O IGADI organiza o próximo xoves 24 de abril, entre as 12h e as 15h, unhas Xornadas online que combinarán relatorios de análise, entrevistas e un faladoiro-debate final.
Realizaranse en directo na IGADI TV en galego-portugués e castelán, contando coa colaboración da UNED Pontevedra, que emitirá un certificado de participación para aquelas persoas que se inscriban desde a súa plataforma.
Os relatorios que estruturan as Xornadas son os seguintes:
- Unha Historia para o S.XXI: Do Acordo Ortográfico á entrada de España na CPLP. Por Daniel González Palau, Director do IGADI.
- A imaxe de España nos países de lingua oficial portuguesa. Por Carlos Pazos Justo, Profesor da Universidade do Minho, membro da Rede Galabra e investigador asociado do IGADI-OGALUS.
- As relacións económicas de España e Galicia cos países de lingua oficial portuguesa. Por Diego Sande, Profesor da Universidade de Santiago de Compostela, investigador do IDEGA e Coordenador da liña de investigación en Economía do IGADI.
- A CPLP, a Francofonía e a Commonwealth, a diplomacia da lingua no multilateralismo do S.XXI. Por Joao Casqueira, Profesor da Universidade Fernando Pessoa do Porto, investigador integrado no CEPESE e investigador asociado do IGADI-OGALUS.
O proxecto “España na CPLP” concebiuse desde o traballo acumulado polo IGADI arredor da acción exterior de Galicia (1991-2025), a constitución do Observatorio Galego da Lusofonía (OGALUS) no 2008 e a investigación, “Unha Historia para o S.XXI” de seguimento da Iniciativa e posterior Lei Paz Andrade, que neste 2025 cumpre once anos de andaina.
Desde estes vimbios, o proxecto nucléase arredor dun Informe final, que ten por obxectivo animar unha participación máis constructiva e eficaz de España como Observador Asociado da CPLP. O Informe desenvólvese por medio dunha crónica das relacións contemporáneas de Galicia coa lusofonía -o que precipitou a entrada de España como Observador asociado á CPLP no ano 2021-, así como unha análise arredor da figura dos Observadores Asociados na CPLP, as conclusións dun diálogo multiactor con 25 especialistas e a definición dun cadro de escenarios de futuro no marco dos novos multilateralismos.
