ou especializados, e máis proclive desde entón ao resistencialismo militante, ideolóxico e partidario, que durante a II República se identifica xa abertamente co do Partido Radical.

Todo se volvera tamén en contra do Galicia, que houbo de pechar en 1926 por non poder facerlle fronte á censura, ás suspensións, ás multas e á progresiva descapitalización da empresa. El Pueblo Gallego aparecera por iso un ano antes en Vigo coa súa competencia máis directa á baixa. Tanto, que axiña se converteu no refuxio dos intelectuais, maioritariamente galeguistas e en menor medida liberais de variadas tendencias, aos que deixa orfos a caída definitiva do Galicia. Tanto o seu primeiro director, Ramón Fernández Mato, como quen o sucedeu despois de facerse coa súa propiedade en 1927, Manuel Portela Valladares, non deixaron de mirar de esguello para El Sol, que brillaba no mercado informativo español, polo que o emularon dándolle entrada ao pensamento máis innovador do momento, pese a facerse así merecedor das iradas reaccións de censores e eclesiásticos, e tamén o seguiron na procura dun xornalismo de referencia, para o que experimentarían novas fórmulas creativas á hora de presentar e facer atractivo o produto. A fórmula funcionou. Tan foi así, que Portela rematou instrumentalizando o periódico para dar o salto definitivo á política. Daquela xa virara moitos graos respecto das grandes causas sociais, así como da súa inicial receptividade galeguista.


No tempo da República

Coa República, volven ser legais os partidos e os sindicatos obreiros que foran declarados ilegais durante a Ditadura, e deseguida retoman cotas de poder e de influencia na prensa, que ofrecería unha grande pluralidade ideolóxica. A Igrexa e as dereitas nas que aquela se apoia persistirán coa súa, utilizándoa contra o novo réxime e no seu momento tamén contra o Estatuto de autonomía. Farano uns e outros sobre a prensa diaria de información xeral en curso, e tamén sobre as numerosas cabeceiras de nova creación –207 das 329 que acabaron estando en circulación(4). Entre estas últimas cabe subliñar: as revistas de esquerdas La Calle e La Draga (A Coruña), La Hora (Pontevedra) ou as compostelás Galicia Federal (1931) e Ciclón (1932), Amañecer (1933), Resol (1934), así como as da esquerda galeguista Claridad (1933) e Ser (1935); ou a republicana e galeguista Guión (1930) en Lugo, ás que hai que engadir a preexistente Nós (ata 1935) e a máis dereitosa e católica Logos (Pontevedra, 1931), ou as conservadoras Vida Gallega, a publicación ilustrada que Jaimé Solá dirixiu en Vigo, Unidad (Santiago) e as que a Igrexa e o sindicalismo católico foi creando contra o liberalismo e a República, especialmente a mindoniense Galicia Social Agraria (1931) que substituía a Galicia Agraria, que se viñera editando desde 1927 en A Coruña, así como a viguesa Galicia Social (desde 1918) e a compostelá Abrente (desde mediados dos anos 20).

É preciso facer cando menos mención dunha serie de publicacións de ámbito local ou vilego, de moi variada periodicidade, a maior parte delas utilizadas como instrumento de confrontación e propaganda ideolóxica a prol da República, do Estatuto e do campo, e en contra do caciquismo e da corrupción administrativa e electoral. Títulos como o semanario crítico e satírico El Soplete (Redondela, 1931), o galeguista La Estrada (A Estrada, 1932), o socialista La Lucha (A Pobra do Caramiñal, 1932), o galeguista Razón (Lalín, 1932) ou Hoy (1935), o semanario máis mornamente republicano aparecido en Tui, outro enclave urbano de tradición periodística (a conservadora pero influínte La Integridad (1888), por exemplo). Outras cabeceiras locais eran contrarias a toda manifestación de liberalismo e republicanismo, e de entre elas, as promovidas polo bispado de Mondoñedo Vallibria (1930), Acción Social (desde 1918) e a xa citada Galicia Social Agraria.

Os diarios resitúan as súas respectivas tendencias, e xogan un papel cada vez máis decisivo nese tempo convulso. Os periódicos de ideario remarcan así a súa vocación política por riba da súa vocación periodística, que se adscribe de novo na práctica ao modelo ideolóxico. Velaí como Basilio Álvarez pon La Zarpa, xa sen o vigor contestatario da súa primeira época e fiel reflexo da involución do seu propietario, ao servizo do Partido Radical, trocando o coruñés El Noroeste na cabeceira o subtítulo “Diario de La Coruña” por “Órgano del Partido Radical Socialista”. Entre as publicacións non diarias, sucede outro tanto. É o que fai que A Nosa Terra pase a ser desde 1932 o voceiro oficial do nacente Partido Galeguista, que tamén tivo no semanario ourensán Heraldo de Galicia outro portavoz, neste caso do sector máis dereitista.

Malia que non de maneira explícita, tamén é esa a tendencia das cabeceiras comerciais. La Voz de Galicia, que non tivo durante a etapa republicana unha posición ideoloxicamente definida, viña identificándose coa tradición garciprietista, e así se mantivo, apoiando ás dereitas e amosándose finalmente moi reticente co Estatuto de autonomía. El Ideal Gallego, un diario de dereitas belixerante contra o Estatuto e fiel tradutor das consignas eclesiásticas, tan ben acollidas tamén por El Eco de Santiago, Diario de Pontevedra, El Progreso de Lugo, La Región de Ourense e, aínda que en menor medida, por El Compostelano, remisos todos ante o proceso estatutario. Era melquiadista El Progreso de Pontevedra, e calvosotelista o ourensán Galicia. Declaradamente republicanos ou que se amosan favorables á República e ao Estatuto de Autonomía cóntanse cos dedos dunha man. Os demais son subrepticia ou explicitamente monárquicos(5), belixerantes contra a autonomía uns, estudadamente abstencionistas outros, ou meramente permisivos, como foi o caso de Vanguardia Gallega (Lugo), propiedade da familia Correa Calderón.

Republicano e de esquerdas era El País (1932), que viña de ser fundado en Pontevedra. Tamén La Zarpa seguiu proclamándose republicano, pero advertíndose nel un retroceso na súa inicial liña progresista e galeguista. Moderadamente republicano foi El Noroeste, dirixido en 1933 polo xornalista e político Roberto Blanco Torres. Mantiña a súa definición republicana El Pueblo Gallego, que acomodaba a súa liña editorial ás estratexias político/partidarias do poder central, participando no proceso estatutario moi á defensiva. Iso quizais explique por que asumira con certa disciplina militante as leis restritivas da liberdade de expresión e de prensa –a de Defensa da República (1931) e a de Orde Pública (1933)–, que tanto El País e en menor medida El Noroeste como as publicacións galeguistas e nacionalistas, anarquistas, comunistas e algunhas de entre as socialistas máis significadas acolleron de mala gana e con explícitas reservas.


Do franquismo e a prensa amordazada

O golpe militar do 36 truncou o recorrido da prensa de ideario republicano, galeguista e autonomista. Os periódicos destas tendencias correron na súa práctica totalidade a mesma sorte que os partidos políticos e os sindicatos obreiros, todos eles ilegalizados. El Pueblo Gallego é un dos diarios que o réxime franquista considera botín de guerra, polo que foi incautado, pasando a formar parte da Cadena de Prensa del Movimiento, controlada inicialmente polos falanxistas(6). A outra prensa púxose do lado dos sublevados, e sometéronse sen reparos á xurisdición militar, primeiro, e á normativa de signo totalitario que impón a Lei de prensa de 1938, despois. A lexislación atribuíalle ao Estado a organización, vixilancia e control de toda a prensa, e en concreto: regular o número e extensión das publicacións periódicas –o que provocou a caída inmediata das non adscritas ao bando dos vencedores(7)–; intervir na designación do persoal directivo dos periódicos; regulamentar a profesión periodística creando un Rexistro Oficial no que os periodistas estaban obrigados a inscribirse; controlar os contidos da prensa, aplicándolles a censura e o aparato sancionador, que ía desde a multa á incautación, pasando pola destitución do director.

A información allea aos criterios gobernamentais foi unha tarefa imposible durante o franquismo. Pero tampouco quedaban en Galicia periódicos que pretendesen o contrario. Acataron de bo grao as directrices e sumáronse ás campañas de propaganda ideadas a prol do réxime. O xornalismo escrito quedaría ademais relegado a partir de que se crean outras canles de información masiva que o franquismo utilizou a tope: o cine(8), a radio e, uns anos máis tarde, a televisión (1956). Os escritores e intelectuais retiráronse aos seus pazos de inverno: revistas literarias, culturais e, máis serodiamente, de pensamento: Cuaderno de Estudios Gallegos, Posío ou os boletíns museístico. E só emerxeron timidamente á superficie cando a mediados dos corenta aparece en Santiago o vespertino La Noche (1946-1968), que viña substituír a El Compostelano, aproveitando a físgoa que supuña o troco nos órganos estatais de control e censura de falanxistas por católicos –directivos da Asociación Católica Nacional de Propagandistas e ex-redactores de El Debate–. O réxime tentaba o seu primeiro lavado de cara após da derrota alemá na II Guerra Mundial.

Os cincuenta foron anos de cambios sociais derivados das transformacións económicas e dos primeiros contactos co exterior, aparecendo os primeiros brotes de disidencia e contestación, que o réxime tenta controlar reforzando a presión sobre os medios de comunicación a través dun Ministerio de Información e Turismo (1951). A conxuntura aperturista no económico non ía representar unha actitude liberalizadora en materia informativa e de prensa. Recrúase a censura e multiplícase as consignas. A prensa galega, como a do resto do Estado, oficializa cada vez máis os seus contidos informativos, que a maior parte das veces chegan vía delegacións provinciais do MIT. Desde Madrid ditábanlle os editoriais en datas sinaladas, maiormente as das efemérides patrióticas coas que o franquismo se agasallaba a si mesmo. As Hoja del Lunes, creadas pola ditadura de Primo de Rivera en 1926 e xestionadas polas asociacións da prensa mentres os diarios de empresa mantiveron o descanso dominical, foron o soporte profesional no que o franquismo materializou a súa política propagandística.

Uns e outros deberían coidarse de publicar informacións ou artigos que non cadrasen co san rexionalismo, o que na práctica supuña someter a corentena informativa feitos e manifestacións locais que fosen susceptibles de seren interpretados en clave galega, o que de feito colocaba á lingua na marxinalidade. A Revista de Economía de Galicia e Grial (literatura e pensamento), ambas as dúas creadas pola editorial Galaxia pouco despois da súa fundación (1950), e as revistas Galicia Emigrante e Vieiros, que dirixían en Bos Aires e México, respectivamente, os intelectuais exiliados Luís Seoane e Carlos Velo, Delgado Gurriarán e Luís Soto foron as plataformas intra e extramuros en que unha longa nómina de pensadores, escritores e artistas puideron expresar as súas ideas sen someterse á censura e ás non menos ríxidas autocensuras da década anterior. Máis alá, xa que logo, dos textos iniciáticos e ás veces crípticos que Raimundo García Domínguez (Borobó) publicaballes en La Noche.

A chamada Lei Fraga (1966) veu urxida pola necesidade que ten o réxime de gañar credibilidade dentro e fóra de España. Pese a querela vender como unha lei liberalizadora, a obsesión pola intervención sobre a prensa non cedeu. O Estado controlaba con man de ferro a televisión, poñéndoa ao servizo da propaganda e do dirixismo ideolóxico, e delimitaba para a prensa un réxime de control que, por máis que mutaba a censura previa obrigatoria pola de carácter voluntario, asumía a liberdade de empresa informativa e deixaba que as empresas designasen aos seus propios directores, non deixaba de ter un marcado signo intimidatorio. De feito, as sancións, os expedientes, as suspensións, os apercibimentos, as ameazas e secuestros seguiron sendo unha realidade. De 1967 data precisamente a sanción contra La Voz de Galicia –50.000 pesetas– polo artigo “Sobre el idioma gallego” en que Felipe Fernández Armesto (Augusto Assía) reivindicaba o seu uso social(9).

A radio seguía maioritariamente nas mans de empresas familiares moi conservadoras, que ademais estaban obrigadamente suxeitas ás conexións do “parte”, como popularmente se coñecían os diarios falados que monopolizaba a emisora do Estado, Radio Nacional de España, ferreamente controlada polas autoridades ministeriais. As emisoras asociadas á cadea SER, e as máis tardías de Radio Popular asociadas á COPE dos bispos, aventuraban desde finais dos sesenta estilos de programación e información local, aínda que de escaso voltaxe analítico. As da cadea de radiodifusión do Estado eran, sen excepción, o taboleiro de anuncios e os voceiros dos respectivos gobernadores civís.


Plácido Castro: o discurso xornalístico

Plácido Castro pertence a esa xeración de intelectuais e políticos galegos que conciben e fan uso da prensa como un dos principais activos para a creación de conciencia cidadá. Decatáronse de que a prensa é un actor social imprescindible para asentar en Galicia aquelas alternativas ideolóxico-políticas que confluían, non sen tensións, na Europa de entreguerras. Coincide, ademais, cos anos en que os xornais afrontan unha fonda e transcendental reconversión industrial e conseguintemente profesional das súas estruturas, urxidos sen dúbida polos cambios sociais e culturais que van experimentando os públicos, consolidándose así a prensa de masas.

Séntense aguilloados pola sucesión de acontecementos e, auxiliándose dos novos mecanismos de transmisión, fan do xornalismo informativo un obxectivo prioritario. Pero sen se arredar da vocación política que xustificou a súa creación, e que en cabeceiras como El Orzán, La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego ou El País, e tamén na prensa de ideario, como A Nosa Terra, alimenta o modelo de xornalismo ideolóxico co que arrancou o século XX. Reprodúcense así na prensa as posicións coas que se autoafirman sucesivamente en Galicia o agrarismo, o nacionalismo e o republicanismo.

Esa xeración conquista os espazos xornalísticos, ora desde dentro das redaccións (un Blanco Torres ou un Xohán Carballeira, entre outros), ora desde a condición de colaboradores, como é o caso de Plácido Castro desde que en 1927 decide participar nesa estratexia de propulsión cívica. Os índices de urbanización e alfabetización seguían sendo moi baixos, pero avanzaban, o que daba azos a quen coma el estimaban que sobre eses vimbios era posible afianzar un proxecto político, liberal e progresista no país. Para o que era preciso, antes de nada, tomar conciencia desa realidade en construción. Cara dentro e cara fóra.

Os galeguistas do primeiro nacionalismo galego que xurde arredor das Irmandades da Fala, nomeadamente un dos seus apoios máis sólidos, Antón Vilar Ponte, atoparon en Plácido Castro a un lúcido e culto propagador de ideas e a un ácido fustrigador do centralismo desnaturalizador, pero tamén a quen posuía a visión máis aguda sobre a necesidade que tiña de lexitimarse, e con el Galicia, no ámbito xeopolítico europeo e, andando o tempo, a ambas bandas do Atlántico. Estaba entre os mellores embaixadores para ese dobre cometido, tal como se pode comprobar tanto nos artigos ensaísticos como nas crónicas que foi publicando antes da Guerra Civil, primeiramente desde o Reino Unido, e xa de volta a Galicia durante os convulsos anos republicanos, en El Pueblo Gallego (Vigo), Informaciones (Madrid), La Nación (Buenos Aires), Jornal de Noticias (Porto) e nas publicacións de ideario A Nosa Terra e Ser. Ou tal como o demostrou en 1931 durante o IX Congreso de Nacionalidades Europeas, en Berna, a onde acudira en nome do Partido Galeguista para conseguir, e así foi, que se lle recoñecese ese status a Galicia.

Pese a que, seguindo esa dobre e complementaria vía de compromiso persoal, sabe bifurcar os seus textos segundo vaian para a prensa galega ou para a prensa de fóra, ofrecendo na primeira aqueles que teñen a actualidade como un referente necesario e na segunda aqueles que toman a actualidade como un pretexto referencial, non se diferencian apenas na súa fórmula estrutural. Son sempre textos de opinión que, sen romperen coa actualidade, posúen as características propias do xénero ensaístico. Velaí por que optamos por cualificalos, dentro da tipoloxía xornalística dos xéneros argumentativos, como artigos ensaísticos. Mesmo os que el definiu como crónicas (“Crónicas desde Londres”, que enviaba tanto a El Pueblo Gallego como a Informaciones) non o son en sentido estrito, pois que rebordan o ton informativo-interpretativo propio do xénero, visibilizando unha estratexia retórica –argumentos obxectivos e tamén subxectivos con afán probatorio e persuasivo– na súa construción, ademais dun envolvente ensaístico que lle sirve para contextualizar os temas no tempo histórico, político, social e cultural que corresponda.

Este é, por outra parte, o modelo máis utilizado polos pensadores e ideólogos nas publicacións daquel tempo. Tanto en épocas de resistencia –eis por que a rebelión dos intelectuais contra as medidas de restricións e censura da Ditadura de Primo de Rivera acabou producindo literatura xornalística dese tenor–, como e sobre todo en épocas de apertura e conseguintemente de acentuación das diferenzas ideolóxicas –eis a carga de opinión e polémica na prensa cada vez máis numerosa dos anos republicanos–. Xa que logo, non inventaba nada. Botou man del para conseguir o que outros moitos pensadores e ideólogos perseguían, cada quen desde a súa posición estratéxica e co seu propia sinal autorial –a de Plácido Castro centrada no proxecto progresivo e progresista dunha Galicia autogobernada, incardinada na Europa das nacionalidades con personalidade propia–: influír na opinión pública.

Foron 177 os artigos que, segundo a catalogación realizada polo investigador José Villanueva Rey(10), escribiu Plácido Castro en El Pueblo Gallego entre 1927 e o comezo da guerra civil. Da súa valía intelectual daría conta o citado xornal cando publica a noticia do seu novo colaborador: “Después de tantos años de ausencia, ha vuelto a su tierra este joven escritor de sólida cultura y hondas inquietudes ante el problema espiritual de Galicia. Plácido R. Castro del Río apenas es conocido literariamente en nuestro país, a pesar de sus grandes méritos, porque ha pasado sus mejores años en Inglaterra, donde hizo sus estudios y adquirió unha sólida preparación intelectual”.

En efecto, esa é ao meu ver a razón que explica que non caia nos seus artigos na demagoxia propia de quen se abona ao ideoloxismo e esquece as regras máis elementais da retórica aristotélica, algo moi frecuente na prensa durante os convulsos anos da República. Subscribe, pola contra, un modelo de construción discursiva que utiliza recursos científicos, lóxicos e lingüísticos para expoñer unha tese que pretende demostrar como verdadeira ou de valor universal. Velaí a consistencia argumentativa dos seus textos de opinión ao abordar, entre outras, as teses do universalismo e a necesidade dun equilibrio internacional que compatibiliza coa defensa das pequenas nacións; a do pacifismo facendo dos cidadáns e nos dos Estados o verdadeiro obxectivo antibélico; a dos nacionalismos útiles que asentan en proxectos e programas nos que a identidade é concibida como unha estratexia a desenvolver; a dunha política exterior para Galicia; a do cooperativismo como fórmula embrionaria dunha economía autoorganizada…

Tenta persuadir sempre mediante un razoamento que se auxilia nos coñecementos que o propio autor ten sobre os acontecementos, feitos e realidades sociopolíticas que priman nas axendas do seu tempo e que, explicitados mediante un código lingüístico-literario que os fai facilmente comunicables, contribúen a facer posible o obxectivo que tanto Plácido Castro coma os seus compañeiros de xeración tentaban conseguir valéndose da prensa: axustar, modificar ou transformar os imaxinarios sociais e culturais da comunidade galega, que sufría as consecuencias dun proceso histórico que non lle fora precisamente favorable, e dun tempo político que as elites non conseguiran socializar a favor dela. Velaí todos os artigos ensaísticos (textos de persuasión argumentativa) e todas as crónicas interpretativas (textos de persuasión narrativa ou descritiva) que publicou sobre Irlanda ou sobre a relación entre o Reino Unido e os países de Escocia e Gales, para que se reflectise neles a sombra alongada dunha Galicia traizoada.

Bastantes deses artigos políticos de finais da Ditadura de Primo de Rivera e da República resultan plenamente actuais, como resaltan algúns dos que se teñen achegado ultimamente á súa prosa xornalística, tal é o caso do profesor Francisco Fernández Rei(11). Mesmo con ideas que poden resultar máis avanzadas do que defenden hoxe algúns nacionalistas, e que sen dúbida introducirían se fose hoxe unha forte polémica. Eis por exemplo a comparanza que fai entre a situación pola que pasaban os partidos políticos da época co que ocorrera en Irlanda: “mentres os nacionalistas, mestres da estratexia política, se dedicaron a intervir no xogo político do Parlamento británico, non conseguiron para a súa terra a máis pequena autonomía. Foi preciso o irredismo e o exclusivismo do Sinn Féin para acadar a independencia de Irlanda”(12). E chegará a solicitar noutro artigo de El Pueblo Gallego que non se esqueza “o exemplo histórico de Irlanda, que só conseguiu a súa liberdade cando o nacionalismo que interviña na política británica foi aniquilado por un partido cunha conducta que estaba reflectida no seu nome, Nós Sós –Sinn Féin–”(13). Irlanda será un referente constante nos seus artigos anteriores á guerra civil á hora de buscar modelos colectivos nos que Galicia podería aprender a deseñar e conformar un futuro máis independente e moderno.

E foi tamén el o que, moito antes de que Beiras expuxese aplicadas a Galicia as teorías do occitanista Robert Lafont sobre o colonialismo interior, se adianta para denunciar a situación colonial en que vive Galicia: “Debemos considerar como estraños ós que colaboran en gobernos centralistas. Abonda xa de comisións mendicantes, de peticións dirixidas ós mesmos que nos asoballan. Como na derradeira protesta de Galicia, temos que facer sempre as nosas protestas en Galicia –en toda Galicia e non nunha provincia, xa que as provincias son un recurso do centralismo–, aínda que nos digan que pedimos imposibles os políticos acostumados só a conceder favores e non a facer xustiza. E este é un deber elemental do galeguismo”(14). Escribía, non se esqueza, en 1930.

Como sinala Xulio Ríos con frecuencia, é seguramente o intelectual e activista daquela gran xeración que mellor conecta coa necesidade de situar e facer visible Galicia no mundo. Velaí que non parou ata que Galicia tivo o recoñecemento do feito nacional galego, ou de Galicia como nación europea, no IX Congreso de Nacionalidades Europeas (Berna, 1933). A valorar ese recoñecemento por parte dun organismo adxunto á Sociedade de Nacións dedicou dous artigos en El Pueblo Gallego(15). Aínda hoxe seguimos pendentes de que Galicia deseñe e poña en valor a súa propia acción exterior. Nela pensaba e sobre ela escribía xa daquela Plácido Castro.

E non me dirán que non era un pre-polemista naquelas pezas xornalísticas nas que argumenta o que para el era incuestionable galeguidade lingüística e cultural das comarcas estremeiras coa Galicia administrativa (Eo-Navia, Bierzo occidental e As Portelas), tal e como xa queda previsto no articulado do Estatuto de Autonomía de 1932. O artigo 2º prevía a posible agregación de calquera territorio limítrofe de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas, mediante os requisitos que as leis xerais establecesen. Velaí o cerne do artigo “Justificación del nacionalismo” publicado no bonaerense La Nación(16), en referencia ao movemento galego en defensa do ferrocarril Zamora-Ourense-A Coruña, emocionado polo xesto dos habitantes de Sanabria, que se amosaron orgullosos de batallar polo mesmo baixo a bandeira de Galicia. Porque “Galicia é algo máis ca unha división xeográfica –escribe– que ten os elementos sentimentais necesarios, ademais dos materiais, para ser unha nación, sexa cal sexa o nome que oficialmente se lle atribúe”.

Esa súa capacidade introspectiva, posta de manifesto nas súas colaboracións xornalísticas en diarios e revistas da época, é precisamente a que utilizou como argumentación o chamado Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas que o xulgou e condenou despois de ser detido en Muxía ao se producir o golpe militar do 36. Dicía textualmente na súa sentencia condenatoria: “Se significó públicamente por la intensidad y la eficacia de su actuación, (protagonizando) actos encaminados a fomentar la situación anárquica en que se encontraba España”.

Os tráxicos avatares da Guerra Civil obrigárono, como a tantos outros, ao silencio. Rompeu con el na BBC de Londres, á que volve fuxindo da persecución e do desasosego permanentes. A solidariedade internacional contra o réxime franquista, a defensa dunha Europa sen fascismos, a democracia como fundamento de convivencia, e Galicia como referente vital, intelectual e político, están nas súas alocucións radiofónicas, en castelán nunhas, en galego noutras. A volta ao seu país en 1956 tamén é a volta á súa actividade xornalística (Faro de Vigo, La Noche, Diario de Pontevedra, ou o agora incautado El Pueblo Gallego…). Pero non será como antes. Non hai debate político, non hai xornalismo político. Os seus textos conservan a lucidez autorial e o compromiso moral de sempre, pero reorientados. Nos temas e na estrutura. A cultura, as tradicións, a poesía, as posibilidades do turismo e a necesidade que ten Galicia de traballadores profesionalmente ben formados. A actualidade só como un pretexto referencial.

Luís Álvarez Pousa, profesor de Xornalismo Especializado (USC).

 
 

 

Notas:

(1) O economista Xan Carmona divide en catro grandes etapas os dous séculos que conforman a historia económica da Galicia contemporánea: unha primeira, a de 1830-1890, moi depresiva, a que vai de 1890 a 1936, que cualifica de brillante, a de 1939 a 1957, e a comprendida finalmente entre 1958 e 1998. Estariamos nos primeiros anos do século XXI no tempo de transición cara unha nova etapa.

(2) Viejo Viñas, R., “As institucións políticas, Breve contexto histórico-político da Galicia dos anos vinte”, n’O xornal Galicia (1922-1926), Consello da Cultura Galega, Santiago, 2004, pp. 27-35.

(3) Fernández Clemente, E., “La dictadura de Primo de Rivera y la prensa”, en AA.VV., Metodología de la historia de la prensa española, Siglo XXI, Madrid, 1982, pp. 191-192.

(4) Pérez Pais, M.C., “Voz”, en Gran Enciclopedia Gallega, Prensa, Gijón 1974, Tomo XXV, pp.219-232.

(5) Castro Pérez, X., O galeguismo na encrucillada republicana, Vol. II, Deputación Provincial de Ourense, 1985, pp. 545-558.

(6) A Lei de prensa e imprenta de 1966 (ou Lei Fraga) non modificou o status das 39 cabeceiras que integraban a Cadea. En 1977, xa na Transición, pasaron a integrarse no organismo autónomo Medios de Comunicación Social del Estado. Dous anos despois, El Pueblo Gallego pechou por non ser rendible. O goberno socialista vendeu as cabeceiras que aínda quedaban a empresarios do sector.

(7) Bordería Ortiz, E., La prensa durante el franquismo: represión, censura y negocio, Fundación Universitaria San Pablo CEU, Valencia, 2000, pp. 24-37.

(8) O NODO –Noticieros y Documentales Cinematográficos–, que era obrigado proxectar nos cines a partir de 1943, converteuse para millóns de españois na principal fonte de información semanal. O Estado mantería este monopolio informativo ata o ano 1976, evitando así a dependencia dos noticiarios estranxeiros, dispoñendo así dunha extraordinaria plataforma propagandística.

(9) Assía, A., “Sobre el idioma gallego” (Carta abierta de Augusto Assía al director), en La Voz de Galicia, 26 de Julio de 1967.

(10) Traballo de investigación inédito.

(11) Revista mensual Tempos Novos, nº 78.

(12) A Nosa Terra, 1 de Decembro de 1931.

(13) El Pueblo Gallego, 26 de Abril de 1933.

(14) A Nosa Terra, 1 de Decembro de 1930.

(15) El Pueblo Gallego, 30 de Setembro de 1933 e 10 de Outubro de 1933.

(16) La Nación, 22 de Maio de 1932.

 

VolverVolver a Titulares




Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta