foro esp chn 2024 6

Comeza o proxecto “España-China: Asociación Estratéxica para o Coñecemento Mutuo”

O IGADI pon en marcha unha iniciativa de investigación, divulgación e diplomacia pública arredor da Asociación Estratéxica Integral entre España e China. O proxecto realízase grazas ao financiamento da Secretaría de Estado de Asuntos Exteriores e Globais, no marco da convocatoria de proxectos 2025 de Prioridades da Política Exterior Española.

O proxecto nace en coherencia co Plan de Acción bilateral acordado en abril de 2025, co obxectivo xeral de reforzar o coñecemento mutuo desde unha perspectiva descentralizada, académica e cidadá. Nos obxectivos específicos, identifícase a produción de coñecemento especializado, o establecemento de lazos España-China, incluíndo a perspectiva iberoamericana, e divulgar o estado das relacións España-China.

O proxecto estrutúrase arredor de dúas grandes liñas de actividade. Por unha banda, a elaboración dunha investigación especializada sobre as relacións España-China no ámbito das comunidades autónomas, cidades, universidades e sociedade civil, baseada na análise documental, fontes abertas e na realización de vinte entrevistas clave, que culminará coa publicación dun informe en abril de 2026.

Doutra banda, celebrarase unhas Xornadas-Programa IGADI TV “España-China: Asociación para o coñecemento mutuo”, un formato dixital innovador de tres horas de duración, previsto para o mes de abril de 2026, que reunirá voces institucionais, académicas e da sociedade civil.

Proximamente anunciarase a data da Xornadas, que dará acceso a un certificado para as persoas que asistan online.