Desde o mes de xaneiro do 2026 o IGADI-Observatorio de la Política China traballa nunha investigación arredor do papel da cooperación descentralizada no marco da Asociación Estratéxica Integral España-China (2004). Partindo desa investigación, o programa da IGADI TV do 23 de abril achegarase á historia e ás relacións bilaterais entre España e China, poñendo o foco de maneira específica nos vínculos entre os dous países grazas á cooperación entre CCAA-provincias, cidades, Universidades e sociedade civil. De maneira particular analizaranse tamén os casos da cooperación descentralizada entre México-China, Brasil-China, dotando ao programa dun marco iberoamericano compartido.
Así as cousas, no programa de tres horas de duración e conducido por Raquel Isamara León de la Rosa (Directora do Observatorio de la Política China) e Daniel González Palau (Director adxunto do Observatorio de la Política China), intervirán especialistas de recoñecido prestixio, como Huiling Luo (UCM), Andrés Herrera (Fundación Qili) Inés Arco (CIDOB) ou Daniel Veras (ALADAA Brasil), así como investigadoras do IGADI-Observatorio de la Política China, como Marola Padín, Diego Sande ou Ignacio Barroso. Como en todos os programas da IGADI TV haberá tempo para a intervención sorpresa de recoñecidas e recoñecidos especialistas.
Se queres ter acceso a un certificado de participación, matricúlate desde a web da UNED-Pontevedra aquí ou escribe a info@igadi.gal.
O proxecto “España-China: Asociación estratégica para el conocimiento mutuo” conta co apoio da Convocatoria 2025 de subvencións en materia de Prioridades da Política Exterior española da Secretaría de Estado de Asuntos Exteriores e Globais, do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Goberno de España.
