Convenio de colaboración entre o Concello de Baiona e o Igadi para a creación dun Foro Iberoamericano (1999)

Texto do convenio de colaboración entre o Concello de Baiona e o Igadi asinado en Baiona o 21 de outubro de 1999.

Convenio de colaboración entre o Concello de Baiona e o IGADI para a creación dun Foro Iberoamericano

Ano tras ano, Baiona renova os seus vencellos co mundo latinoamericano impulsando diferentes iniciativas e conmemoracións que constitúen en Galicia unha referencia obrigada e de primeira magnitude que cómpre preservar e desenvolver adecuadamente.

Mirando de fronte o seu pasado, Baiona non esquece nin ignora aquela circunstancia e ese imaxinario determina a existencia dunha longa mirada cara ó exterior, sempre presente na vida local en diferentes ámbitos, ben sexan institucionais, culturais, deportivos, asociativos, ou individuais.

Conscientes do protagonismo histórico local no establecemento de contactos entre o vello Occidente europeo e o que se deu en chamar "Novo Mundo", Baiona aspira, lexítimamente, a cultivar e actualizar a mutua percepción de ambas as dúas realidades.

Establecido en Baiona dende a súa fundación en 1991, o IGADI desenvolve como una das liñas prioritarias da súa actividade a atención á problemática iberoamericana.

Compartindo unha idéntica preocupación pola necesidade de crear espacios xenuinos para a reflexión e o intercambio a todos os niveis entre as comunidades ibérica e americana, e apostando polo fomento do mutuo coñecemento, a cooperación e a solidariedade.

Reunidos na vila erizana, no día da data, dunha banda, Emilio Iglesias Álvarez, alcalde-presidente do Concello de Baiona, e doutra, Xulio Ríos Paredes, director do IGADI, de común acordo prestan o seu consentimento para a sinatura do presente Convenio de colaboración que se desenvolverá de conformidade co establecido nas seguintes

CLÁUSULAS

Primeira

O presente Convenio ten por obxecto sentar as bases para a constitución e funcionamento dun Foro Iberoamericano que impulse e vertebre actuacións permanentes que contribúan ó fomento do intercambio e ó entendemento no espacio iberoamericano.

Segunda

Entre os proxectos concretos que deberá abordar o Foro Iberoamericano figuran:

  • A creación dunha Biblioteca, unha Hemeroteca e un Centro de Documentación especializados en temas iberoamericanos.
  • A organización dun Seminario Permanente de Actualidade Iberoamericana.
  • A realización anual dun Curso de verán sobre algunha temática iberoamericana.
  • A organización de eventos diversos: exposicións, recitais, feiras, encontros culturais, xornadas de teatro, mostras de artes plásticas, festivais de cine, etcétera, co mesmo denominador común de proxectar a realidade iberoamericana.

Terceira

O Concello de Baiona amosa a mellor das súas disposicións para facilitar o apoio loxístico preciso para a digna realización deste proxecto.

Cuarta

Tanto o Concello de Baiona como o IGADI comprometense a facilitar e procurar os apoios institucionais e económicos necesarios para a efectiva materialización desta iniciativa.

Quinta

As entidades asinantes manifestan igualmente a súa vontade de recabar o máis amplo consenso e compromiso da sociedade local para desenvolver este proxecto.

Sexta

Para levar a cabo o seguimento do presente Convenio, cada unha das partes designará a unha persoa que actuará como coordinador-responsable.

Séptima

A entrada en vigor de todos os compromisos contemplados no presente Convenio será inmediata.

Oitava

A vixencia do convenio é indefinida. A súa resolución por calquera das partes deberá ser comunicada ó menos con tres meses de antelación.


E, en proba de conformidade asinamos o presente, por duplicado exemplar, en Baiona, o día vinteún do mes de outubro de 1999.

 

O alcalde-presidente do Concello de Baiona

Emilio Iglesias Álvarez
 

O director do IGADI,

Xulio Ríos Paredes